Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Aprendendo do público

A CANTANTE UXíA ORGANIZA ENSAIOS ABERTOS CO PúBLICO PARA PREPARAR A SúA XIRA DE VERáN

Aprendendo do público

MELóDICA | xullo 4, 2011

not_19214.jpg

É habitual nas artes escénicas pero non tanto na música. O mércores 22 de xuño, a cantante Uxía compartiu co seu público o ensaio xeral do seu espectáculo Meu Canto no Salón Teatro de Compostela. Unha sesión para afinar o espectáculo antes dunha xira na que percorrerá Galicia, o norte de Portugal e Madrid, e da que se extraen valiosas ideas para mellorar o espectáculo antes da súa estrea pública. Falamos con Uxía para coñecer máis sobre a experiencia.

Uxía está de aniversario. Son 25 anos como profesional no mundo da música e o disco Meu Canto(Fol Música, 2011) , gravado no Rio de Janeiro, reclama o papel da voz e do espectáculo de pequeno formato, moi próximo ao público. “Concibimos a música como unha creación colectiva na que todos aportamos”, asegura a cantante, quen celebrou no Salón Teatro un ensaio xeral cos seus dous músicos, aberto ás suxestións do público. “A experiencia foi tan boa que eu repito, seguro”, di Uxía entre bromas.

Que achega o público a un espectáculo musical? Para comezar, “ao haber público, ti estás moito máis motivada para o ensaio”, sinala Uxía. Os comentarios dos participantes oriéntanse a todo tipo de aspectos ao redor do espectáculo, valiosos apuntamentos técnicos de todo tipo. “Por exemplo, nós temos uns textos proxectados pero a miña posición impedía ao público poder lelos. Así que eles nos avisaron e eu variei a miña posición, achegándome a un dos músicos para evitar ese problema”. O máis frecuente, con todo, foi cuestións de repertorio. “Obviamente, a selección de repertorio sempre é unha cuestión moi subxectiva, pero as achegas foron moi interesantes para decidir como rematar o espectáculo. O final sempre debe ser moi potente”, asegura Uxía, “e grazas ao público nos orientamos en como organizar ese final”. Outras propostas son máis curiosas: mesmo lle recomendaron a Uxía levar unhas sandalias “máis étnicas”.

Axustes antes da partida
O resultado permite arrincar cun espectáculo en mellores condicións. O equipo comezará a xira de Meu canto en Ourense introducindo xa as modificacións pertinentes achegadas no contacto co público neste ensaio. “Ás veces os espectáculos fanse demasiado hieráticos”, asegura Uxía, “deberan ter máis diálogo co público”. O xeito habitual que ten Uxía para achegarse ao público e saír sempre a asinar discos despois do concerto, e coñecer a opinión dos asistentes.

É un xeito moi persoal de concibir a música. “Cada vez máis, neste mundo tan complicado no que vivimos, tan deshumanizado”, asegura a cantante, “os artistas están colocados nun pedestal, hai que apostar por baixar á terra e amosarse sen máscaras, sen artificio, creando un contacto máis directo co público”. A crise tamén inflúe nisto: “a xente nestes momentos percibe outros valores”.

Un clima co público
É por iso que Meu Canto é un disco moi esencial. Acompañada unicamente de dous músicos e unha escenografía de Paco de Pim que crea “un ambiente moi especial”, a artista concéntrase no básico: “este disco é unha especie de tributo ao meu instrumento, o canto, que aparece máis espido que nunca”. Esta sinxeleza obrígaos, tamén. “Somos tres pero temos que soar como se foramos vinte. Eu non creo que para encher a praza dunha vila teñas que tocar rock and roll. Hai que cambiar o chip”. A artista bótase aos camiños para gozar dos valores da música ao vivo.

“A música é o único importante nisto”, asegura Uxía, “que todo chegue dun xeito moi directo ao corazón”. A cantante valora o momento privilexiado que son os concertos para conseguir isto. “Os espectáculos crean esa sorte de clima. O momento único e irrepetible que se crea nun concerto, coa xente que está alí recibindo ou participando, non ten prezo”. Para a cantante, a crise non está a afectar na asistencia de público aos concertos: “mudou o formato dos concertos, e tamén o xeito de escoitar. Pero se a xente sabe onde están os concertos, aparece”.

Entre as citas do verán de Meu Canto estará Ourense, a cidade na que comezará o percorrido, Madrid, Padrón, Vilagarcía ou as portuguesas Viana do Castelo, Monçao ou Ponte da Barca. “Son os meus 25 anos na música e quero cantar e cantar moito”, conclúe Uxía.