Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Musiqueoh! busca reunir as diferentes iniciativas sobre música galega da rede
Xénero:
| 25 / 3 / 2011A música galega ten un novo valedor virtual en Internet coa aparición de Musiqueoh, un agregador de páxinas que falan de música e que nutren a través dos seus fluxos RSS este contedor. En Musiqueoh! podemos acceder aos contidos de páxinas como Malmequer, Komunikando, MeGA (de Culturagalega.org), Galiza Electrónica, Temazo, e-Trad e moitas outras. O obxectivo é presentar de xeito cómodo e compacto as novas que se xeran nas moitas webs en galego sobre música que existen. Musiqueoh actualízase cada hora coas últimas novas. Ademais das novas máis recentes dispón de vídeos e imaxes relacionados coa música, tamén un buscador especializado na música en galego e reúne dous reprodutores dos podcast da Radio Galega Música e dos podcast musicais máis destacados de Podgalego, e por último Verme TV, o xermolo dunha canle de videoclips de música galega.
A asociación cultural Leña Verde de Pol presenta o seu terceiro disco
Xénero:
| 15 / 3 / 2011Con máis de 15 anos de traballo detrás a asociación cultura Leña Verde de Pol ven de presentar no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo o que é o seu terceiro disco A contratempo. Leña Verde está dedicada á promoción e recuperación do patrimonio inmaterial cultural galego, nomeadamente o musical e o seu grupo de folk mestura a música tradicional con arranxos propios e influencias de outras músicas do mundo, neste terceiro traballo o grupo gravou temas tradicionais así como composicións propias e é a primeira vez que contan con pezas cantadas, na voz de Noemi Basanta e Begoña Coya. Ademais, o disco ten a colaboración de moitas persoas como Naír García, membro do grupo de baile, ou o cantautor Dani Flaco, e os músicos Xaneco Tubío e Bruno Villamor e a gravación do disco, que se realizou nos estudos de Óscar Trigo. No acto de presentación o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, comprometeu a actuación de Leña Verde nos Xardíns da Deputación dentro do ciclo de actuacións de verán “Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación”. O disco pode mercarse na tenda virtual da asociación.
Ler, ouvir e cantar... con Mamá Cabra
Xénero:
| 14 / 3 / 2011Un disco que é tamén un conto ilustrado e que ademais ten versión en karaoke. Esta é a última aposta que fai o grupo Mamá cabra para os máis novos. Ola, ola, la! chega da man de Galaxia cun texto de Gloria Sánchez que enfía as letras das cancións nunha única historia, mentres as ilustracións deste traballo corren por conta de Kristina Sabaite. Os interesados en contemplar en directo o espectáculo correspondente a este lanzamento, teñen a ocasión nos concerto que o grupo está a realizar no marco do programa de dinamización lingüística Bocaberta.
A formación Deseqilibrio Mental presenta o seu primeiro disco de estudio
Xénero:
| 11 / 3 / 2011Practicamente nove anos despois de comezar a súa andadura musical a banda de rock Deseqilibrio Mental ven editar o seu primeiro traballo de longa duración Con Q sin U no selo Lobicán Records, doce pezas con letra en galego gravadas nos estudios Pousada Son. Anteriormente o grupo resultara gañador do 3º Certame Música Xove 2010 e participara no compilatorio de bandas de rock compostelás Come on Pelegrín (2010) e publicara un EP , Adianto (2009). O grupo parte do rock metal para tratar nos seus temas diversas cousas que acontecen a miúdo na sociedade actual, en ton de protesta social. Actualmente Deseqilibrio Mental están presentando en directo o seu novo traballoCon Q sin U ó longo de todo o territorio galego comezando por hoxe mesmo en Santiago na Sala Nasa onde compartirán escenario coa banda Kertuler.
Siniestro total renuncia a optar á Mellor Canción en Galego nos Premios da Música
Xénero:
| 2 / 3 / 2011A candidatura de Siniestro Total á Mellor Canción en Galego nos vindeiros Premios da Música acaba de ser retirada polo propio grupo. Nun comunicado no que agradecen os votos recibidos nese sentido, o grupo vigués solicita ser descartado da categoría e reclama que non se vote o seu tema. Segundo comunican, esta categoría dos premios debería recoñecer a grupos e solistas que empregan de xeito habitual a nosa lingua na súa carreira.
Doce anos de festa
Xénero:
| 2 / 3 / 2011Once anos mallando é o título do novo disco de Quempallou. O grupo, referente do folk máis bailable no noso país, bota man dos seus tres lanzamentos anteriores para artellar unha selección de temas na que se pode percibir a evolución artística do seu son. No entanto, malia a esta ollada atrás, a formación non para e anuncia que despois do verán comezarán a gravar un novo álbum. Roi Maceda, acordeón do grupo, explícanos como se xestou este disco e como se desenvolveu unha carreira que, malia ao título, comezou hai doce anos.
Ourense lembra a Faustino Santalices cunha exposición e un congreso
Xénero:
| 22 / 2 / 2011O inestimable traballo de Faustino Santalices na recuperación de instrumentos populares como a zanfona e as gaitas, ou na divulgación do toque fechado para este insturmento, está a ter estes días recoñecemento na Cidade de Ourense. O Museo Municipal acolle a exposición Ciencia da gaita, Consciencia da zanfona, que se complementará o vindeiro días 26 cun concerto de zanfona e cun congreso sobre estas cuestións que se celebrará os días 11 e 12 de marzo coa participación de 14 investigadores.
Roi Casal presenta Maxicamente vello
Xénero:
| 18 / 2 / 2011Un concerto, ás nove e media desta noite, na Sala Capitol de Santiago servirá de presentación a Maxicamente vello o novo disco de Roi Casal. O arpista de Milladoiro continúa a súa carreira en solitario con nove temas entre os cales está o que lle dá título ao CD, tirado dun poema de Manuel María que Casal musicou. Dentro do folk, o músico experimenta achegándose a tons pop e rock con instrumentos como a zanfona e bouzouki ademais da arpa. Roi Casal inclúe no disco un código de usuario e un contrasinal co que se pode acceder a unha zona restrinxida da web www.roicasal.com, que incluirá novidades, cancións inéditas e descontos para futuras actuacións ao vivo do músico e compositor galego. O Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, continúa unha xira que durará, nun comezo, dous meses.
A música en galego dase cita no foro Percebe Son
Xénero:
| 17 / 2 / 2011O IES Audiovisual de Vigo acolle Percebe Son, un foro dedicado á música en galego que se celebra hoxe. O encontro inclúe un coloquio no que participan Xurxo Souto, a rapeira Aíd, Tonhito de Poi, Sergio Lago (de toupa.net), e Xocas López, da empresa de xestión cultural Eme2 e batería de The Homens. Ademais, desde o propio evento retransmitirase o programa Planeta Furancho e celebraranse actividades de Galeoke, billarda e proxeccións de videoclips. Un concerto acústico de Ataque Escampe e outro a cargo de Som do Galpom, Terbutalina e Marxe Eskerda completarán a xornada.
A crise sonora
Xénero:
| 15 / 2 / 2011Hai apenas unha semana, a banda Ataque Escampe anunciaba, mediante un comunicado a súa intención de “decrecer”. Deste xeito, os membros do grupo encargaranse da produción e da xestión integral do que será o seu cuarto disco. Segundo explicaban, son tempos duros para os proxectos musicais en Galicia, fundamentalmente por mor da crise e mais polas mudanzas nas políticas públicas de apoio ao sector. “Pensabamos que o noso proxecto corría á marxe das institucións e non era así”, sinalan no seu comunicado. Indagamos as causas que están detrás destas mudanzas do sector cun dos seus membros.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca