Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Mercedes Peón e SondeSeu comparten o Premio Opinión a mellor disco folk do ano

Xénero: Folk | 14 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

É un premio que conceden os críticos musicais de diferentes medios de comunicación, desde Radio 3 ata Tempos Novos pasando por La Opinión (medio convocante deste concurso) ao mellor disco folk do ano. A décima edicións dos Premios Opinión recaeu “ex aequo” en Mercedes Peón e SondeSeu polos seus traballos Sós e Barlovento. Ambos discos recibiron 15 puntos nunha votación na que Berrogüetto (co disco Kosmogonías) quedou terceiro con 11 votos.

Ialma celebran con Simbiose o seus 10 anos de traxectoria musical

Xénero: Folk | 14 / 2 / 2011

not_18397.jpg

As belgas de orixe galega Ialma publican hoxe Simbiose (Fol Música) o que é o seu cuarto traballo co que ademais celebran o seu décimo aniversario como formación. As cinco cantareiras fillas da emigración galega usan de novo as súas raíces culturais musicais como base para este disco no que tamén achegan outras influencias musicais modernas na procura dun traballo diferente e especial con respecto aos anteriores. Nos doce temas que integran Simbiose poden atoparse sons tradicionais galegos mesturados con rap, música medieval ou pop e a colaboración do 10 artistas galegos de 10 disciplinas que pechan o círculo dos seus 10 anos de traballo conxunto. Así contan coa colaboración do escritor Xavier Queipo, o rapeiro El Puto Coke, Uxía e Quique Peón entre outros. Ialma son Nuria Aldao, Natalia e Verónica Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo.

O que non toca é porque non quere

Xénero: Folk | 1 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

Chifres de pedra, petardos, trompas feitas con cortiza de castiñeiro, estraños aparellos representados en esculturas románicas... A creatividade dos galegos para facer música é asombrosa. Agora, o web Os instrumentos musicais na tradición galega pon na rede, da man do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura, o traballo homónimo de Pablo Carpintero e recolle máis de 150 formas diferentes de facer música rexistradas no noso patrimonio. Coñece neste proxecto como tocar, e fabricar, algúns dos instrumentos máis orixinais.

O CCG presenta Os instrumentos musicais na tradición galega, un amplo catálogo da etnografía musical do país

Xénero: Folk | 28 / 1 / 2011

imaxe non dispoñible

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe pola mañá Os instrumentos musicais na tradición galega, unha ampla versión interactiva e multimedia do libro orixinal editado polo Proxecto Ronsel coa autoría de Pablo Carpintero, un dos maiores expertos mundiais en patrimonio inmaterial. O Arquivo Sonoro de Galicia promoveu esta ambiciosa web que permite coñecer en detalle máis de 150 instrumentos do acervo tradicional de Galicia, a súa historia, os seus sons, e mesmo os procedementos de elaboración.

Quiosco: Sons da Galiza

Xénero: Folk | 13 / 1 / 2011

imaxe non dispoñible

El Rincón de Morgan, Susana Seivane, Carlos Núñez e Berrogüetto centran os contidos da entrega de xaneiro de Sons da Galiza. A publicación, desenvolvida por Óscar Martínez, está dispoñible íntegra no web do proxecto.

Avelaíña presenta Ciclo, o seu cuarto disco

Xénero: Folk | 28 / 12 / 2010 + VIDEO

not_18126.jpg

Percorrer ciclos temporais a través da música, achegando ao ouvinte as sensacións do outono, a noite ou o San Xoán. Esta é a proposta que fai o grupo folk Avelaíña en Ciclo, o seu cuarto CD, con temas como Xoves, Xaneiro, Madeira ou San Xoán. O disco, que está dispoñible nas tendas, pretende ser a base dun futuro espectáculo escénico chamado O ciclo do Camiño no que a música se mesture con narracións, proxeccións e efectos lumínicos e sonoros.

AGADIC edita un manual de boas prácticas para contratar músicos

Xénero: Miscelánea | 28 / 12 / 2010

not_18124.jpg

Como contratar músicos, emitir facturas, pagar cotas de seguridade social ou as obrigas fiscais á hora de repartir o caché son algunhas das cuestións que se tratan no Manual de boas prácticas que acaban de publicar a Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa asociación galega de músicos ao vivo. O texto, dispoñible en pdf pretende contribuír á dignificación deste traballo e resolver dúbidas básicas no sector, así como fomentar o cooperativismo entre os intérpretes.

Ouvirmos edita a fotobiografía de Lois Pereiro

Xénero: Miscelánea | 22 / 12 / 2010

not_18096.jpg

Lois Pereiro, autor homenaxeado no vindeiro Día das Letras, é a nova incorporación á colección de fotobiografía sonoras que edita Ouvirmos. A obra comprende unha ampla biografía elaborada polo irmán do poeta, o xornalista Xosé Manuel Pereiro ilustrada con preto de cen fotos tirada dos seus álbums familiares. Ademais, o pacote inclúe dous CDs, nun dos cales se pode escoitar a propia voz de Pereiro nunha entrevista que lle realizara pouco antes do seu falecemento Ana Romaní. O segundo CD inclúe unha selección dos seus poemas musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Fanny+Alexander, Nación Reixa e Radio Océano. Xurxo Souto asina o comentario de cada unha das cancións así como o artigo “A calma tensa”, no que analiza a relación de Lois coa música.Un artigo de Lino Braxe completa a obra.

Cantos na maré acolle un novo encontro buscando abrir mercados para a música

Xénero: Miscelánea | 17 / 12 / 2010

imaxe non dispoñible

Unha trintena de axentes do sector da música de Galicia, Brasil, Portugal, Alemaña, Polonia, Francia, Cataluña e Canarias reúnese desde hoxe en Pontevedra para debater novas fórmulas para os mercados culturais. Baixo o título título Outros mercados son posíbeis? falaráse de novos modelos sociais, innovación e diferentes modelos para a creación, produción, distribución e exhibición de música para renovar o mercado condicionado pola actual crise económica.

Mercedes Peón presenta o seu cuarto disco SÓS

Xénero: Alternativa | 15 / 12 / 2010

not_18057.jpg

…---… SÓS en código morse, é cuarto disco de Mercedes Peón e un punto de inflexión na súa carreira. Cos seus discos anteriores conseguiu situarse na escena world music a nivel europeo e co novo traballo, editado por Fol do grupo BOA, dá un paso máis como produtora, compositora e cantante, traspasando as fronteiras das músicas de raíz para situarse na vangarda musical. O tratamento do acústico como eléctrico e do eléctrico como acústico sitúana nunha esfera onde a súa proposta pode ter cabida en festivais como Sonar, Coachella ou Burning Man. Creado, tocado, producido e mesturado por ela mesma nos seus dez temas ...---..., é un exercicio de microcomposición, onde o resultado final, enténdese como unha superposición de capas e unha investigación incansable de novas formas de expresión. A artista foi elixida polo comité do Womex para presentar alí este traballo. O disco preséntase como unha edición limitada en caixa metálica serigrafada e distribuirase en Francia, Alemaña, UK, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Portugal, Dinamarca, Suecia, Noruega, Austria, Italia, Grecia e Xapón.

<< Inicio / Anterior . 921 a 930 de 1407 . Seguinte \ Fin >>