Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Chicharrón presentan o novo disco 'Cancións clínicas'
Xénero:
| 14 / 11 / 2018A banda carballesa Chicharrón saca este mes o que é so terceiro traballo delonga duración Cancións clínicas (Prenom, 2018). No seu formato físico o disco preséntase nunha edición limitada de 200 copias en CD, nunha carpeta de dimensións semellantes ás dun vinilo 7". O disco foi producido por Rubén Domínguez e gravado e mesturado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma. Once temas conforman este novo traballo no que a banda liderada por Alberto M. Vecino (ex- Franc3s) transita moito máis pola electrónica que nos seus anteriores discos malia que xa había unha transformación neste sentido en Postal(Prenom, 2016) respecto ao seu disco de debut Chicharrón(Prenom, 20149 o traballo máis acústico e pop da banda, que hoxe en día conforman seis compoñentes. A atmósfera neste novo disco é máis escura e agresiva que nos anteriores e mesmo con temas como Que máis dará? apuntan cara o garaje mentres que noutras entran no tecno-punk ou mesmo o krautrock. Como xa fixeran en a banda presentan todas as letras do disco en galego, escritas todas por Alberto M. Vecino agás No seu despregar, poema de Gonzalo Hermo titulado orixinalmente O dó. Moitos dos títulos presentan unha actitude inquisitiva en forma de preguntas a contestar como o que abre o disco Qué maís nos queda por dicir?, nun tema que afonda na decepción e na ausencia de sentimentos, presentando unha intimidade case apocalíptica.
Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional
Xénero:
| 8 / 11 / 2018"Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar" é o lema co que se presenta Eu ben vin, virivín, o novo libro CD de Manuel Rico Verea. O volume presenta unha selección de rimas infantís de tradición oral, na súa maioría vencelladas a animais, que se recrean coa participación do Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado polo propio Manuel Rico e por Nani García. O Nani García Trío corre tamén coa instrumentación do proxecto, na que as melodías tradicionais se mesturan con arranxos de Jazz e que conta con Lucía Souto como voz principal, canda a Rico e a Clara Jelihovsky como convidada. O volume, editado por Xerais, achega ademais textos que presentan cada un dos temas, a falar do significado e cada un, acompañados da partitura correspondente e de exercicios sobre os mesmos. O CD inclúe ademais pistas para cantar en modo karaoke.
O impacto do XIIIº Resurrectión Fest valórase en máis de 8,5 millóns de euros
Xénero:
| 19 / 10 / 2018O festival de rock metal Resurrection Fest segue mantendo a atención dos medios neste final de semana. Se a súa posición de finalista en varias categorías dos premios nacionais para festivais era noticia nos días anteriores, o evento de Viveiro ven de acceder de novo ao primeiro plano da actualidade con dous motivos ao tempo, un de pasado e outro de futuro: a presentación do estudo de avaliación de impacto da súa pasada edición e un novo avance de cartel para a videira que se celebrará en 2019. Segundo o estudo impulsado pola Axencia Galega de Industrias Musicais, AGADIC, a décimo terceira edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña.
Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952
Xénero:
| 27 / 9 / 20181952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.
Luís Vallecillo musica contos clásicos en Cantamos?
Xénero:
| 25 / 9 / 2018Un audiolibro con cancións e pictogramas e mais un espectáculo escénico e musical compoñen Cantamos?, a nova proposta de Luís Vallecillo para o público máis novo. Textos de Celtia Figueiras e ilustracións de Blanca Millán danlle forma ao volume, un libro-disco no que se mesturan cancións con versións sonoras das historias e que inclúe contidos adaptados a persoas con discapacidades. No campo escénico, o propio Vallecillo, acompañado da monicreque Rosi, actúa como fío conductor para as historias. O Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso, acollerá o vindeiro 30 de setembro ás 12 horas a presentación oficial do proxecto, que ve a luz da man de Guindastre Edicións.
Emilio Rúa presenta hoxe novo disco 'Duetos' un traballo de plenitude
Xénero:
| 21 / 9 / 2018O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco, Duetos, hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Este oitavo álbum de Rúa tivo unhas condicións excepcionais respecto ao resto da súa carreira xa que foi gravado a dúo con dezaseis grandes nomes da música, como Pablo MIlanés, Victor Manuel, La Shica, Javier Álvarez, Rebeca Jimenez, Carmen Paris, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi, Vicky Gastelo, Soledad Gimenez, Rosa Cedrón, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor e Dolo Beltrán. Na presentación do seu oitavo álbum no auditorio da Cidade da Cultura contará coa presenza de Victor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo. Segundo o autor, este disco é un paso moi importante na súa carreira e tamén para a música galega, "pois leva a artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria". En palabras do ourensán, este traballo é "un punto e aparte, neste momento no que cumpro a maioría de idade editando discos e compondo cancións". As entradas para o evento, que terá lugar ás 21 horas están á venda en Ticketea desde 6 euros.
Anxo Lorenzo mantén a súa aposta pola fusión acústico-electrónica con 'Vortex'
Xénero:
| 17 / 9 / 2018O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo ven de presentar esta fin de semana o seu novo traballo discográfico, Vortex, o terceiro en solitario da súa carreira tras deixar a formación viguesa Spiritu 986. O pasado día 15 o Círculo de Arte de Toledo acolleu a primicia de presentación en directo deste disco e onte domingo o moañés levou a súa nova proposta á sala Galileo Galilei de Madrid. Este vindeiro venres poderemos escoitalo xa en Galicia, nunha actuación no teatro Rosalía da Coruña e o vindeiro 29 de setembro estará actuando ante a comunidade exterior, no Centro Galego de Bruxelas.
Susana Seivane explora a maternidade en FA
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.
Heredeiros da Crus entran nas librarías
Xénero:
| 13 / 9 / 2018Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.
Sumrrá dedica o seu sexto traballo a '6 mulleres'
Xénero:
| 12 / 9 / 2018A inauguración hoxe do WOS Festival de Santiago acolle o concerto de presentación do novo disco da formación de jazz Sumrrá. Co seu sexto álbum SUMRRÁ 6 MULLERES (Clermont Music, 2018), o trío rende tributo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks de America, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafzai de Pakistán, e Nawal El-Saadawi de Exipto. A cada unha delas dedica un tema titulado co propio nome o trío integrado por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Gutiérrez e L.A.R. Legido. Editado polo selo neoiorquino Clermont Music, gravado por primeira vez en estudio, e cun corte manifestamente feminista, o disco conta cun deseño de portada e de interior do álbum para o CD realizado pola artista María Meijide e para a actuación de hoxe de posta en escena do traballo contarán coa colaboración da artista visual Laura Iturralde. O disco xa está dispoñible en plataformas dixitais. O cocerto terá lugar hoxe ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca