Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Heredeiros da Crus entran nas librarías

HOXE SAE á VENDA O LIBRO DOS 25 ANOS DE HISTORIA DOS 'MáIS JRANDES'

Heredeiros da Crus entran nas librarías

ROCK | setembro 13, 2018

imaxe non dispoñible

Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.