Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections

Xénero: Folk | 7 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.

Comeza o ciclo sobre os 250 anos de ópera na Coruña cunha conferencia de Juan Durán

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

Hoxe as 20 horas na sede de Afundación comezarán os actos paralelos do ciclo 250 anos de ópera na Coruña organizado pola Asociación de amigos de la Ópera da cidade herculina. E que se abrirá coa conferencia do compositor Juan Durán «Ópera galega, dez anos de O Arame», na que rememorará a estrea desa ópera en 2008 da que se fai o décimo aniversario e da que Juan Durán fixo a composición musical e o dramaturgo Manuel Lourenzo, o libreto. Durán falará sobre a obra, que non volveu ser representada, antes da súa proxección en audiovisual. Este ciclo continuará con outras dúas conferencias, a seguinte o 4 outubro a cargo do crítico Julio Andrade Malde na que se tratará «O 65 aniversario do Festival de Ópera da Coruña», e o 3 novembro Alejandro martínez falará de «Miguel Fleta, o tenor do século XX».

2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será a nación convidada de honra á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient o que suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.

Uxía, Romaní e Lorenzo encabezan a galeguidade musical do Interceltique de Lorient

Xénero: Folk | 1 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival folk máis importante do mundo, o Interceltique da vila frnacesa de Lorient na Bretaña, comezará este vindeiro día 3 de agosto cunha importante presenza de artistas de Galicia encabezada por Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo. Con 48 anos de existencia o festival bretón congrega durante os seus dez días a máis de 4.500 artistas, chegando a haber 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes, o que dá a medida da súa importancia no mundo da música de raíz. Nesta edición dedicada ao País de Gales, a presenza galega é numerosa e destacada, chegando a todos os escenarios do festival con arredor de 130 músicos e bailadores en total, co que acada un dos seus grandes anos na vila bretoa.

Charo Pita convídanos a pasear No país do vento

Xénero: Infantil | 16 / 7 / 2018

No-pais-do-vento_charo_pita_capa.jpg

Logo de se estrear con Xoán Curial en Estamos no verán!!, Charo Pita inicia a súa carreira en solitario no campo da música para as crianzas. No país do vento, publicado por Galaxia na editorial Sonárbore achega unha serie de personaxes e de obxectos con cadansúa historia. A científica incorrixible, O pato Simón, As campás ou A familia papaventos danse cita nun libro-CD que conta con ilustracións de Óscar Villán. O proxecto, cun total de trece temas, conta ademais con material extra dispoñible no web de Galaxia.

Pablo Díaz continúa a súa carreira na música infantil e lanza Coas miñas mans

Xénero: Infantil | 11 / 7 / 2018

Coas-minhas-mans_pablo_diaz.jpg

Da man da colección Sonárbore de Galaxia chega ás librarías o quinto traballo de Pablo Díaz. Coas miñas mans é un novo libro-CD, ilustrado desta volta por Lucía Cobo no que o músico se centra nas mans. "Empregamos as mans para comunicarnos, para escribir, para debuxar, para pintar, para contar, para sentir...", explica a presentación do álbum. A partir desta base, o músico desenvolveu cancións didácticas sobre números, vocais, cores ou comidas que alternan con cancións lúdicas sobre a primavera, os xogos, as mascotas ou festas como o San Froilán, ademais dunha adaptación do poema Chove en Galiza de Xosé María Díaz Castro. Un total de quince novos temas "para medrar con alegría".

Chuches Amil presenta os seus Monstros con ou sen consentimento

Xénero: Infantil | 3 / 7 / 2018

monstros_chuches_amil.jpg

Unha colección de monstros do máis variado é o que nos presenta Chuches Amil no seu novo libro-CD. A colección Sonárbore da editorial Galaxia lanza Monstros con ou sen consentimento un volumen que nos presenta toda unha serie de personaxes peculiares. Lobos bos, robots, entes larpeiros ou estraños personaxes musicais danse cita na forma de cancións "para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar" acompañadas da ilustracións de Manel Cráneo.

Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'

Xénero: Jazz/Blues | 25 / 6 / 2018

pablocastano_quartet_alalaa.jpg

Músico de enorme experiencia e curtido ao longo de 20 discos nos que interveu na súa carreira, o saxofonista Pablo Castaño formou un cuarteto á volta da súa estadía neoiorquina de 6 anos. É con esta formación, Pablo Castaño Quartet, coa que saca o primeiro disco co seu nome á fronte. A-la-láa (aCentral Folque, 2018) foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova York polo produtor Kastuhko Naito. Castaño está acompañado na gravación de dous nomes relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova York, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco: Alalá do vento e Alalá da estrela e da Lúa. Dez temas conforman este traballo que desde o jazz aproxímase á música tradicional galega toma e como punto de partida os cantos libres como os alalás e as coplas. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart. O disco xa está dispoñible para a venda e en plataformas dixitais.

Pauliña preséntase no panorama musical con De-Xeneración

Xénero: Pop | 18 / 6 / 2018

de_xeneracion_paulinha.jpg

Desde Cambados chega Paula Chave, Pauliña a engrosar a listaxe de músicas que traballan na nosa lingua. Os oito temas de De-Xeneración son a carta de presentación desta artista que mestura country, folk, blues, pop e soul en galego. Cancións que apostan pola enerxía e a reivindicación e que ven a luz da man de Xoinx Records. Gravado nos estudios desta firma en Bandeira, o tema de presentación, Non é ficción contou coas colaboracións de Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros. Lolo Arinción, Francisco Montoto, Julián Gullón e Iago Jorge compoñen a banda que acompaña a Pauliña neste primeiro lanzamento.

As cantigas de Elena recupera as cancións dunha anciá de Toutón

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2018

cantigas_de_elena.jpg

María Vidal, Pichi Abollado e Pipo Alvariño asinan As cantigas de elena, un álbum que naceu coa intención de salvar do esquecemento o amplo repertorio que tiña na memoria Elena Alonso Pino, muller de Toutón e avoa de Alvariño. Co espírito de recrear as veladas familiares nas que se mesturaban voz, acordeón e guitarra, o trío gravou ao vivo dez temas en PKO Estudios (Boadilla del Monte) aos que se suman cinco gravacións orixinais de Elena, protagonista do álbum.

<< Inicio / Anterior . 371 a 380 de 1407 . Seguinte \ Fin >>