Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

'Fulgor' trae as novas tonalidades dun Budiño que resplandece con voz propia

Xénero: Miscelánea | 25 / 1 / 2019

fulgor_capa.jpg

Budiño ateigou hoxe a mediodía a Sala Riquela de Santiago na presentación do seu novo disco . Medios de comunicación e amigos do moañés entre os que estaban figuras recoñecibles da escena musical como Uxía, Guadi Galego, o produtor Arturo Vaquero ou Guillermo Fernández entre outros. O actor Carlos Blanco exercía de mestre de cerimonias acompañado ao propio Budiño e tamén a Rubén Pérez, representante da adega Ponte da Boga. O mundo do viño galego exercía nesta ocasión un novo papel de apoio á escena musical colaborando coa edición do disco e sacando ao tempo un novo caldo rosado "de autor" que levará o nome deste traballo: Fulgor. A recente colleita musical de Budiño presenta "novas tonalidades", en palabras de Carlos Blanco e así resulta da sensación da súa escoita na que clasificar o conxunto do traballo nunha etiqueta de xénero musical sería ignorar os múltiples matices que deixa na cata. "A necesidade de cantar con outros instrumentos. De usar a voz", foi a que estivo, segundo Budiño, detrás do nacemento de Fulgor. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

Abe Rábade Trío presenta hoxe o novo disco 'Doravante'

Xénero: Jazz/Blues | 18 / 1 / 2019

Abe_Doravante.jpg

Abe Rábade Trío presentan cun concerto hoxe no Circulo de Bellas Artes de Madrid o seu novo traballo discográfico Doravante (Nuba + Karonte Records, 2018). No disco Abe Rábade (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería) ofrecen once temas entre os que abundan as composición do pianista pero onde tamén ahí sitio para a interpretación de pezas tradicionais galegas como Alalá das Mariñas e O paxaro cando chove. Ademais o trío tamén fai seus temas de outros como é o caso Just one of those things de Cole Porter, In love in vain de Jerome Kern ou o tema de pehe do álbum, Hasta siempre comandante, no que o trío de jazz interpretan o tema de carlos Puebla y sus Tradicionales. O disco ábrese coa singular peza Revolutionary, na que Rábade pon música a unha entrevista realizada á activista norteamericana antirracista e feminista Angela Davis en 1970. Doravante xa está dispoñible desde hoxe nas plataformas dixitais e á venda en tendas físicas e dixitais. O concerto de presentación enmárcase no ciclo Jazz Círculo e comezará ás 21:30 horas.

Sondeseu actuará na gala de apertura do Celtic Connections de Glasgow

Xénero: Folk | 15 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

A orquestra Sondeseu de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente. Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. Esta será a delegación seleccionada pola Consellería de Cultura e Turismo, que organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte estas oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.

Preséntase hoxe en concerto o triplo disco conmemorativo sobre o Mestre Vide

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 1 / 2019

MestreVide_3cd.jpg

Co gallo do 125 Aniversario Nacemento do compositor ourensán José Fernández Vide (1893-1981), o músico e investigador pontevedrés Oscar Ibáñez impulsou a gravación da súa obra completa para piano e para canto e piano, moi pouco coñecida ata o momento, contando coa interpretación da pianista redondelá Noemí Salomón e da soprano compostelá Anaís Fernández. O disco, titulado MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano, está formado por dous discos coa obra para piano e un terceiro coa obra para canto e piano; o traballo complétase cun libreto de 40 páxinas con textos dos musicólogos Carlos Villanueva e Javier Jurado, así como do fillo do compositor Antonio Fernández García-Vide, sobre a vida, a obra e a personalidade do compositor cuxo percorrido vital e musical transcorreu entre Ourense e a Habana, ligado ao círculo ourensán da revista Nós. Hoxe mércores o Paraninfo da Universidade de Santiago acolle un concerto ás 20:30 no que se presentará este traballo discográfico. Noemí Salomón e Anaís Fernández interpretarán unha selección da extensa obra para piano e canto-piano do Mestre Vide.

Ugia Pedreira e Pierrot Rougier presentan A Comuna del Barruzo

Xénero: Infantil | 3 / 1 / 2019

comuna_barruzo_ugia_pedreira.jpeg

Dez cancións a retratar seres fantásticos da zona de Eo-Navia, xogos ou a relación coa natureza compoñen A Comuna del Barruzo. aCentral Folque presenta este libro-CD, primeiro en galego-asturiano para crianzas, que conta con cancións de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier e ilustracións de Mónica Justo. O proxecto emprega textos de poetas desta comarca como son Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez e conta con colaboracións como as de Quim Farinha ou Rosa Cedrón, a mesturar ritmos tradicionais de diferentes lugares do mundo con toques de música de cámara, reggae, ragtime ou pop rock.

Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018

Xénero: Rock | 2 / 1 / 2019

ataque_escampe_duplo_2018_fin.jpg

A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.

O dúo Vudú presenta en directo o seu primeiro disco editado

Xénero: Fusión | 14 / 12 / 2018

vudu_volIII.jpg

Vudú, a banda formada por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, presentará este domingo 16 de decembro ás 20 horas na Sala Garufa da Coruña o seu novo traballo, Vudú Vol. III. O dúo xa fixeron unha breve presentación do disco na pasada feira Culturgal. Vudú Vol. III supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con el, as coruñesas Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles tintes de jazz e soul. Partindo de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos próximos aos anos cincuenta en temas como Xa me dixo, a revisitar cancións populares como en Unha noite na eira do trigo e Eu chorar chorei -o seu primeiro sinxelo- e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é Lingua, que xira arredor das linguas minorizadas. Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións, Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón, ou rapera Wöyza, que poderedes escoitar no tema CouCou. No ano 2016, a banda Voo Doo, a súa formación anterior, faise co premio á mellor canción en Galego por Eu son VooDoo no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul.

Cé Orquestra Pantasma convida A voar

Xénero: Infantil | 27 / 11 / 2018

a_voar_ce_orquestra_pantasma.jpg

A Voar é o novo libro disco de Cé Orquestra Pantasma. O músico, coa colaboración de Cristina Ouro nas ilustracións e de Judit Santos no texto literario presenta a historia dunha xoaniña que "movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará, amosándonos que só a través do coñecemento dos valores universais seremos quen de a nosa vida mellorar". Nove cancións seguen unha historia que inclúe chamadas desde o libro cara ao disco. Ademais do CD, o volume inclúe un código para descargar os temas e un avión de papel para montar. O proxecto ve a luz da man da cooperativa Miudiño, que pon á venda de xeito anticipado o volume a un prezo rebaixado de 15 euros ata o vindeiro 30 de novembro. Segundo sinala a presentación do álbum, "A Voar pretende axudar aos nenos e nenas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre".

NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'

Xénero: Rock | 21 / 11 / 2018

NAO_ataqueolume_capa.jpg

A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.

Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'

Xénero: Hip-Hop | 16 / 11 / 2018

ezetaerre_PolvoraeTormenta.jpg

Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.

<< Inicio / Anterior . 351 a 360 de 1407 . Seguinte \ Fin >>