Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / 'Fulgor' trae as novas tonalidades dun Budiño que resplandece con voz propia

O MúSICO DE MOAñA REVéLASE NESTE SéTIMO DISCO COMO CANTOR E LETRISTA

'Fulgor' trae as novas tonalidades dun Budiño que resplandece con voz propia

MISCELáNEA | xaneiro 25, 2019

fulgor_capa.jpg

Budiño ateigou hoxe a mediodía a Sala Riquela de Santiago na presentación do seu novo disco . Medios de comunicación e amigos do moañés entre os que estaban figuras recoñecibles da escena musical como Uxía, Guadi Galego, o produtor Arturo Vaquero ou Guillermo Fernández entre outros. O actor Carlos Blanco exercía de mestre de cerimonias acompañado ao propio Budiño e tamén a Rubén Pérez, representante da adega Ponte da Boga. O mundo do viño galego exercía nesta ocasión un novo papel de apoio á escena musical colaborando coa edición do disco e sacando ao tempo un novo caldo rosado "de autor" que levará o nome deste traballo: Fulgor. A recente colleita musical de Budiño presenta "novas tonalidades", en palabras de Carlos Blanco e así resulta da sensación da súa escoita na que clasificar o conxunto do traballo nunha etiqueta de xénero musical sería ignorar os múltiples matices que deixa na cata. "A necesidade de cantar con outros instrumentos. De usar a voz", foi a que estivo, segundo Budiño, detrás do nacemento de Fulgor. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

O xiro dado con este disco, o seu sétimo traballo de estudo, é notorio desde o momento que nestes dez temas Budiño estréase como cantor e como letrista, ademais da propia presentación física do CD nun libriño de tapa dura e apertura en acordeón no que os numerosos agradecementos e as letras de cada un dos temas están acompañados das ilustracións de Ana Zon. Nese paso adiante como cantor respecto ao seu papel máis coñecido como gaiteiro e frautista tiveron moito que ver, segundo o de Moaña, os numerosos amigos que coñecendo en privado o seu xeito de cantar o animaron a facelo en público, como o propio Carlos Blanco ou Uxía, con mención especial ao inesquecible Fran Pérez "Narf", que o animou a facelo escoitándoo durante unha proba de son nas cataratas do Niágara no Canadá. "Se Narf o di, vamos tentalo", afirmou Budiño. Narf está polo tanto moi presente neste disco, mesmo como autor da música no tema Bos amores, con letra sacada dun poema de Rosalía de Castro.

No outro paso dado nesta colleita, o de letrista, aseguraba Xosé Manuel Budiño sentirse máis inseguro ao principio e polo tanto as tres primeiras letras para este álbum xurdiron das plumas de Antía Otero, Mercedes Vega e de Xoel López, a partir daí Budiño paso dun xeito case natural a verse escribindo letras ata facer as sete cancións restantes. O primeiro tema presentado do disco, Santiago conta con Xoel acompañándoo e cunha letra do coruñés, adaptada ao galego dun poema do seu libro Bailarás cometas bajo el mar (Espasa, 2017). O disco inclúe a versión deste tema en castelán ademais da do tema que dá título ao traballo. Ademais destes nomes son moitos os que colaboran na "alquimia" que conduce a Fulgor. Jairo Zavala ( DePedro), Luiz Caracol, Antonio Casado e o Cuarteto Quiroga de cordas entre eles. Na elaboración dos dez temas para que conforman o disco houbo especial interese en que todos eles puidesen ser levados ao directo de escenario e para iso Budiño presentou unha banda, algúns deles xa participaron na gravación, como Fran Sanz e Tom Risco, e que se completará coa guitarra e os coros de Brais Morán. Durante a presentación Budiño acompañado desta banda interpretaron algúns temas do disco como o que lle dá nome, Frida adicado á artista mexicana e xurdiu dunha das súas viaxes a ese país, e Poderosa, unha homenaxe directa á súa parella. A Sala Capitol de Santiago acollera o concerto de incio de xira de o vindeiro 15 de marzo.


datos do disco