Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Son do Camiño consegue sorprender co cartel da súa segunda edición

Xénero: Miscelánea | 25 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Tras dos máis recentes anuncios compre actualizar a información que manexamos sobre os festivais musicais para o verán. Unha das meirandes citas deste tipo, o Festival O Son de Camiño do Monte do Gozo ven de presentar o pasado venres o seu cartel completo para súa segunda edición, de xeito idéntico a como fixera o pasado ano e practicamente nas mesmas datas. Malia moitas especulacións sobre a composición artística para este 2019 o resultado final sorprendeu, sobre todo na parte das apostas meirandes, decepción para algúns e sorpresa para outros. Tres eventos que serven tamén como ferramentas de coñecemento da cultura vinícola, patrimonial e gastronómica, como son o Festival Ribeiro Son do Viño e 17ºs Ribeira Sacra confirmaron datas e xa deron nomes para este ano. E o mesmo fixo o SilFest de Valdeorras para a súa vindeira convocatoria a primeiros de xullo. Para todos eles xa están á venda os abonos.

Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

Xénero: Hip-Hop | 21 / 2 / 2019

ilegal_rebeliominframundo.jpg

Ilegal (Autoeditado) é o nome do terceiro álbum da banda Rebeliom do Inframundo, unha formación de rap conformada por Nervo (voz), Frank (voz/produción), Malvares de Moscoso (voz), Movementss (produción) e o seu Ichi (dj). O disco está autoeditado por Galunk Producions a través de Rock CD Records. Tra-lo seu traballo Lume e Rebeliom (2016) os das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop neste novo disco, onde a crítica social convive con líricas máis íntimas. En Ilegal incorporan ademais a colaboración das valencianas MAFALDA. Dúas das catorce cancións deste novo traballo que xa foron presentadas en vídeo nos dous anos pasados tras o anterior traballo: Non imos polo regho e Plantaron lume ao monte. O 27 de febreiro lanzarase o novo traballo en tódalas plataformas dixitais e xa no mes de marzo, comezarán unha xira por salas que os levará a Madrid, Toledo ou Barcelona e tamén por primeira vez incluirán varias datas internacionais na súa xira por Portugal; onde actuarán nas cidades de Braga e Oporto, antes do comezo da tempada de verán. As primeiras datas en terras galegas serán o 16 de Marzo en Vigo, na Sala Masterclub, xunto a MP Crew (Catalunya) e o dúo vigués conformado por Frank Huxley & 2PAS0S, e o 12 de Abril en Santiago de Compostela, na Sala Malatesta, xunto á galega High Paw.

Marcos Teira alcanza as súas metas musicais de doce anos con 'NÓs'

Xénero: Fusión | 13 / 2 / 2019

NOs_teira.jpg

Coa presentación de NÓs (Autoedición, 2019) acaba para Marcos Teira un ciclo que deu comezo hai 12 anos, cando gravou Alí(2008), e que consistía na procura dunha linguaxe musical que tiña que ver coa guitarra flamenca e as outras músicas como o jazz que se podían traer aos paos do flamenco tradicional. O guitarrista da Pobra do Caramiñal, un referente do flamenco e a fusión en Galicia, así o afirmou hoxe na presentación aos medios deste proxecto colectivo en quinteto e o seu primeiro disco homónimo. Xunto a Teira defenden este proxecto o contrabaixista Alfonso Calvo, o pianista cubano Alejandor Vargas, o percusionista Moisés Fernández e no taconeo e palmas o bailaor Isaías Salazar. Nesta compañía Teira asegurou sentirse plenamente satisfeito do resultado colectivo. "O que tiña gañas de facer de verdade era isto", afirmou referíndose tanto á propia música como a conformación deste combo singular no que hai galegos paios e xitanos e un cubano. O nome "NÓs" comprende ao colectivo pero tamén serve para facer relación aos lazos que se establecen musicalmente neste traballo e entre eles. Sete versións alleas e outra canción na que o propio Teira se versiona a si mesmo conforman este disco que se estreará en concerto o vindeiro venres no Teatro Principal de Santiago e que polo de agora só se poderá adquirir fisicamente e nos propios concertos dos artistas. Temas de Django Reinhardt, Jaco Pastorius, Bach ou The Beatles son revisados baixo a linguaxe propia de NÓs neste disco producido polo propio Teira para o que ademais se contou con outras colaboracións na gravación como Irene Gabarrón, José Manuel Díaz ou Ruven Ruppik entre outros. O vindeiro 4 de maio a formación estará no Cine Elma da vila natal de Marcos, a Pobra do Caramiñal.

As '13 cancións bonitas' de Germán Díaz & Benxamín Otero son 14

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2019

13_cancions_bonitas.jpg

Entre finais do século XIX e principios do XX existiu un especial interese na compilación do cancioneiro popular español de tradición oral. O zanfonista Germán Díaz, gran coñecedor e divulgador deste legado musical presenta, xunto a Benxamín Otero, unha selección de melodías evocadoras, transfiguradas nun das linguaxes máis creativas da escena contemporánea galega. Un dúo de óboe e instrumentos mecánicos dá vida neste proxecto a ródalas castelás, cantos galegos ou ao tradicional Romance de Santa Catalina. Compositores como Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros como o de Inzenga ou o de Federico Olmeda, e melodías propias conforman este singular proxecto. Presentado inicialmente como espectáculo en varios escenarios singulares do país agora esta selección 13 cancións bonitas dá o paso ao formato gravado, co selo de Producciones Efímeras e tras pasar polo estudio as trece cancións quedan en 14. Gravado en novembro de 2018, nos estudios Casabranca, por Germán Díaz; mesturado e masterizado por José Trincado "Triqui" en Saviksound Studios. O disco está dispoñible tamén en plataformas dixitais.

Músicas Galegas Ilustradas presenta unha axenda de concertos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

O proxecto Músicas Galegas Ilustradas, da ilustradora e baixista Laura Romero, ven de dar un paso máis no seu importante traballo de visibilización das mulleres que fan música no panorama galego. Con máis de 200 mulleres retratadas na web do proxecto agora tamén se inclúe a modo de axenda a información de onde se poden ver a estas mulleres en concerto dentro da xeografía galega. A gora mesmo a web manexa xa a información destes directos do mes de febreiro e marzo ofrecendo máis de trinta eventos. Músicas galegas Ilustradas foi un dos proxectos finalistas nos pasados Premios Martín Códax da Música na categoría de medios de comunicación. Ademais destes contidos o web recolle outroas moitas informacións relevantes de cara a avanzar na igualdade de xénero na música, como as procentaxesde presenza feminina nos carteis de festivais, por exemplo.

Dardos lanza a Xoana no panorama musical galego

Xénero: Pop | 7 / 2 / 2019

dardos_xoana.jpg

Con só vinte anos Xoana presenta o seu primeiro álbum en solitario. Inquedanzas Sonoras lanza Dardos, un disco con dez temas en galego no que a reivindicación se mestura con ritmos de jazz, funk ou soul e aires pop. Segundo explica a cantante do Porriño o álbum "xurdiu como unha proposta que axude a proporcionarlle á nosa lingua uns aires renovados que demostren a súa capacidade de desenvolverse en calquera eido e de tratar todo tipo de temáticas". As cancións "terman dunha mensaxe social e expresan queixas directas resumidas no título cunha soa palabra, a modo de dardos, pequenos mais precisos". Geneve escorts Violencia de xénero, emigración, a lingua, a amizade ou o amor preséntase como algunhas das temáticas dos cortes.

Oviravai trae novas aventuras cantadas do teixugo Paio no seu segundo traballo

Xénero: Infantil | 5 / 2 / 2019

oviravai_paiopoderdamusica.jpg

A banda de música infantil Oviravai presenta un novo libro disco co teixugo Paio como protagonista e as súas aventuras xunto aos seus amigos como liña argumental en 11 novas cancións. A colección Sonárbore de Galaxia saca Paio e o poder da música con ilustracións de David Ouro. A formación actual de Oviravai, que no seu primeiro traballo As andanzas de Paio presentábase como un grupo de catro membros, son Verónica Santalices e Federico Welicki. Para a gravación nos estudios Son feixón contaron con Suso feixón á batería, Diego Pacheco na guitarra e Carlos Gil Fandiño aos teclados. Ademais nos coros tamén estiveron Erika e Xacob Welicki. Nas súas novas aventuras Paio, xunto a novos amigos como o oso Aurelio ou o armadillo Armando, vai descubrir o poder da música e da amizade. As cancións mandan mensaxes educativas sobre o coidado do planeta, o acoso nas aulas, o trato coa terceira idade, a importancia do estudo e outras moitas mensaxes positivas ademais dunha canción dedicada a Rosalía de Castro, todas elas nun ritmo festivo e dinámico. O vindeiro 17 de febreiro actuarán no centro Comercial As Termas, de Lugo co novo espectáculo saído deste disco.

A Sala Tebras amplía a oferta musical de Lugo

Xénero: Miscelánea | 5 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Un concerto de Xoel López, dentro do ciclo "Escenarios Vibra Mahou" inaugurará en Lugo a nova Sala Tebras o vindeiro 17 de marzo. O espazo terá unha capacidade de aforo de ata 1.400 persoas cun escenario de 8 metros por 6, completamente equipado para acoller concertos e outro tipo de eventos e con posibilidade de adaptalo para cantidades de público máis reducidas. A Sala Tebras xurde nos locais dos antigos cines Yelmo da cidade, onde convivirá con outros recursos culturais como a sala de cine Códex Cinema, no que é un aproveitamento privado que amplía a oferta cultural da capital provincial pero que aspira a ser un referente na comunidade Galega. O músico Eloi Caldeiro, compoñente do grupo Brath, é un dos promotores desta iniciativa. Aínda non se coñece máis información da axenda de concertos da sala. Xoel López presentará o seu traballo Sueños y Pan nun formato de trío acústico, as entradas xa están á venda.

Tonhito de Poi comparte a súa experiencia amazónica en 'Non hai onde esconderse'

Xénero: Fusión | 4 / 2 / 2019

tonhito_depoi_nonhaionde.jpg

Se a pasada semana falabamos do novo disco en solitario de Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus, coincidindo no tempo ven de presentar o seu novo traballo tamén en solitario Tonhito de Poi, outros dos Heredeiros e alma mater desa banda. Seguindo a estela daquel O Soro da verdade (2012), o de Ribeira volve a sacar a inspiración das súas experiencias amazónicas, da súa viaxe chamánica coas tribos da frondosidade selvática. Non hai onde esconderse é o título do novo traballo de Tonhito de Poi, que ofrece un libro de 60 páxinas con descarga de 16 temas. Varios anos de traballo e investigación musical están detrás deste traballo no que se inclúen gravacións feitas in situ na propia selva, tanto de cantos tribais e instrumentos nativos como de son da propia natureza. En paralelo o músico presenta o seu documental O despertar da Anaconda, que contribúe a explicar a experiencia da que xurde este traballo. Nas melodías Tonhito ofrece multitude de fusións entre músicas máis folclóricas ou étnicas e outras máis roqueiras ou do blues e todo tipo de influenzas, mesmo flamencas. Na súa gravación colaboraron músicos como Cuchús Pimentel, Rubén reinaldo e Lucía Pérez nos coros. O libro está dispoñible para mercar e descargar os temas na páxina do artista. O disco presentouse en Ponteareas en concerto no JJ Cobas, xunto con unha cervexa artesanal do mesmo nome que o artista e elaborada con Acai ecolóxico, e Lúpulo Centennial de colleita propia. O artista está a presentar o álbum en concerto en formato de trío.

Doce discos de estilos variados compiten polo Premio MIN a mellor álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 29 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

A undécima edición dos Premios Min da música independente española xa abriron a súa fase de votacións populares. Ata o vindeiro 11 de febreiro será posible inscribirse na web de MIN e votar polas nosas preferencias en 18 categorías diferentes. Grupos e artistas de Galicia se presentan en moitas delas e os premios teñen unha categoría propia para o mellor álbum en galego na que se poden votar ata por cinco dos 12 presentados, que ademais representan en si mesmo unha ampal variedade de estilos musicais, dende o folk ata a canción infantil, pasando polo rock, o rap e a electrónica: Cancións clínicas, De Chicharrón; Pólvora e tormenta, de Ezetaerre; O mínimo que o contén todo, de ITH; Déixaas, de Mercedes Peón; Unha illa, de Mielitza; Fíos de ouro no ar, de Rodrígo Romaní Trío; Noite, de Sangre de Muérdago; Tanxugueiras, de Tanxugueiras; Outro que tal baila, de Tiruleque; Noró de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre; A casa do terror,d e Xoán Curiel e Dardos, de Xoana. Estes discos tamén se presentan cada un en outras categorías deste premios xunto a outros moitos nomes da escena musical galega como Abe Rábade Trío, Santi Araújo, Presumido, Los Árboles, B Flecha, Basanta, Fredi Leis ou Triángulo de Amor Bizarro entre outros moitos. Pasada a fase de votacións populares os cinco máis votados de cada grupo se consideran semifinalistas e despois un xurado profesional decidirá de entre eles os finalistas e posteriormente os vencedores desta 11ª edición dos Premios da Música Independiente.

<< Inicio / Anterior . 341 a 350 de 1407 . Seguinte \ Fin >>