Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Anxo Lorenzo mantén a súa aposta pola fusión acústico-electrónica con 'Vortex'

Xénero: Fusión | 17 / 9 / 2018

anxolorenzo_vortex.jpg

O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo ven de presentar esta fin de semana o seu novo traballo discográfico, Vortex, o terceiro en solitario da súa carreira tras deixar a formación viguesa Spiritu 986. O pasado día 15 o Círculo de Arte de Toledo acolleu a primicia de presentación en directo deste disco e onte domingo o moañés levou a súa nova proposta á sala Galileo Galilei de Madrid. Este vindeiro venres poderemos escoitalo xa en Galicia, nunha actuación no teatro Rosalía da Coruña e o vindeiro 29 de setembro estará actuando ante a comunidade exterior, no Centro Galego de Bruxelas.

Susana Seivane explora a maternidade en FA

Xénero: Folk | 14 / 9 / 2018

fa_susana_seivane.jpg

Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.

Heredeiros da Crus entran nas librarías

Xénero: Rock | 13 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.

Sumrrá dedica o seu sexto traballo a '6 mulleres'

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

A inauguración hoxe do WOS Festival de Santiago acolle o concerto de presentación do novo disco da formación de jazz Sumrrá. Co seu sexto álbum SUMRRÁ 6 MULLERES (Clermont Music, 2018), o trío rende tributo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks de America, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafzai de Pakistán, e Nawal El-Saadawi de Exipto. A cada unha delas dedica un tema titulado co propio nome o trío integrado por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Gutiérrez e L.A.R. Legido. Editado polo selo neoiorquino Clermont Music, gravado por primeira vez en estudio, e cun corte manifestamente feminista, o disco conta cun deseño de portada e de interior do álbum para o CD realizado pola artista María Meijide e para a actuación de hoxe de posta en escena do traballo contarán coa colaboración da artista visual Laura Iturralde. O disco xa está dispoñible en plataformas dixitais. O cocerto terá lugar hoxe ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago.

Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections

Xénero: Folk | 7 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.

Comeza o ciclo sobre os 250 anos de ópera na Coruña cunha conferencia de Juan Durán

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

Hoxe as 20 horas na sede de Afundación comezarán os actos paralelos do ciclo 250 anos de ópera na Coruña organizado pola Asociación de amigos de la Ópera da cidade herculina. E que se abrirá coa conferencia do compositor Juan Durán «Ópera galega, dez anos de O Arame», na que rememorará a estrea desa ópera en 2008 da que se fai o décimo aniversario e da que Juan Durán fixo a composición musical e o dramaturgo Manuel Lourenzo, o libreto. Durán falará sobre a obra, que non volveu ser representada, antes da súa proxección en audiovisual. Este ciclo continuará con outras dúas conferencias, a seguinte o 4 outubro a cargo do crítico Julio Andrade Malde na que se tratará «O 65 aniversario do Festival de Ópera da Coruña», e o 3 novembro Alejandro martínez falará de «Miguel Fleta, o tenor do século XX».

2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

Galicia será a nación convidada de honra á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient o que suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.

Uxía, Romaní e Lorenzo encabezan a galeguidade musical do Interceltique de Lorient

Xénero: Folk | 1 / 8 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival folk máis importante do mundo, o Interceltique da vila frnacesa de Lorient na Bretaña, comezará este vindeiro día 3 de agosto cunha importante presenza de artistas de Galicia encabezada por Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo. Con 48 anos de existencia o festival bretón congrega durante os seus dez días a máis de 4.500 artistas, chegando a haber 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes, o que dá a medida da súa importancia no mundo da música de raíz. Nesta edición dedicada ao País de Gales, a presenza galega é numerosa e destacada, chegando a todos os escenarios do festival con arredor de 130 músicos e bailadores en total, co que acada un dos seus grandes anos na vila bretoa.

Charo Pita convídanos a pasear No país do vento

Xénero: Infantil | 16 / 7 / 2018

No-pais-do-vento_charo_pita_capa.jpg

Logo de se estrear con Xoán Curial en Estamos no verán!!, Charo Pita inicia a súa carreira en solitario no campo da música para as crianzas. No país do vento, publicado por Galaxia na editorial Sonárbore achega unha serie de personaxes e de obxectos con cadansúa historia. A científica incorrixible, O pato Simón, As campás ou A familia papaventos danse cita nun libro-CD que conta con ilustracións de Óscar Villán. O proxecto, cun total de trece temas, conta ademais con material extra dispoñible no web de Galaxia.

Pablo Díaz continúa a súa carreira na música infantil e lanza Coas miñas mans

Xénero: Infantil | 11 / 7 / 2018

Coas-minhas-mans_pablo_diaz.jpg

Da man da colección Sonárbore de Galaxia chega ás librarías o quinto traballo de Pablo Díaz. Coas miñas mans é un novo libro-CD, ilustrado desta volta por Lucía Cobo no que o músico se centra nas mans. "Empregamos as mans para comunicarnos, para escribir, para debuxar, para pintar, para contar, para sentir...", explica a presentación do álbum. A partir desta base, o músico desenvolveu cancións didácticas sobre números, vocais, cores ou comidas que alternan con cancións lúdicas sobre a primavera, os xogos, as mascotas ou festas como o San Froilán, ademais dunha adaptación do poema Chove en Galiza de Xosé María Díaz Castro. Un total de quince novos temas "para medrar con alegría".

<< Inicio / Anterior . 361 a 370 de 1395 . Seguinte \ Fin >>