Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Chuches Amil presenta os seus Monstros con ou sen consentimento

Xénero: Infantil | 3 / 7 / 2018

monstros_chuches_amil.jpg

Unha colección de monstros do máis variado é o que nos presenta Chuches Amil no seu novo libro-CD. A colección Sonárbore da editorial Galaxia lanza Monstros con ou sen consentimento un volumen que nos presenta toda unha serie de personaxes peculiares. Lobos bos, robots, entes larpeiros ou estraños personaxes musicais danse cita na forma de cancións "para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar" acompañadas da ilustracións de Manel Cráneo.

Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'

Xénero: Jazz/Blues | 25 / 6 / 2018

pablocastano_quartet_alalaa.jpg

Músico de enorme experiencia e curtido ao longo de 20 discos nos que interveu na súa carreira, o saxofonista Pablo Castaño formou un cuarteto á volta da súa estadía neoiorquina de 6 anos. É con esta formación, Pablo Castaño Quartet, coa que saca o primeiro disco co seu nome á fronte. A-la-láa (aCentral Folque, 2018) foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova York polo produtor Kastuhko Naito. Castaño está acompañado na gravación de dous nomes relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova York, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco: Alalá do vento e Alalá da estrela e da Lúa. Dez temas conforman este traballo que desde o jazz aproxímase á música tradicional galega toma e como punto de partida os cantos libres como os alalás e as coplas. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart. O disco xa está dispoñible para a venda e en plataformas dixitais.

Pauliña preséntase no panorama musical con De-Xeneración

Xénero: Pop | 18 / 6 / 2018

de_xeneracion_paulinha.jpg

Desde Cambados chega Paula Chave, Pauliña a engrosar a listaxe de músicas que traballan na nosa lingua. Os oito temas de De-Xeneración son a carta de presentación desta artista que mestura country, folk, blues, pop e soul en galego. Cancións que apostan pola enerxía e a reivindicación e que ven a luz da man de Xoinx Records. Gravado nos estudios desta firma en Bandeira, o tema de presentación, Non é ficción contou coas colaboracións de Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros. Lolo Arinción, Francisco Montoto, Julián Gullón e Iago Jorge compoñen a banda que acompaña a Pauliña neste primeiro lanzamento.

As cantigas de Elena recupera as cancións dunha anciá de Toutón

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2018

cantigas_de_elena.jpg

María Vidal, Pichi Abollado e Pipo Alvariño asinan As cantigas de elena, un álbum que naceu coa intención de salvar do esquecemento o amplo repertorio que tiña na memoria Elena Alonso Pino, muller de Toutón e avoa de Alvariño. Co espírito de recrear as veladas familiares nas que se mesturaban voz, acordeón e guitarra, o trío gravou ao vivo dez temas en PKO Estudios (Boadilla del Monte) aos que se suman cinco gravacións orixinais de Elena, protagonista do álbum.

Pirilampo dálle voz aos animais no seu novo traballo

Xénero: Infantil | 12 / 6 / 2018

serpe-cristal_pirilampo.jpg

A procurar tirarlle a mala sona a animais como a píntega ou a serpe chega o novo traballo de Pirilampo. O grupo capitaneado por Xosé Lois Seixo está en xira de presentación de Serpe de cristal, un libro-CD publicado por Galaxia na colección Sonárbore. O golfiño, a abella, a serpe sapeira, a píntega, o tritón, o reiseñor, a bubela ou os peixes collen a palabre en once novos temas orixinais que se presentan con ilustracións de Federico Fernández. Colaboracións de Xurxo Souto, Andrea Seijo e Antía enriquecen este traballo que integra frautas, gaitas, acordeón, guitarras ou percusión.

Tanxugueiras comeza a xira de presentación do seu primeiro disco

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2018

tanxugueiras_capa.jpg

A Sala Capitol de Santiago acollía onte, tres de xuño, o concerto de presentación de Tanxugueiras, o disco de debut do trío homónimo. Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro metéronse no estudio de gravación logo de dous anos de traballo nos que se deron a coñecer a través das redes e coas súas colaboracións con músicos como Xabier Díaz ou A banda das Crechas. Agora, presentan da man de Inquedanzas Sonoras unha selección de doce temas nos que a percusión e a voz collen todo o protagonismo, con arranxos coidados que conectan a tradición con sons de alén do Atlántico.

Nastasia Zürcher volta con premio para Galicia do festival Liet Internacional

Xénero: Miscelánea | 29 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival Liet International 2018, que se desenvolveu na cidade holandesa de Leewarden o pasado 23 de maio, acabou con recoñecementos para Galicia. Esta competición musical para bandas e solistas que traballan en linguas minorizadas de europa contou nesta décimo segunda xeira coa presenza de dúas formacións galegas, a banda Familia Caamagno e mais a solista Nastasia Zürcher. Foi esta última a que conseguiu o recoñecemento no evento, quedando segunda na clasificación xeral, na que se viu superada pola banda córnica The Rowan Tree. Ademais, a cantante galega trouxo para a casa o premio dos músicos, que outorgan os propios participantes no evento. Zürcher contou co seu produtor Adrián Saavedra ao piano para interpretar o seu tema Espertos no festival.

Xardín Desordenado musica a María Victoria Moreno

Xénero: Miscelánea | 22 / 5 / 2018

victoria_da_luz_xardin_desordenado.jpg

Oito textos de María Victoria Moreno compoñen Victoria da luz, o disco que Xardín Desordenado lle dedica a autora homenaxeada no Día das Letras. Temas como Eu quixera, Díptico gramatical, Duns folios que foron brancos, Único amor ou Camiñantes cobran nova vida neste proxecto. O grupo está en plena xira de presentación do álbum, que sae baixo o selo Sul Produciones.

A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu quinto disco 'Beiralúa'

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2018

beiralua_sondeseu.jpg

Este vindeiro sábado o Auditorio Municipal de Cangas acollerá o concerto de presentación de Beiralúa quinto disco da orquestra folk SondeSeu. En Beiralúa(Fundación Sondeseu) sobresaíntes compositores e músicos galegos, xunto con voces representativas do panorama actual se xuntan aos mestres e compoñentes da orquestra para danzar baixo a luz da lúa unha coreografía simbólica de unión en torno a un proxecto que os trouxo dende as ondas daquel inicial Mar de Vigo (Fol Música, 2003) ata o máis recente Danzas brancas (Do Fol, 2013. Deste xeito entres os dezaoito temas que ofrece este novo traballo hai pezas encargadas pola orquestra a prestixiosos compositores como Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Pedro Lamas entreveranse con cancións presentes xa no imaxinario colectivo, clásicos como Ahi ven o Maio ou Campanas de Bastabales, interpretadas por grandes voces como Rosa Cedrón ou o Orfeón Treixadura e a colaboración de Susana Seivane, rematando cunha composición de Anxo Pintos para a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade dedicada á Illa de San Martiño que pon de manifesto as enormes posibilidades tímbricas da formación viguesa creada hai dezasete anos no seo da actual Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, a ETRAD, e está consolidada xa como a gran Orquestra Folk de Galicia. A seguinte presentación en directo tras cangas será en Santiago de Compostela o vindeiro 22 de xuño.

O "...mañá..." máis maduro de Carmen Rey

Xénero: Jazz/Blues | 14 / 5 / 2018

carmenrey_manha.jpg

A cantora coruñesa Carmen Rey , que foi finalista este ano ao premio Martín Códax de Blues, funk e soul, está xa a presentar o seu novo disco, …mañá… (Autoeditado), un traballo que se fixo agardar oito anos despois da publicación do seu anterior disco, Meu(Audia records, 2009) precedido por Fuera(2004). Carmen ofrece neste álbum oito temas orixinais de soul e funk cantados en galego con elegantes arranxos e que nalgúns caso xogan coa improvisación jazzística e mesmo algún arranxo jazz sobre unha peza tradicional como en Porqué non hei. A cantante e compositora considera que este traballo pode diferenciarse dos seus anteriores nunha madurez propia que amosa, "considero que madurei a nivel harmónico sobre todo e melódico e iso nótase moito a diferencia dos discos anteriores", asegura Rey, que opina que o son desta xeira musical resulta "máis complexa e máis rica" que nos discos anteriores. Nestes oito anos entre discos Carmen Rey sempre estivo en actividade e crecemento profesional, compaxinando o seu proxecto persoal co traballo á fronte doutros proxectos como o de ser directora e arranxista do coro feminino de música moderna Sisters in the House (finalista dos premios Martín Códax) e do cuarteto vocal Ejazz (gañadoras do Martín Códax, 2017 na categoría de coros e música vocal). O disco gravouse nos estudios Disquesí da Coruña cun grupo composto por Sergio Delgado, aos teclados, Rubén Appratto no baixo, a guitarra de Tito Calviño e Miguel Cabana na batería. Para o directo presenta tamén un formato en acústico, piano e voz, acompañada aos coros de Angeles Dorrio e Sara Lorenzo.

<< Inicio / Anterior . 371 a 380 de 1395 . Seguinte \ Fin >>