Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O dúo Vudú presenta en directo o seu primeiro disco editado

Xénero: Fusión | 14 / 12 / 2018

vudu_volIII.jpg

Vudú, a banda formada por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, presentará este domingo 16 de decembro ás 20 horas na Sala Garufa da Coruña o seu novo traballo, Vudú Vol. III. O dúo xa fixeron unha breve presentación do disco na pasada feira Culturgal. Vudú Vol. III supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con el, as coruñesas Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles tintes de jazz e soul. Partindo de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos próximos aos anos cincuenta en temas como Xa me dixo, a revisitar cancións populares como en Unha noite na eira do trigo e Eu chorar chorei -o seu primeiro sinxelo- e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é Lingua, que xira arredor das linguas minorizadas. Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións, Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón, ou rapera Wöyza, que poderedes escoitar no tema CouCou. No ano 2016, a banda Voo Doo, a súa formación anterior, faise co premio á mellor canción en Galego por Eu son VooDoo no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul.

Cé Orquestra Pantasma convida A voar

Xénero: Infantil | 27 / 11 / 2018

a_voar_ce_orquestra_pantasma.jpg

A Voar é o novo libro disco de Cé Orquestra Pantasma. O músico, coa colaboración de Cristina Ouro nas ilustracións e de Judit Santos no texto literario presenta a historia dunha xoaniña que "movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará, amosándonos que só a través do coñecemento dos valores universais seremos quen de a nosa vida mellorar". Nove cancións seguen unha historia que inclúe chamadas desde o libro cara ao disco. Ademais do CD, o volume inclúe un código para descargar os temas e un avión de papel para montar. O proxecto ve a luz da man da cooperativa Miudiño, que pon á venda de xeito anticipado o volume a un prezo rebaixado de 15 euros ata o vindeiro 30 de novembro. Segundo sinala a presentación do álbum, "A Voar pretende axudar aos nenos e nenas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre".

NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'

Xénero: Rock | 21 / 11 / 2018

NAO_ataqueolume_capa.jpg

A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.

Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'

Xénero: Hip-Hop | 16 / 11 / 2018

ezetaerre_PolvoraeTormenta.jpg

Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.

Chicharrón presentan o novo disco 'Cancións clínicas'

Xénero: Alternativa | 14 / 11 / 2018

chicharron_clinicas.jpg

A banda carballesa Chicharrón saca este mes o que é so terceiro traballo delonga duración Cancións clínicas (Prenom, 2018). No seu formato físico o disco preséntase nunha edición limitada de 200 copias en CD, nunha carpeta de dimensións semellantes ás dun vinilo 7". O disco foi producido por Rubén Domínguez e gravado e mesturado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma. Once temas conforman este novo traballo no que a banda liderada por Alberto M. Vecino (ex- Franc3s) transita moito máis pola electrónica que nos seus anteriores discos malia que xa había unha transformación neste sentido en Postal(Prenom, 2016) respecto ao seu disco de debut Chicharrón(Prenom, 20149 o traballo máis acústico e pop da banda, que hoxe en día conforman seis compoñentes. A atmósfera neste novo disco é máis escura e agresiva que nos anteriores e mesmo con temas como Que máis dará? apuntan cara o garaje mentres que noutras entran no tecno-punk ou mesmo o krautrock. Como xa fixeran en a banda presentan todas as letras do disco en galego, escritas todas por Alberto M. Vecino agás No seu despregar, poema de Gonzalo Hermo titulado orixinalmente O dó. Moitos dos títulos presentan unha actitude inquisitiva en forma de preguntas a contestar como o que abre o disco Qué maís nos queda por dicir?, nun tema que afonda na decepción e na ausencia de sentimentos, presentando unha intimidade case apocalíptica.

Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional

Xénero: Infantil | 8 / 11 / 2018

eu_ven_vin_virivin_manuel_rico.jpg

"Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar" é o lema co que se presenta Eu ben vin, virivín, o novo libro CD de Manuel Rico Verea. O volume presenta unha selección de rimas infantís de tradición oral, na súa maioría vencelladas a animais, que se recrean coa participación do Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado polo propio Manuel Rico e por Nani García. O Nani García Trío corre tamén coa instrumentación do proxecto, na que as melodías tradicionais se mesturan con arranxos de Jazz e que conta con Lucía Souto como voz principal, canda a Rico e a Clara Jelihovsky como convidada. O volume, editado por Xerais, achega ademais textos que presentan cada un dos temas, a falar do significado e cada un, acompañados da partitura correspondente e de exercicios sobre os mesmos. O CD inclúe ademais pistas para cantar en modo karaoke.

O impacto do XIIIº Resurrectión Fest valórase en máis de 8,5 millóns de euros

Xénero: Rock | 19 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival de rock metal Resurrection Fest segue mantendo a atención dos medios neste final de semana. Se a súa posición de finalista en varias categorías dos premios nacionais para festivais era noticia nos días anteriores, o evento de Viveiro ven de acceder de novo ao primeiro plano da actualidade con dous motivos ao tempo, un de pasado e outro de futuro: a presentación do estudo de avaliación de impacto da súa pasada edición e un novo avance de cartel para a videira que se celebrará en 2019. Segundo o estudo impulsado pola Axencia Galega de Industrias Musicais, AGADIC, a décimo terceira edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña.

Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952

Xénero: Folk | 27 / 9 / 2018

1952_tanxedoras.jpg

1952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.

Luís Vallecillo musica contos clásicos en Cantamos?

Xénero: Infantil | 25 / 9 / 2018

cantamos_luis_vallecillo.jpg

Un audiolibro con cancións e pictogramas e mais un espectáculo escénico e musical compoñen Cantamos?, a nova proposta de Luís Vallecillo para o público máis novo. Textos de Celtia Figueiras e ilustracións de Blanca Millán danlle forma ao volume, un libro-disco no que se mesturan cancións con versións sonoras das historias e que inclúe contidos adaptados a persoas con discapacidades. No campo escénico, o propio Vallecillo, acompañado da monicreque Rosi, actúa como fío conductor para as historias. O Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso, acollerá o vindeiro 30 de setembro ás 12 horas a presentación oficial do proxecto, que ve a luz da man de Guindastre Edicións.

Emilio Rúa presenta hoxe novo disco 'Duetos' un traballo de plenitude

Xénero: Cantautor | 21 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco, Duetos, hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Este oitavo álbum de Rúa tivo unhas condicións excepcionais respecto ao resto da súa carreira xa que foi gravado a dúo con dezaseis grandes nomes da música, como Pablo MIlanés, Victor Manuel, La Shica, Javier Álvarez, Rebeca Jimenez, Carmen Paris, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi, Vicky Gastelo, Soledad Gimenez, Rosa Cedrón, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor e Dolo Beltrán. Na presentación do seu oitavo álbum no auditorio da Cidade da Cultura contará coa presenza de Victor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo. Segundo o autor, este disco é un paso moi importante na súa carreira e tamén para a música galega, "pois leva a artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria". En palabras do ourensán, este traballo é "un punto e aparte, neste momento no que cumpro a maioría de idade editando discos e compondo cancións". As entradas para o evento, que terá lugar ás 21 horas están á venda en Ticketea desde 6 euros.

<< Inicio / Anterior . 351 a 360 de 1395 . Seguinte \ Fin >>