Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Oviravai trae novas aventuras cantadas do teixugo Paio no seu segundo traballo

Xénero: Infantil | 5 / 2 / 2019

oviravai_paiopoderdamusica.jpg

A banda de música infantil Oviravai presenta un novo libro disco co teixugo Paio como protagonista e as súas aventuras xunto aos seus amigos como liña argumental en 11 novas cancións. A colección Sonárbore de Galaxia saca Paio e o poder da música con ilustracións de David Ouro. A formación actual de Oviravai, que no seu primeiro traballo As andanzas de Paio presentábase como un grupo de catro membros, son Verónica Santalices e Federico Welicki. Para a gravación nos estudios Son feixón contaron con Suso feixón á batería, Diego Pacheco na guitarra e Carlos Gil Fandiño aos teclados. Ademais nos coros tamén estiveron Erika e Xacob Welicki. Nas súas novas aventuras Paio, xunto a novos amigos como o oso Aurelio ou o armadillo Armando, vai descubrir o poder da música e da amizade. As cancións mandan mensaxes educativas sobre o coidado do planeta, o acoso nas aulas, o trato coa terceira idade, a importancia do estudo e outras moitas mensaxes positivas ademais dunha canción dedicada a Rosalía de Castro, todas elas nun ritmo festivo e dinámico. O vindeiro 17 de febreiro actuarán no centro Comercial As Termas, de Lugo co novo espectáculo saído deste disco.

A Sala Tebras amplía a oferta musical de Lugo

Xénero: Miscelánea | 5 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Un concerto de Xoel López, dentro do ciclo "Escenarios Vibra Mahou" inaugurará en Lugo a nova Sala Tebras o vindeiro 17 de marzo. O espazo terá unha capacidade de aforo de ata 1.400 persoas cun escenario de 8 metros por 6, completamente equipado para acoller concertos e outro tipo de eventos e con posibilidade de adaptalo para cantidades de público máis reducidas. A Sala Tebras xurde nos locais dos antigos cines Yelmo da cidade, onde convivirá con outros recursos culturais como a sala de cine Códex Cinema, no que é un aproveitamento privado que amplía a oferta cultural da capital provincial pero que aspira a ser un referente na comunidade Galega. O músico Eloi Caldeiro, compoñente do grupo Brath, é un dos promotores desta iniciativa. Aínda non se coñece máis información da axenda de concertos da sala. Xoel López presentará o seu traballo Sueños y Pan nun formato de trío acústico, as entradas xa están á venda.

Tonhito de Poi comparte a súa experiencia amazónica en 'Non hai onde esconderse'

Xénero: Fusión | 4 / 2 / 2019

tonhito_depoi_nonhaionde.jpg

Se a pasada semana falabamos do novo disco en solitario de Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus, coincidindo no tempo ven de presentar o seu novo traballo tamén en solitario Tonhito de Poi, outros dos Heredeiros e alma mater desa banda. Seguindo a estela daquel O Soro da verdade (2012), o de Ribeira volve a sacar a inspiración das súas experiencias amazónicas, da súa viaxe chamánica coas tribos da frondosidade selvática. Non hai onde esconderse é o título do novo traballo de Tonhito de Poi, que ofrece un libro de 60 páxinas con descarga de 16 temas. Varios anos de traballo e investigación musical están detrás deste traballo no que se inclúen gravacións feitas in situ na propia selva, tanto de cantos tribais e instrumentos nativos como de son da propia natureza. En paralelo o músico presenta o seu documental O despertar da Anaconda, que contribúe a explicar a experiencia da que xurde este traballo. Nas melodías Tonhito ofrece multitude de fusións entre músicas máis folclóricas ou étnicas e outras máis roqueiras ou do blues e todo tipo de influenzas, mesmo flamencas. Na súa gravación colaboraron músicos como Cuchús Pimentel, Rubén reinaldo e Lucía Pérez nos coros. O libro está dispoñible para mercar e descargar os temas na páxina do artista. O disco presentouse en Ponteareas en concerto no JJ Cobas, xunto con unha cervexa artesanal do mesmo nome que o artista e elaborada con Acai ecolóxico, e Lúpulo Centennial de colleita propia. O artista está a presentar o álbum en concerto en formato de trío.

Doce discos de estilos variados compiten polo Premio MIN a mellor álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 29 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

A undécima edición dos Premios Min da música independente española xa abriron a súa fase de votacións populares. Ata o vindeiro 11 de febreiro será posible inscribirse na web de MIN e votar polas nosas preferencias en 18 categorías diferentes. Grupos e artistas de Galicia se presentan en moitas delas e os premios teñen unha categoría propia para o mellor álbum en galego na que se poden votar ata por cinco dos 12 presentados, que ademais representan en si mesmo unha ampal variedade de estilos musicais, dende o folk ata a canción infantil, pasando polo rock, o rap e a electrónica: Cancións clínicas, De Chicharrón; Pólvora e tormenta, de Ezetaerre; O mínimo que o contén todo, de ITH; Déixaas, de Mercedes Peón; Unha illa, de Mielitza; Fíos de ouro no ar, de Rodrígo Romaní Trío; Noite, de Sangre de Muérdago; Tanxugueiras, de Tanxugueiras; Outro que tal baila, de Tiruleque; Noró de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre; A casa do terror,d e Xoán Curiel e Dardos, de Xoana. Estes discos tamén se presentan cada un en outras categorías deste premios xunto a outros moitos nomes da escena musical galega como Abe Rábade Trío, Santi Araújo, Presumido, Los Árboles, B Flecha, Basanta, Fredi Leis ou Triángulo de Amor Bizarro entre outros moitos. Pasada a fase de votacións populares os cinco máis votados de cada grupo se consideran semifinalistas e despois un xurado profesional decidirá de entre eles os finalistas e posteriormente os vencedores desta 11ª edición dos Premios da Música Independiente.

'Fulgor' trae as novas tonalidades dun Budiño que resplandece con voz propia

Xénero: Miscelánea | 25 / 1 / 2019

fulgor_capa.jpg

Budiño ateigou hoxe a mediodía a Sala Riquela de Santiago na presentación do seu novo disco . Medios de comunicación e amigos do moañés entre os que estaban figuras recoñecibles da escena musical como Uxía, Guadi Galego, o produtor Arturo Vaquero ou Guillermo Fernández entre outros. O actor Carlos Blanco exercía de mestre de cerimonias acompañado ao propio Budiño e tamén a Rubén Pérez, representante da adega Ponte da Boga. O mundo do viño galego exercía nesta ocasión un novo papel de apoio á escena musical colaborando coa edición do disco e sacando ao tempo un novo caldo rosado "de autor" que levará o nome deste traballo: Fulgor. A recente colleita musical de Budiño presenta "novas tonalidades", en palabras de Carlos Blanco e así resulta da sensación da súa escoita na que clasificar o conxunto do traballo nunha etiqueta de xénero musical sería ignorar os múltiples matices que deixa na cata. "A necesidade de cantar con outros instrumentos. De usar a voz", foi a que estivo, segundo Budiño, detrás do nacemento de Fulgor. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

Abe Rábade Trío presenta hoxe o novo disco 'Doravante'

Xénero: Jazz/Blues | 18 / 1 / 2019

Abe_Doravante.jpg

Abe Rábade Trío presentan cun concerto hoxe no Circulo de Bellas Artes de Madrid o seu novo traballo discográfico Doravante (Nuba + Karonte Records, 2018). No disco Abe Rábade (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería) ofrecen once temas entre os que abundan as composición do pianista pero onde tamén ahí sitio para a interpretación de pezas tradicionais galegas como Alalá das Mariñas e O paxaro cando chove. Ademais o trío tamén fai seus temas de outros como é o caso Just one of those things de Cole Porter, In love in vain de Jerome Kern ou o tema de pehe do álbum, Hasta siempre comandante, no que o trío de jazz interpretan o tema de carlos Puebla y sus Tradicionales. O disco ábrese coa singular peza Revolutionary, na que Rábade pon música a unha entrevista realizada á activista norteamericana antirracista e feminista Angela Davis en 1970. Doravante xa está dispoñible desde hoxe nas plataformas dixitais e á venda en tendas físicas e dixitais. O concerto de presentación enmárcase no ciclo Jazz Círculo e comezará ás 21:30 horas.

Sondeseu actuará na gala de apertura do Celtic Connections de Glasgow

Xénero: Folk | 15 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

A orquestra Sondeseu de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente. Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. Esta será a delegación seleccionada pola Consellería de Cultura e Turismo, que organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte estas oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.

Preséntase hoxe en concerto o triplo disco conmemorativo sobre o Mestre Vide

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 1 / 2019

MestreVide_3cd.jpg

Co gallo do 125 Aniversario Nacemento do compositor ourensán José Fernández Vide (1893-1981), o músico e investigador pontevedrés Oscar Ibáñez impulsou a gravación da súa obra completa para piano e para canto e piano, moi pouco coñecida ata o momento, contando coa interpretación da pianista redondelá Noemí Salomón e da soprano compostelá Anaís Fernández. O disco, titulado MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano, está formado por dous discos coa obra para piano e un terceiro coa obra para canto e piano; o traballo complétase cun libreto de 40 páxinas con textos dos musicólogos Carlos Villanueva e Javier Jurado, así como do fillo do compositor Antonio Fernández García-Vide, sobre a vida, a obra e a personalidade do compositor cuxo percorrido vital e musical transcorreu entre Ourense e a Habana, ligado ao círculo ourensán da revista Nós. Hoxe mércores o Paraninfo da Universidade de Santiago acolle un concerto ás 20:30 no que se presentará este traballo discográfico. Noemí Salomón e Anaís Fernández interpretarán unha selección da extensa obra para piano e canto-piano do Mestre Vide.

Ugia Pedreira e Pierrot Rougier presentan A Comuna del Barruzo

Xénero: Infantil | 3 / 1 / 2019

comuna_barruzo_ugia_pedreira.jpeg

Dez cancións a retratar seres fantásticos da zona de Eo-Navia, xogos ou a relación coa natureza compoñen A Comuna del Barruzo. aCentral Folque presenta este libro-CD, primeiro en galego-asturiano para crianzas, que conta con cancións de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier e ilustracións de Mónica Justo. O proxecto emprega textos de poetas desta comarca como son Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez e conta con colaboracións como as de Quim Farinha ou Rosa Cedrón, a mesturar ritmos tradicionais de diferentes lugares do mundo con toques de música de cámara, reggae, ragtime ou pop rock.

Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018

Xénero: Rock | 2 / 1 / 2019

ataque_escampe_duplo_2018_fin.jpg

A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.

<< Inicio / Anterior . 341 a 350 de 1395 . Seguinte \ Fin >>