Ir ao contido directamente.


Noticias

Volven os solpores musicais na Cidade da Cultura

Xénero: Miscelánea | 28 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

Dezaseis solpores desde a Cidade da Cultura de Galicia terán a música en directo como fondo durante este verán. Unha nova edición de Atardecer no Gaiás comezará o xoves 7 de xullo e ata o 26 de agosto, cada xoves e venres durante os dous meses no enclave da capital galega. Dentro da programación desta décimo segunda edición do ciclo o público poderá gozar de balde de música con diversos estilos e procedente de distintas xeografías. Así, a oferta abrangue desde o pop á canción de autor e o flamenco, a electrónica, o folk experimental e ritmos urbanos que mesturan xéneros como a electrocumbia, trap ou hip hop. A Cidade da Cultura será un escaparate das tendencias musicais actuais, tanto de Galicia, na súa meirande parte, como do resto do territorio español e portugués. Os concertos recuperan o seu formato orixinal, tras os anos de pandemia, e serán de acceso libre, sen reserva previa.

'Música no Ar' acollerá concertos de cámara en espazos patrimoniais de Pontevedra

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

O Castelo de Soutomaior acollerá este martes 28 o concerto "Retrato musical", da Orquestra Clásica de Vigo e Cintadhesiva, co que se fai a apertura do ciclo Música no Ar, organizado desde a deputación de Pontevedra. Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos servirán de escenarios para este programa de música de cámara. Ata trece actuacións diferentes entre este martes e o 25 de setembro en outros tantos espazos singulares da provincia. Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que van desde o clásico ao contemporáneo. Todas as actuacións son de balde, as de Soutomiaior e do castelo de Sobroso requiren inscrición previa.

Actos en varias cidades celebran o Día Europeo da Música

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

Coincidindo co solsticio de verán celébrase hoxe o Día Europeo da Música, unha festa de recente tradición que insta a sacar a música a rúas, prazas e espazos públicos para compartila. Co gallo desta data algunhas entidades e administracións levan a cabo actos hoxe ou durante a vindeira fin de semana. En todos os casos as actividades son de balde, algunhas con reserva previa.

O vigués Iago Galego debuta con Filloas

Xénero: Fusión | 20 / 6 / 2022

filloas_capa_aregueifa.jpg

Filloas é o proxecto máis persoal do artista vigués Iago Galego Ferreiro que agora distribúe a plataforma A Regueifa 2.0. Iago Galego aposta pola música urbana pero non renuncia a engadir sonoridades de diversa orixe que van dende o synth-pop, o autotune, guitarreo eléctrico e sintetizadores, trap e Eurobeat. Once temas nun álbum de nome homónimo no que abundan as pezas para bailar. Todo isto sempre acompañado de letras persoais e profundas e nas que sempre hai un oco para a comedia. Filloas ofrécenos letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia"). Iago Galego busca un recuncho recoñecible de seu nesta escena musical actual desinhibida e sen complexos, facendo aumentar o rico panorama da música urbana en galego. Segundo A Regueifa 2.0 "se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas".

A décima edición do Surfing the Lérez ofrece tres días de música galega

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

O Surfing the Lérez máis longo celébrase a semana que ven e preséntase hoxe xa cun concerto de Tony Lomba. O festival pontevedrés da Illa das Esculturas presentou este ano a súa décima edición cun programa de tres xornadas e cun cartel de propostas da escena musical galega en exclusiva, moitas delas locais. Durante os días 23, 24 e 25 de xuño -o cal inclúe a noite e festividade de San Xoán- volverá á Illa das esculturas este evento tras o parón pandémico e no seu formato habitual aberto e de balde con recollida de alimentos. Hoxe dáse a saída a estas edición tan especial cunha festa de presentación en forma de concerto de Tony Lomba ás 22 horas en El Pequeño. Este ano o festival incluirá un novo escenario reservado para o público infantil, no que haberá contacontos, teatro e obradoiros infantís. A proposta inclúe un obradoiro sobre memoria histórica a cargo de García MC.

Volven os máis emblemáticos festivais de jazz urbanos

Xénero: Jazz/Blues | 16 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

A parella feita polo jazz e o verán volve ás cidades coa recuperación de destacadas citas de axenda que levan moitos anos servindo de escaparate e conexión deste xénero e os seus artistas locais e internacionais co público. Dúas citas urbanas consolidadas recobran este a no a presencia estival. É o caso do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e do Festival Internacional +QJazz da Coruña. Durante o mes de xullo estes eventos retomarán a súa oferta traendo a Galicia a figuras de primeiro nivel. A permanencia e volta de outras citas urbanas habituais deste xénero, como o caso do Festival de Jazz de Vigo que substituíu ao ImaxinaSons en 2018, está aínda por coñecerse. En varias pequenas localidades sí haberá de novo estes eventos.

Os XXI Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen a Fol Música

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollía na noite deste 8 de xuño a gala dos XXI Premios Opinión da Música de Raíz. Os galardóns resultaron neste ano moi repartidos e ningún dos proxectos galardoados obtivo recoñecemento e máis dunha categoría.

Volve a Duendeneta aos Camiños das Músicas Galegas

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

A Duendeneta volverá a percorrer as rutas xacobeas de Santiago en Galicia co obxectivo de dar a coñecer a música feita en galego desde Andrés Dobarro ata as Tanxugueiras. Hoxe tivo lugar en Santiago a presentación da segunda xira Os Camiños das Músicas Galegas co que por segundo ano consecutivo a furgoneta musical máis famosa de Galicia percorrerá o camiño de Fisterra, o francés e a Vía da Prata durante os meses de xuño e xullo. Nesta nova edición, a discoteca móbil viaxará por diversas prazas e vilas, ofrecendo ata 32 sesións musicais de carácter didáctico, que mostrarán a historia da música da nosa comunidade e na nosa lingua propia, tanto a peregrinos como a habitantes destes enclaves. O DJ desta iniciativa é o xornalista Carlos Crespo, que deseñou e conduce as sesións musicais, cunha duración aproximada de hora e media ou dúas horas de duración, coas que achega a música de galegos e en galego, cunha selección musical coa que percorrerá toda a historia musical galega, comezando con Andrés Dobarro e chegando, nesta actualización respecto ao pasado ano, coas Tanxugueiras. En concreto a Duendeneta percorrerá os concellos de Fisterra, Muxía, Corcubión, Cee, Negreira no Camiño de Fisterra; O Pedrouzo, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Triacastela e O Cebreiro no Camiño Francés; Vedra, Silleda, Lalín, Ourense, Allariz, Xinzo da Limia na Vía da Prata e tamén no Monte do Gozo, onde rematará a súa xira deste ano.

Fisterra recupera esta fin de semana o seu 'Blues Experience'

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

Esta vindeira fin de semana o festival Fisterra Blues Experience chega á súa VI edición e faino cun formato ampliado e ambicioso ofrecendo espectáculos de destacados artistas galegos, nacionais e internacionais nun amplo abano de sons sen deixar a de atender ao blues ao que debe o seu nome. Oito dos once artistas confirmados no cartel son galegos. Nesta VIª edición a vila fisterrá volverá acoller actividades nas súas prazas e rúas, ademais de no seu emblemático faro e no campo de fútbol Ara Solis, que toma o seu nome do altar ao sol construído polos fenicios nesta localidade da Costa da Morte. En total, serán tres días de experiencias únicas, do 10 ao 12 de xuño, nas que a música, a historia, a natureza ou os ansiados encontros, serán protagonistas tanto en terra firme coma nas augas da Costa da Morte.

A ópera Norma será o prato forte da 70ª Temporada Lírica da Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou na Coruña na presentación da 70ª edición da Temporada Lírica da Asociación Amigos de la Ópera, que volve contar co apoio económico do Goberno galego a través dun convenio de colaboración dotado con 150.000 euros. A posta en escena da famosa ópera de Bellini, Norma, será un dos pratos fortes da programación deste ano, que entre setembro e decembro ofrecerá unha quincena de citas para os amantes do xénero lírico, entre recitais, galas e actividades formativas. Sutil enmarcou esta colaboración da Xunta no seu labor de promoción e fomento de moi diferentes ciclos, circuítos e eventos arredor da música como expresión artística universal e diversa.

<< Inicio / Anterior . 291 a 300 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR