Ir ao contido directamente.


Noticias

Boyanka Kostova apostan forte pola muiñeira-trap con 'Ranaeira'

Xénero: Fusión | 6 / 6 / 2022

ranaeira_BoyankaKostova.jpg

Retranca, trap, música tradicional, hip-hop, electrónica, verbena e máis retranca son os ingredientes cos que o dúo Boyanca Kostova enchen o seu segundo traballo , "Ranaeira" (Mushroom Pillow). Chicho González (Ortiga) e Cibrán García seguen ensanchando o espazo da reinterpretación do tradicional a través dos ritmos urbanos e electrónicos coa súa muiñeira-trap como bandeira. "Ranaeira" tivo como adiantos dous temas que xa deixaban ver os camiños que ía tomar o álbum. O primeiro deles ese "Ázido Úriko", unha colaboración cos Dios Ke Te Crew na que tiran de retranca para renovar os tópicos sobre mariscadas, mentres que no segundo sinxelo presentado "A Quincena Do Apóstol", atopan na vida compostelá e na música tradicional materiais para crear un himno propio cun retrouso para enganchar ben nas verbenas, concertos e festivais. O disco inclúe unha remestura "club" desa "Muinheira de interior" reinventada coa colaboración da cantante Pili Pampín. En total once temas para esta nova entrega que chega para marcar distancias con calquera outro proxecto musical actual de música galega malia poder compartir puntos de encontro con algúns. A presentación en directo comezará na casa, coa participación no festival O Son do Camiño de Santiago o vindeiro 16 de xuño. Tras diso pasarán tamén polo festival AstroMona Fest, de Valladolid o 2 de xullo e xa hai outros concertos programados na axenda dos músicos.

Unha foliada para recuperar a festa furtada

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

Recuperar a festa furtada pola represión fascista e homenaxear a artistas de todo o país que a padeceron son os obxectivos da 'Foliada da Memoria' que vai facer a Deputación de Pontevedra sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín). A entidade provincial organiza este evento a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, coa colaboración da agrupación Os Dezas de Moneixas e do Concello de Lalín. A xornada será de memoria festiva e durará todo o día, con actividades para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar. Xurxo Souto conducirá este acto. A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.

A Agadic convoca as axudas para programacións musicais

Xénero: Miscelánea | 3 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

Ao abeiro dos fondos Fondos de Desenvolvemento Rexional para a recuperación da pandemia, na liña REACT-UE, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar unha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución desta medida, que conta cun orzamento total de 600.00o euros e vai dirixida a espazos de exhibición musical privados, situados no país e coas preceptivas licenzas, que teñan realizado un mínimo de 25 concertos ao longo do último ano.

A pandeireta como eixo do Serán '03

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.

As mulleres 'visibles e sonoras' da música contemporánea

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

Este mércores, 1 de xuño comezan, cun Solo de Arpa de Cristina Montes Mateo ofrecendo un programa de música orixinal de nove compositoras españolas, unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. Ata o 29 de xuño desenvolveranse en Santiago estes encontros que consistirán en tres coloquios e nove concertos. O eixo transversal deste ciclo son as achegas femininas, xa sexa de compositoras como intérpretes ou investigadoras, no marco da música contemporánea. Daí que o título desta edición sexa "(In)visibles e sonoras", buscando traelas diante do foco. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Santiago (Compostela Cultura), o CGAC, a USC, a Deputación da Coruña e o Consorcio da cidade. As xornadas celébranse en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, CGAC e Praza das Praterías. Todos os eventos serán con entrada de balde, previa retirada de convites.

A OSG presenta un programa de 'Imprescindibles' para a vindeira temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

O programa 2022/2023 da OSG ven de presentarse baixo o epígrafe de 'Imprescindibles' anuncia a un elenco de grandes directores e solistas invitados, así como a interpretación de grandes obras do repertorio sinfónico que poden ser clasificadas desa maneira. A vindeira temporada verá sobre o podio ata nove batutas por vez primeira: Alondra de la Parra, Lina González-Granados, Markus Stenz, Stéphane Denève, Ludovic Morlot, Antonello Manacorda, Catherine Larsen-Maguire, Vasilly Sinaisky e Manuel Hernández-Silva. Ademais Dima Slobodeniouk manterá unha importante presencia con tres programas e Carlos Mena iniciará a súa etapa como director artístico do Coro con dous programas sinfónico corais, a Gloria de Antonio Vivaldi e o Réquiem do portugués Joao Domingos Bomtempo. Catro orquestras estarán convidadas ao programa de abono da OSG: a Orquesta Nacional de España, a Orquesta Sinfónica de Castilla y León, a Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias e a Real Filharmonía de Galicia.

Trinta anos de pasos no 'Camiño longo' de Treixadura

Xénero: Folk | 30 / 5 / 2022

treixadura_camino_longo.jpg

Trinta anos leva a formación tradicional Treixadura camiñando polos escenarios do país e con esa celebración presentan un novo traballo discográfico, 'Camiño longo', co que tamén seguen a andar por auditorios e eventos. Como xa fixeran en anteriores aniversarios "redondos", celebrando os vinte anos con "Esa si que é muiñada" (2011) e os 25 co álbum gravado en directo "Vendima tarda" (2014) agora os de Cambados celebran o trinta aniversario cunha forte aposta que en forma dun libro - disco no que fan un percorrido pola súa propia traxectoria. Este oitavo disco, 'Camiño longo' é un documento de 17 temas musicais e 104 páxinas que amosa o propio percorrido da formación a nivel musical e histórico, un intento de deixar rexistro de 30 anos de emoción compartidos con moitos seguidores, que grazas as cancións os datos e as fotografías poderán revivir moitos momentos de Treixadura, achegándose á traxectoria desta importante formación. O disco, autoeditado, foi gravado nos estudios Casa de tolos, en Mañufe, Gondomar, e Edisco, A Estrada, durante os meses de xaneiro a marzo de 2020 e conta coas colaboracións da Banda Municipal de Música de A Coruña e do Coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela ademais da de Rodrígo Romaní. Treixadura xa está a presentar este traballo en diferentes escenarios cunha axenda cuxa seguinte parada será o vindeiro día 3 en Crecente (Albeos) no marco das Festas das Dores e o Santo Cristo.

Os Grupos de Vigo en Loita organizan un concerto de protesta contra o Concello

Xénero: Miscelánea | 25 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

A plataforma Grupos de Vigo en Loita, creada por músicos da cidade olívica para canalizar as súas protestas sobre as condicións dos locais de ensaio municipais Vigosónico, organizará o vindeiro venres un concerto de reivindicación das súas reclamacións. O club Molotov acollerá o venres 3 de xuño este acto que inclúe a sete bandas da escena viguesa, para reclamar a mellora das salas de ensaio de Vigosónico e tamén servirá para reivindicar a presencia de bandas viguesas na programación de verán do Concello, que, para o colectivo organizador "brilla pola súa ausencia, especialmente cando esta podería servir de altofalante da cultura da cidade xuntando aos artistas da cidade cos grandes nomes internacionais". O evento contará con músicos de diferentes estilos, dende o rap de La Cloaka Sound e JCA, pasando polo punk dos Vacalouras, o metalcore de Arson Tides, a mestura de rap e rock do Puto Show, o pop punk de Gracias por Nada, o rock duro de West Ride ou o rock de Einconscientes. A entrada será de balde.

A sustentabilidade dos festivais protagoniza a XII xornada A cultura é un dereito

Xénero: Miscelánea | 19 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

O vindeiro 21 de maio a sede da Deputación Provincial da Coruña acolle a XII xornada A cultura é un dereito. Organizada pola área de Cultura do organismo, este encontro artéllase co título "Impacto positivo: unha alianza festivais-administración" e pon o seu foco na sustentabilidade destes eventos.

Das minas tamén sae arte

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

A mina Consuelo de A Pontenova (Lugo) está a vivir unha segunda vida como recurso patrimonial turístico e cultural da zona, tras do seu pasado industrial, hoxe abandonado. Os vindeiros 11 e 12 de xuño comezará, como proba piloto, un ciclo de intervencións artísticas deseñadas especialmente para o contexto da Mina Consuelo e integradas na ruta de sendeirismo coñecida como "Ruta dos Fornos". Eses dous días terá lugar dentro dunha actividade máis ampla que reúne sendeirismo, espeleoloxía e degustacións, a actuación musical en directo de Mónica de Nut. O ciclo, supón integrar estas intervencións nun percorrido guiado por este entorno no que os visitantes terán que enfundarse os cascos para acceder á mina abandonada que é a segunda maior paraxe espeleolóxica de Galicia tras Rei Cintolo, segundo estudos recentes. A experiencia terá unha duración de dúas horas e media e incluirá unha parte do percorrido pola 'Ruta dos fornos', a visita ás minas, a actuación da artista (40 minutos) e unha degustación de viños e produtos da zona. Esta é a primeira actividade programada deste ciclo artístico comisariado por Natalia Balseiro para a empresa Xesteco Creativa.

<< Inicio / Anterior . 301 a 310 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR