Ir ao contido directamente.


Noticias

Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario

Xénero: Hip-Hop | 22 / 11 / 2024

O-noso-tempo-cover.jpg

O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".

Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'

Xénero: Fusión | 21 / 11 / 2024

Portada Caldo_catuxasalom.jpg

A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.

Antón Alcalde gaña o Premio de Jovenes Compositores da Fundación SGAE e CNDM

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

O compositor Antón Alcalde (Rianxo, 1992) ven de ser designado gañador do 35º Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM 2024, que convocan a Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM). A obra ' Anatomías del abismo' de Alcalde, interpretada polo Ensemble Vigo430, xunto ao resto de obras finalistas no Auditorio 400 del Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid foi a máis valorada polo xurado de entre as catro partituras candidatas. Alcalde, natural de Rianxo aínda que afincado en Taiwan, acada así o premio Xavier Montsalvatge, dotado con 6.000 euros, que en palabras do xurado destaca "pola súa forza, a súa vitalidade, o control da técnica e a escritura e a súa capacidade de sorprender". A composición parte dunha reflexión sobre unha cita de 'Máis alá do ben e do mal', un dos textos fundamentais de Nietszche, que di: "Cando miras fixamente ao abismo, o abismo tamén mira dentro de ti", segundo o propio autor. Grazas a este premio o artista convértese automaticamente en compositor residente da Red de Músicas de Juventudes Musicales de España durante a temporada 2025 – 2026. Juventudes Musicales de España encargaralle dúas obras de música de cámara e outorgará 1.500 euros por cada creación.

Sen Senra segue a súa viaxe creativa cunha nova obra íntima

Xénero: Pop | 18 / 11 / 2024

sensenra_POVolI.jpg

O pasado ano Sen Senra, nome artístico do músico Christian Senra (San Miguel de Presqueiras, Forcarei) , presentaba o disco 'PO2054AZ (Vol.1)', unha obra que anunciaba como a primeira dunha triloxía destinada a ser considerada como unha obra magna. Coas orixes culturais e íntimas como base e a matrícula do coche vello do seu pai como título, o artista iniciaba unha viaxe declarativa da súa identidade e estilo propios, facéndose un sitio especial dentro das actuais músicas urbanas, unha escena na que desde os seus primeiros temas xa foi quen de destacar, mesmo a nivel internacional. Agora ven de sacar 'PO2054AZ Vol. II' (Sonido Muchacho) e, mantendo a intención, segue o seu periplo de manter presentes as orixes, xa mirándoas desde a perspectiva do emigrado. Nese sentido entre os 24 cortes que presenta este disco inclúense 4 mensaxes de audio recibidos polo músico nas voces da súa nai e a súa avoa, gravacións que nos colocan na vivencia da familia na distancia que ten o artista. Este segundo volume da triloxía preséntase así como unha homenaxe a historia galega da emigración, aos paisanos e a súa familia e "a todos os que nalgún momento tiveron que saír do seu fogar", unha viaxe non só física, senón tamén interior. Se ao anterior álbum considérase 'A Orixe' este subtitúlase como 'O emigrante'.

O Museo do Pobo leva 586 cantos ao Teatro Colón

Xénero: Folk | 15 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 16 de novembro o espectáculo 586 cantos. Esta proposta, producida polo Museo do Pobo Galego a través da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, combina audiovisual e música quere "pór en valor a tradición e sabedoría que nos legaron as portadoras e transmisoras da nosa poesía popular oral, futuras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025, así como os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego".

Inxección económica para salvar a OSG

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

A complicada situación económica da Orquestra Sinfónica de Galicia, que está a crear preocupación mesmo entre os seus membros ven de superarse no curto prazo. Segundo avanza o xornal La Voz de Galicia os grupos municipais do PSdG-PSOE e BNG acordaron que o Concello conceda un suplemento de crédito de 660.000 euros destinado á xestión das actividades da agrupación orquestral. Este montante irá destinado ao pago de alugueiros, contratación de solistas e a cubrir as subas salariais derivadas do incremento do IPC. A situación do Consorcio para a Promoción da Música mantense aínda pendente de maiores pasos para a súa estabilización económica, o que depende non só do goberno local, senón tamén da Xunta de Galicia.

Zona da Zanfona celebra a súa vixésima edición en Arzúa

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

Logo de desaparecer da axenda de Rianxo no último verán, o encontro Zona da Zanfona trasládase a Arzúa para celebrar a súa vixésima edición. O festival dedicado ao instrumento de corda continúa a súa andaina organizado por aCentral Folque co apoio do Concello e o patrocinio da Deputación da Coruña.

Javier Otero estrea a ópera 'Pálido Punto Azul'

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle hoxe a estrea absoluta da ópera 'Pálido Punto Azul', unha obra contemporánea composta polo músico estradense Javier Otero Neira con libreto de Iria Azevedo, que toma como punto de partida a famosa fotografía da terra tomada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6.000 millóns de quilómetros que foi así definida por Carl Sagan. O espectáculo aborda a representación do lugar que ocupa a humanidade no Universo a través de diferentes dimensións artísticas sobre o escenario, amosando a través desta obra colectiva a insignificancia e fraxilidade do noso planeta como un pequeno punto azul na inmensidade do espazo. A estrea na Coruña insírese no programa lírico de temporada de Amigos da Ópera da Coruña. Sobre o escenario a parte lírica correrá a cargo de Esperanza Mara coma personaxe principal, mentres Nerea Brey achega a linguaxe corporal da danza e a performance. O equipo artístico inclúe a dirección musical e interpretación de Javier Otero, o deseño escenográfico e dirección de escena de Iria Azevedo e o deseño de movemento escénico de Rut Balvís. O espectáculo presentarase tamén o vindeiro día 27 no Teatro Principal, en Santiago de Compostelá, dentro do ciclo Contemporáneas e xa en decembro, o día 5 no Teatro Principal da Estrada. 'Pálido punto azul' é unha produción de Javier Otero Neira e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude), da Deputación de Pontevedra e do Concello da Estrada. Coa colaboración de Inversia Seguros e Wecom. Creado en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, NONONON lab, CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Máis de vinte concertos no 34 Festival de jazz de Lugo

Xénero: Jazz/Blues | 28 / 10 / 2024

imaxe non dispoñible

A 34ª edición do Festival de Jazz de Lugo, dará comezo este venres e ofrecerá 24 concertos ata o vindeiro 17 de novembro. O Festival está organizado desde 1991 pola Asociación de Amigos do Jazz "Escobijazz", un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música. A edición deste ano contará con 24 citas, acollendo tanto estrelas e grandes figuras internacionais como novos valores do mundo do Jazz e, por suposto, representantes do mellor jazz estatal e galego. De feito este ano case a metade dos proxectos son galegos como as actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz. A participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.

Garza presenta o seu segundo disco 'Vertentes'

Xénero: Electrónica | 25 / 10 / 2024

capa_garza_vertentes.jpg

Os máis de once minutos do tema 'Na franxa' cos que abre o álbum 'Vertentes' son unha boa introdución dos seguintes 55 minutos envolventes que ofrece o segundo traballo de Garza. O artista detrás deste proxecto de música electrónica, Adrian Charlín, percusionista en bandas como Malkeda, regresa cun novo traballo longo tras o seu inicial 'Interferencias' en 2022, de novo baixo o selo ferrolán Ferror Records. Nos doce novos temas que compoñen o disco engádese agora a voz do artista, un elemento máis nun avance evolutivo no seu son, máis puramente electrónico e que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, entre o ominoso e o alegre ao longo dos diversos temas do disco, con profundidade e coidado polos detalles. As letras, inspiradas na estrutura minimalista dos haikus, despregan de maneira aberta un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Este enfoque lírico combínase cunha instrumentación que transita entre o pesado e o etéreo, claramente marcada pola característica de Charlín como percusionista no manexo rítmico e nas sonoridades máis orgánicas, xerando unha atmosfera que invita á introspección e ao mesmo tempo mantén un ritmo vibrante e dinámico. Con este 'Vertentes', dispoñible nas plataformas dixitais, Garza fai unha achega de valor á música electrónica galega e en galego.

. 1 a 10 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR