Noticias
As débedas afogan o consorcio que sostén a Orquestra Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 25 / 10 / 2024Este venres 25 de outubro o Consorcio para a Promoción da Música, que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música da Coruña, aproba as súas contas para 2023. Segundo publica o xornal La Opinión, a entidade acabou ese ano cun déficit de 813.872 euros que pon en perigo a continuidade do seu ritmo actual de actividades.
O mundo da gaita reúnese en Poio
Xénero:
| 23 / 10 / 2024Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.
As Xornadas de Música Contemporánea amplían a súa aposta en Compostela
Xénero:
| 23 / 10 / 2024Co nome de Contemporáneas, o Concello de Santiago presentaba este 22 de outubro a nova programación que toma o relevo das Xornadas de Música Contemporánea. A proposta amplía no tempo as súas actividades e achegará entre outubro e maio oito concertos, un cada mes. Nesta primeira xeira, o proxecto inclúe cinco estreas absolutas e tres composicións especificamente creadas para a ocasión.
A RAGBA celebra o 175 aniversario con música
Xénero:
| 22 / 10 / 2024A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e o Concello da Coruña presentaron 'Os concertos do centenario', tres concertos para conmemorar o 175 aniversario da fundación da RAGBA. Os días 6, 7 e 8 de novembro terán lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 20:00 horas, tres concertos nos que participarán as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña: Cántigas da Terra; Coral Polifónica El Eco; Coral Polifónica Follas Novas; Coral Polifónica Sporting Club Casino; Banda Militar (Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra); a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música; e a Banda Municipal de Música.
Carlangas volve con ganas de baile
Xénero:
| 18 / 10 / 2024Apenas ano e medio máis tarde do seu álbum de debut en solitario chega o segundo traballo de Carlangas, nome artístico de Carlos Pereiro (Monterroso, 1987) ex-Novedades carminha. 'Bailódromo vol. 1' (Virgin records), preséntase como unha re-volta estética e frenética sobre diferentes ritmos de baile. Desde a música disco ao punk, desde os ritmos latinos ás soundystem. Acompañado pola formación Los Cubatas, Carlangas inspírase para este traballo en discos como 'Guitarras callejeras' de Pata Negra ou 'No mires a los ojos de la gente' de Golpes Bajos, segundo o comunicado que acompaña ao lanzamento hoxe do disco en plataformas dixitais. O disco inclúe o tema en galego 'Nosoutros', unha adaptación en galego do coñecido bolero de mesmo título, que neste caso Carlangas canta xunto a Russian Red. A través das letras de moitos dos temas as referencias galegas, sobre todo a lugares da nosa terra como escenarios das súas historias, aparecen continuamente, como é marca da casa do artista. Algunhas das sete cancións que conforman este disco xa foron aparecendo nos meses anteriores, tamén a través dos seus concertos e desde esta fin de semana comeza unha xira de presentación por cidades como Sevilla, Granada, Madrid, Donosti, Murcia, Oviedo ou Pamplona. Para a produción artística contou coa colaboración do enxeñeiro de son e produtor musical Luca Petricca, un habitual desde Novedades Carminha. O disco sairá editado en vinilo de 12" o vindeiro 8 de novembro.
A Coral De Ruada leva o Premio Otero Pedrayo
Xénero:
| 15 / 10 / 2024A histórica Coral de Ruada foi recoñecida este 14 de outubro co Premio Otero Pedrayo, que outorgan a Xunta e as catro deputacións provinciais. O xurado do galardón outorgoulle o premio a esta agrupación "pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música".
Os programadores musicais están convocados ao IVº SiSons
Xénero:
| 14 / 10 / 2024A industria musical galega ten unha cita desde este mércores en Santiago de Compostela co gallo do cuarto encontro SiSons Enclave Musical, que desenvolverá un intenso programa de actividades profesionais e de concertos, abertos tamén ao público xeral de xeito gratuíto. As xornadas, que terán lugar do 16 ao 19 de outubro, a están organizadas pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro e apoiadas desde a Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e desde Concello de Santiago de Compostela e Deputación da Coruña. O Auditorio Abanca, a Borriquita de Belém, a Casa das Máquinas, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sede da Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego e a Sala Riquela son os espazos que acollerán estes catro días de actividade arredor da industria musical galega.
A AELG recoñece a Camiño Noia e Quique Peón como mestra e mestre da memoria
Xénero:
| 14 / 10 / 2024A catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo Camiño Noia Campos e mais o folclorista, coreógrafo e investigador Henrique Peón Mosteiro (Quique Peón) acaban de ser recoñecidos cos premios Mestre e Mestra da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG).
Ortiga presenta 'Obra social'
Xénero:
| 4 / 10 / 2024Chega 'Obra social' (Raso estudio) o terceiro traballo en solitario de 'Chicho do funk' como ORTIGA. O compostelán mantén alta a bandeira da reivindicación da música de verbena co seu compendio de ritmos da festa popular, merengue, bachata ou cumbia, aderezados con letras canallas que sitúan as súas cancións na órbita do trap urbano. 'Obra social' presenta dez pezas, algunhas delas xa adiantadas en videoclip fai meses como 'Le hice el seso a tu novio' outras cuxo lanxamento no formato de video chega simultaneamente ao lanzamento do álbum completo, é o caso do tema italo-disco 'Andiamo Fare La Bossa Nova'. Se ben a comuñón coa música das festas está presente en todo o álbum o artista créalle todo un himno a estas celebracións con 'A nosa verbena', tema que fixo para unha campaña de Estrella Galicia de patrocinio destas festas e que agora inclúe neste disco.
Falece a cantareira Xosefa de Bastavales aos 92 anos
Xénero:
| 2 / 10 / 2024Josefa Juncal Barreiro naceu en Tordoia en 1932 e morreu hoxe en Bastavales (Brión) aos 92 anos. A súa parroquia de adopción converteuse nun momento dado no seu apelativo máis coñecido como cantareira e pandereteira cando grazas a unha relación xurdida de xeito casual con Manu Chao comezou a colaborar co artista galego-francés ata o punto de acompañalo en concertos por Francia e Barcelona cano ela xa tiña máis de 70 anos. Múltiples foron as súas aparicións en programa da TVG, dedicándolle incluso un monográfico do Alalá. A súa casa en Brión foi lugar de reunión de músicos galegos que ían inspirarse nela, auténtica posuidora dun don para a música na que foi autodidacta, e como representante dunha tradición de cantareiras e pandereteiras.