Ir ao contido directamente.


Noticias

Baiuca lanza un 'Barullo' cheo de voces para bailar

Xénero: Electrónica | 30 / 9 / 2024

capa-barullo.jpg

O artista de Catoira, que este ano recollía tres premios MIN da música independente, ven de sacar 'Barullo' (Raso estudio), o seu terceiros disco longo, tres anos despois de 'Embruxo' (Raso estudios, 2021) e seis anos despois do seu debut con 'Solpor'. O proxecto de Alejandro Guillán conta para este traballo con varias colaboracións especiais pro aparte figuras tan destacadas como Antía Ameixeiras ( do dúo Ca amaño & Ameixeiras), Felisa Segade (Leilía), Xabier Fernández, Carlangas (Novedades Carminha) ou as pandeireterias de Lilaina, as mesmas que contibuíron ao tema de C.Tangana 'Oliveira dos cen anos'. Dez temas inclúe este 'Barullo' que abre a canción 'Navajitas', na que colaboran Felisa Segade e Xabier Fernández. O disco está marcado por unha vocación de baile, partindo da música tradicional e do concepto de foliada popular que son marca do proxecto e que os traballos videográficos de Adrian Canoura contribúen a acentuar. Baiuca é xa un nome habitual en festivais dentro e fóra das nosas fronteiras e o seu repertorio que conecta a tradición coas músicas electrónicas é benvido en moitas citas de ambos xéneros musicais.

A USC expón o fondo do Mestre Vide doado pola familia

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 9 / 2024

imaxe non dispoñible

A facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago acolle desde onte no seu primeiro andar a exposición 'José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán' que amosa os diversos materiais pertencentes ao fondo do compositor José Fernández Vide doado pola súa familia á USC. Coñecido como Mestre Vide, José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981) pertence á Xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30. Con formación na capela da catedral como neno de coro, máis tarde incorporouse á vida pública como docente e activista musical, director de coros e prestixioso compositor. En 1924 chegou ao Centro Galego da Habana para ocuparse da docencia do seu centro musical, unha etapa na que acadou notables éxitos como director de rondalla, compositor e pianista, e na que chegou a ser nomeado director do Conservatorio do Centro Galego. En 1932 regresa a Ourense, onde ata a súa xubilación será director do Orfeón Unión Ourensana ademais de encargarse da docencia musical da escola de Maxisterio e do Instituto As Lagoas de Ourense. Na exposición comisariada por Teresa Bellido, Aitana Catalá e David de la Torre hai 109 pezas, pero máis alá das partituras o fondo tamén inclúe correspondencia, fotografías ou obxectos persoais, e mostra o traballo de Fernández Vide como compositor de música para orquestra, para banda ou para grupos de música de cámara. Poderá visitarse con acceso libre ata o vindeiro 24 de outubro.

O IV Celme da Zanfona reivindica en Lugo o legado dos cegos cantores

Xénero: Folk | 13 / 9 / 2024

imaxe non dispoñible

O Centro de Artesanía e Deseño, en Lugo, acolle ata o vindeiro 15 de setembro a cuarta xeira de Celme da Zanfona. Este ciclo dedicado ao instrumento tradicional de corda céntrase nesta ocasión no legado dos cegos cantores, aos que a organización cualifica como "portadores da esencia das músicas de tradición oral desde a Idade Media". A Vicepresidencia da Deputación Provincial corre coa organización deste encontro anual.

Unha exposición repasa a historia da música gravada en Galicia

Xénero: Miscelánea | 10 / 9 / 2024

imaxe non dispoñible

Co título As historias da música gravada, o Museo Etnolóxico de Ribadavia abría este 6 de setembro unha nova exposición centrada na evolución dos rexistros sonoros no noso país. A proposta, coordinada polo festival Arteficial e a Escola Sinsal, convida ao público a explorar esta historia a través de oito figuras clave mediante o uso da banda deseñada.

Estrean en Ponteareas 'Danzas gulanesas' de Rogelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

A suite para cordas 'Danzas gulanesas', composta en 1996 polo mestre Rogelio Groba (1930, 2022) estrearase hoxe no marco do XII Festival Groba, no Auditorio municipal de Ponteareas. Co fillo do compositor, Rogelio Groba Otero, como director a Orquestra de Cámara Galega será a encargada de presentar ao público estea noite ás 21 horas esta obra do desaparecido mestre, do que tamén se interpretará a peza "Polas rúas de Ponteareas". A obra de estrea, 'Danzas gulanesas', é unha suite para cordas inspirada nas tradicións populares do Rancho de reis, no que agrupacións de músicos e danzantes percorrían as parroquias pedindo o aguinaldo nas festas de reis e leva o nome de Guláns, unha desas parroquias de Ponteareas, de onde era o mestre Groba.

O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará con un cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz. No seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz o festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados afondando nas novas sonoridades do jazz a través de nove sorprendentes propostas que abrazan o xénero desde diferentes sensibilidades.

O ciclo Espazos Sonoros xa ten programa de visitas e concertos para setembro

Xénero: Antiga | 7 / 8 / 2024

imaxe non dispoñible

Unha nova edición do festival Espazos Sonoros, e xa será a décima sexta, terá lugar do 1 ao 28 de setembro. O festival percorrerá diversos lugares como a igrexa de Santiago e as Torres de Mens, en Malpica, a ría de Ferrol, as Terras de Iria, o Xeoparque Cabo Ortegal, o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, a contorna de Baroña e o bordo portuario do Porto do Son. Coma todos os anos, a programación propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para afondar nos contidos musicais da programación. Haberá un espazo de conversa no teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona, as Torres de Mens visitaranse da man do experto Héitor Picallo, haberá unha ruta literaria polas Terras de Iria, da man de Manuel Lorenzo Baleirón, unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol e o Xeoparque Cabo Ortegal, para rematar cunha camiñada pola contorna do castro de Baroña. O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.

A imaxinación musical do Baldo Martínez Sexteto

Xénero: Jazz/Blues | 7 / 8 / 2024

BaldoMartinez_6MusicaImaginaria.jpg

"Danza imaginaria" é o tema de presentación de 'Música Imaginaria' (karonte Dsitribución, 2024), novo traballo do sexteto liderado polo contrabaixista Baldo Martínez e que comparte con Julián Sanchez (trompeta e fiscorno), Juan Saiz (saxos e frauta), Joâo Barradas (acordeón), Andrés Coll (vibráfono e marimba) ea tamén galega Lucía Martínez (batería e percusión). Este disco, xurdido dun proxecto producido polo Festival de Jazz de Vitoria 2023 como encarga a Baldo Martínez, deu neste traballo discográfico que tivo a presentación oficial na edición deste ano do festival. Vencellado directa e explicitamente cos sons do folclore galego, o disco ofrece mostras da calidade dos seis artistas que nel conflúen e a súa capacidade para o "free jazz", improvisando a partires das composicións de Martínez e sesións de estudio ou directos. Unha mostra do poder da imaxinación musical que dá nome ao álbum en claves contemporáneas.

Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario

Xénero: Pop | 6 / 8 / 2024

eladio_estereo_estrada.jpg

O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.

Rosalía Fernández presenta o disco de poesía "De centeo e durmideiras"

Xénero: Fusión | 24 / 7 / 2024

a0449239727_10.jpg

"De centeo e durmideiras" (Ferror Records, 2024) é un disco de poesía, "palabra falada" como performance poético-musical. Rosalía Fernández Rial (Muxia, 1988) asina este traballo que supón o seu segundo disco en solitario tras "Desnortada" (Ferror Records, 2021). Como acordeonista Rosalía forma parte do grupo Chicharrón. Tanto este álbum como o anterior son homónimos de obras literarias publicadas pola multidisciplinar artista. Neste caso os seis poemas que poden ser escoitados están recollidos tamén no libro "De centeo e Durmideiras" (Cuatro Lunas, 2024), publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de Kalandraka. Para este traballo de spoken word Rosalía asumiu ademais da voz, o acordeón e sintetizador, facéndose acompañar na zanfona por Guillermo Reiriz e na produción artística por Manolo Dourado. Nas texturas de cada poema contan moito como parte indispensable os sons de natureza, que foron engadidos por Belén Lorenzo, grazas a eles atopamos o máis orgánico e vivo destes poemas cuxo acompañamento musical, como unha rede, enlaza todo o álbum nun continuo.

<< Inicio / Anterior . 21 a 30 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR