Ir ao contido directamente.


Noticias

Chega a sexta edición do Imaxina Sons, o festival de jazz de Vigo

Xénero: Jazz/Blues | 29 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Comezou timidamente, cunha proposta rompedora no eido de jazz ao programar os sons que se facían desde Europa. Co tempo foi incorporando incursións nos jazz prducido desde Latinoamérica ou Norteamérica. E nesa senda segue na súa sexta edición que se presentou hoxe en Vigo. As novidades non veñen na súa concepción (músicos de renome e auténtico luxo neste xénero músical) senón na súa xestión: pódense mercar abonos da programación completa e incorpórase o auditorio municipal aos espazos de concertos. O encontro, organizado polo concello de Vigo, comeza o vindeiro 5 de marzo e contará con figuras tan relevantes como Martial Solal, Dave Douglas, Louis Sclavis e a proposta galego-americana Atlantic Bridge.

Ernesto Campos estrea Concerto de Chapela, a primeira obra de folk sinfónico

Xénero: Folk | 29 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite a estrea de Concerto de Chapela, a primeira obra galega de folk sinfónico. A Banda Municipal de Música e mais o grupo Crema de gaita interpretan a obra de Ernesto Campos, inspirada na localidade viguesa do mesmo nome e que reúne no escenario corenta e oito músicos. Canda a esta peza, no mesmo concerto estrearase a peza para gaita e orquestra Luces do Atlántico do mesmo compositor. A cita é ás nove da noite e entrada é de balde.

Os gaiteiros denuncian o tratamento da música tradicional nos medios públicos

Xénero: Folk | 28 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

O cambio de horario de emisión na de Alalá na TVG (os xoves ás 23:00 horas) e que Lume na palleira xa só se emite na Radio Galega Música (20.000 oíntes potenciais fronte os máis de 120.000 da Radio galega convencional) son algúns dos feitos que motivaron o último comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais. Nel denuncian que diminúen os tempos e se reduce a súa presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, ao tempo que insta a recuperar espazos e promover este xénero. Ademais, esta entidade anunciou que remitirá esta demanda aos tres grupos con representación no Parlamento.

O Festival de Ortigueira presenta unha programación anovada

Xénero: Folk | 28 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Un 70% dos grupos que actuarán no XXVI Festival do Mundo Celta de Ortigueira acudirán por vez primeira a esta cita. Alberto Balboa, coordinador deste evento, aseguraba onte que esta edición renova o formato do evento e "sentará as bases do Festival do futuro". Entre o 8 e o 11 de xullo visitarán esta vila formacións como Oysterband, Celtas Cortos, Gaelic Storm, Krêposuk, Shooglenifty ou Afterhours. Pola banda galega agárdase a presenza Cristina Pato, Marful e Anxo Lorenzo band, así como dos grupos que participen no Concurso Runas para novos valores. O evento, organizado polo Concello de Ortigueira co apoio do Xacobeo, Estrella Galicia e a Deputación da Coruña, agarda convocar máis de 100.000 persoas.

Arturo Vaquero e outros dous dj's lucenses crean unha discográfica dixital

Xénero: Electrónica | 28 / 4 / 2010

not_16780.jpg

Frisco Taibo, Marcos Peón e Arturo Vaquero distribuirán baixo o selo Tullido Records nos principais portais de Internet as súas producións musicais e as de outros artistas dos pratos e a electrónica. Dúas delegacións, unha en Galicia e outra en Suíza xestionaran a nivel global unha carteira de creadores de música House e electrónica chea de nomes recoñecibles do xénero como Guru Josh Project, Ricardo Reyna, Jesse García ou Daddy´s Groove entre outros. Todas as sesións e composicións venderanse e promoveranse a través dos mellores portais, como Beatport. Arturo Vaquero é un recoñecido artista da música electrónica baixo o nome de Humanoid e como produtor é o creador dos afamados estudios de gravación Abrigueiro.

Reúnense na Sala Nasa os integrantes de Radio Océano vinte anos despois

Xénero: Rock | 22 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Compañeiros de xeneración de Os resentidos e Siniestro Total , grupo punk que se autodefinían como “antihippies” e “antifolquis”. Son Radio Océano e hoxe suben aos escenarios vinte e cinco anos despois. O encontro terá lugar na Sala Nasa esta noite, nun acto que estarán artistas como Marcos “Galegoz” Payno, Leo i Arremecaghoná, Martiño “The Homens” Wu, Marcos “Rastreros”, Fran “Papaqueixo” Amil, Xosé Bocixa “Zënzar”, Xurxo Souto, Antón Reixa, Julián Hernández, Miguel Costas, Uxía Senlle ou Antón Losada. Despois, o grupo formado por Xosé Manuel Pereiro (daquela Johny Rotring) e Santiago Romero interpretarán algunhas das súas cancións mais sonadas (Como o vento, Esto no es Hawai, Aplazamiento, La Chica de Bens...). O concello da Coruña tamén estará a preparar a súa homenaxe cunha cunha exposicion sobre a publicación alternativa na que colaboraban, La Naval, máis un disco compilatorio cos seus maiores éxitos.

López Cobos compartirá a dirección da OSG con Víctor Pablo Pérez

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Víctor Pablo Pérez seguirá sendo director musical da Orquestra Sinfónica de Galicia. Pero nese traballo non está só, xa que Jesús López Cobos (Toro, 1940) incorporarase á formación coruñesa como asesor e director. Deste xeito, a OSG leva ás súas filas a un afamado director co que leva colaborando desde que hai dez anos dirixiu á formación coruñesa. López Cobos ten varios premios no seu haber, como un Ondas, unha Medalla de Ouro ás Belas artes, o Cannes Clasical Awards e foi candidato a un grammy cun dos discos que gravou coa OSG.

Picadiscos Creative Commons

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Grupos que buscan gravar e se promocionar. Locais que queren contar cunha ambientación musical propia e libre de pagos a entidades de xestión de dereitos. O proxecto A Casa de Música une estes dous elos da cadea nun proxecto que integra a difusión de novos conxuntos con alternativas culturais con licenzas abertas.

Azos Jazz achegará ao público sons vencellados a Galicia

Xénero: Jazz/Blues | 20 / 4 / 2010 + AUDIO

not_16717.jpg

Unha serie de discos dedicados ao jazz vencellado, dun ou doutro xeito a Galicia e a servir como plataforma dos talentos emerxentes. Esta é a proposta que fai o selo Falcatruada con Azos Jazz, unha colección que se presenta hoxe mesmo con Introducing Álvaro Vieito, o primeiro álbum deste guitarrista e compositor do Porriño con oito temas propios e acompañado polo saxo de Masahiro Yamamoto, Ross Gallagher ao baixo, Max Gómez á batería e a colaboración de Abe Rábade.

O Xacobeo reúne 12 festivais na marca Galicia ao vivo

Xénero: Miscelánea | 19 / 4 / 2010

imaxe non dispoñible

Citas xa clásicas da música ao vivo no verán como son o Festival do Norte, o Festival Alternativo da Xuventude de Ourense (FAX), o Festival Jazz&Blues de Pontevedra, Cultura Quente, O Marisquiño, Lolapop, Festival dos Abrazos, Reperkusión, 981festival Son Estrella Galicia, Festival de Jazz de Lugo, Microfest e o Sinsal, integraranse este 2010 na marca Galicia ao vivo. A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá a iniciativa, que se concreta no apoio económico da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo e mais en accións de promoción destes eventos, que incorporarán o logo deste programa. O proxecto prevé desenvolverse para alén deste ano.

<< Inicio / Anterior . 2681 a 2690 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR