Noticias
A Deputación e o concello de Ferrol volven poñer en marcha o festival Out.Jazz
Xénero: | 11 / 5 / 2010
Víctor Aneiros, Roberto Somoza, Guiulia Valle e Mercedes Peón son algúns dos artistas que figuran no cartel Out.Jazz, o festival de jazz que organiza o concello de Ferrol. A deputación da Coruña acaba de confirmar unha achega de 28.000 euros para este fin, co que se garante a celebración dunha nova edición deste encontro que tivo moi boa acollida.
Quiosco: E_scena 45
Xénero: | 11 / 5 / 2010
O concerto multimedia Cores do atlántico protagoniza o último número do e_scena, o boletin de información cutural de Agadic. O concerto-recital, que terá lugar o vindeiro 14 de maio, será retransmitido para todo o mundo en tempo real por Internet e seguido por 150 persoas na Illa de San Simón. Canda esta nova, o boletín adianta que a programación da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) contará, por primeira vez desde a súa creación, cunha programación que inclúe concertos en xullo e agosto. O boletín complétase ademais,coas cifras da escena galega deste 2010.
O Festival Mozart abre a ritmo de Verdi
Xénero: | 10 / 5 / 2010
Aínda que os dous grandes reclamos do cartel (Ainhoa Arteta e Dolora Zaijick) caeron no último momento por motivos de saúde, a Misa de Réquiem de Guiseppe Verdi tivo unha excelente acollida de público e crítica nun cheo Pazo da Ópera. Con esta peza abriuse unha nova edición do Festival Mozart que ten os seus ollos postos na seguinte gran actuación: a representación da Ópera Don Giovanni con escenografía de Pier Luigi Pizzi (venres, 21). Canda esta, do 28 ao 31 de maio representarase a versión para toda a familia de A frauta máxica adaptada por J. Menor e interpretada en castelán. A seguinte gran cita do encontro terá lugar o 19 de xuño coa recuperación de O soño dunha noite de verán tal e como foi concebida por Mendelssohn.
O III A Coruña Son xa ten gañadores
Xénero: | 6 / 5 / 2010
Avante, Esdrúxulas, Batital, Os John Deeres, FucoXabier, Javier Ferreirós, Qronopios, Esquíos e Duplo Son son os grupos gañadores do III Certame A Coruña Son. Os compoñentes destes grupos participarán entre o 10 e o 15 de maio nun obradoiro de composición, produción e autoedición a cargo de Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Bieito Romero, Xabier Díaz, Carmen Rey e Sergio Lago. O día 15 celebrarase un concerto colectivo na sala Túnel. Pola súa banda, o trío Disco Las Palmeras fíxose co premio do Concurso Festival sin Códigos, polo que poderá actuar no vindeiro Primavera Sound de Barcelona.
O quinto disco de Víctor Aneiros espreme o blues da poesía de Ramiro Fonte
Xénero: | 5 / 5 / 2010
Víctor Aneiros publica novo disco, Brétemas da memoria (Gaztelupeko Hotsak). O guitarrista e compositor dedica unha importantísima parte dos dez temas do seu quinto disco á obra de Ramiro Fonte (1957-2008), adaptando sete poemas de xuventude e da primeira madurez do poeta. Non é a primeira vez que o guitarrista ferrolán se achega á poesía de Ramiro Fonte, pois no seu anterior disco xa recreou "Na barra", tema onde estaban moitas das obsesións do escritor: ambientes nocturnos, personaxes decadentes atrapados entre sombras, atracción polo abismo, Ofelias afogadas na noite... Brétemas da memoria é melancólica, como boa parte da obra de Ramiro Fonte, pero tamén está preñado da contaxiosa enerxía que transmite a guitarra de Aneiros. Víctor inclúe no disco "Axúdame", un tema baseado nun texto doutro poeta galego contemporáneo, Xosé Carlos Caneiro. Dúas pezas instrumentais ocúpanse da apertura e peche de Brétemas da memoria. Javier Vargas, Mauri Sanchis, Roberto Somoza, son algunhas das destacadas colaboracións deste traballo no que seguen acompañando a Aneiros Manuel Gutiérrez ao piano e Marcos S. Yáñez á batería, incorporándose Víctor Gacio ao baixo.
Máis dun centenar de concertos na quinta edición do festival de música Vía Stellae
Xénero: | 4 / 5 / 2010
As poucas estreas no cartel e escasos reclamos mediáticos (anuciárase a Baremboin pero polo seu elevadísimo caché caeu do programa) deste ano non lle restan prestixio a un programa que segue ser, esencialmente de música barroca, pero que tamén da cabida a música máis contemporánea. O programa segue fiel ao seu estilo e combina concertos de pagmamento con citas gratuítas que se desenvolven por toda Galicia agrupados en diferentes programas que van desde os Concertos Express (menos de trinta minutos), Off Stellae (outras músicas) e que achega pequenas novidades, como o programa formativo Academia Contemporánea Vía Stellae 2010, no que os alumnos interpetarán a obra A historia dio soldado de Igor Stravinski. Para compoñer este programa, o Xacobeo 2010 e a Xunta de Galicia achegaron preto de 1.5 millóns de euros, 200.000 máis que na última edición.
Arrinca o 14 Festival de Jazz de Ourense
Xénero: | 4 / 5 / 2010
Ten 85 anos, máis de seis décadas de experiencia no mundo do jazz e, en moitas revistas especializadas din del que é “o batería con mellor currículo do mundo”. Roy Haynes é o encargado de abrir a décimocuarta edición do Festival de Jazz Primavera de Ourense que arrinca hoxe en Ourense. Seis concertos, cinco no Café Latino e un na Praza de Santa Eufemia, conforman a programación deste encontro que se desenvolve do 4 ao 28 de maio e contará con Dena de Rose Trio e Scott Hamilton, Nicholas Payton Quintento e Benny Golson e Cedar Walton Cuarteto.
Dous + Tres = Folkfusión
Xénero: | 4 / 5 / 2010 + VIDEO
“Hai xa tempo que Diego Maceiras e mais eu queriamos traballar este tipo de sons”, explica Dani Bellón o nacemento de Folkfusión o seu último traballo. Dous nomes recoñecidos da nosa música tradicional reúnense con outros tres músicos nun quinteto no que a gaita e o acordeón se atopan co contrabaixo, a batería e mais a guitarra para dar forma a un álbum no que o noso folk é só un elemento máis. Habaneras, blues e os ritmos do país danse cita nesta obra do Bellón Maceiras Quinteto, que está a comezar esta primavera a súa xira polo país e que promete un bo feixe de chiscadelas ao público.
Un festival abre ao público os órganos de igrexas emblemáticas de Compostela
Xénero: | 3 / 5 / 2010
Este sábado arrinca en Compostela unha nova edición do Compostela Organum Festival. Unha cita que une nun mesmo programa a recuperación de igrexas para dalas a coñecer ao público e, da outra banda a música, xa que concertos apóianse nos órganos destes espazos. O festival ofrece 13 citas que se agrupan en tres ciclos: primavera (mes de maio), verán (no mes de agosto) e outono (outubro). A Asociación Musical Berenguela coordina este ciclo apoiado polo Consorcio de Santiago e o Xacobeo.
O Festival de Jazz e Blues de Pontevedra celebra a súa maioría de idade
Xénero: | 30 / 4 / 2010
Se en edicións anteriores se decantaron máis polo blues, o décimo oitavo Festival Internacional de Jazz e Blues tocará a ritmo de jazz. Terá lugar do 20 ao 25 de xullo e contará con concertos de balde, o o ciclo Pontejazz de actuacións, clases maxistrais, noites de jam session e actuacións pola rúa. Logan Richardson, Sam Harris, Aidan Carroll e Tommy Craneno son algúns dos reclamos deste cartel.


