Dous + Tres = Folkfusión
maio 4, 2010
“Hai xa tempo que Diego Maceiras e mais eu queriamos traballar este tipo de sons”, explica Dani Bellón o nacemento de Folkfusión o seu último traballo. Dous nomes recoñecidos da nosa música tradicional reúnense con outros tres músicos nun quinteto no que a gaita e o acordeón se atopan co contrabaixo, a batería e mais a guitarra para dar forma a un álbum no que o noso folk é só un elemento máis. Habaneras, blues e os ritmos do país danse cita nesta obra do Bellón Maceiras Quinteto, que está a comezar esta primavera a súa xira polo país e que promete un bo feixe de chiscadelas ao público.