Noticias
Sae a nova gravación do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra
Xénero: | 19 / 4 / 2010
O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra ven de presentar o seu novo traballo discográfico que fai o quinto volume das súas gravacións. Jazz Live! No Principal Vol.V (Free Code Jazzrecords) recolle oito temas gravados ao vivo que foron escollidos dentro das tres actuacións do ciclo Jazz no Principal 2009 nas que participaron como artistas convidados o batería catalán Marc Ayza, o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e o saxofonista cubano Román Filiú, todos eles acompañados polo SPJ Group.
Ophiusa presenta cun concerto na FNAC o seu segundo disco
Xénero: | 14 / 4 / 2010
O vindeiro 16 de abril a FNAC da Coruña acolle a presentación de Sen planeta, segundo traballo do grupo Ophiusa. Segundo anuncian no seu MySpace o conxunto evolúe "cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son". Todas as pezas inclúidas no disco, autoproducido pola banda, son da autoría dos membros do grupo, e nas mesmas atópanse colaboracións coma as de Bieito Romero, de Luar na Lubre, Óscar Fernández de bOnOvO ou Benxamín Otero, de Linho do Cuco. A gravación realizouse nos estudios Pink, do propio grupo. Despois da presentación, o vindeiro 27 de abril o grupo visita o Salón Teatro de Compostela no marco do ciclo ST Música Presente
A Orquestra Folk Sondeseu presenta o seu terceiro traballo discográfico
Xénero: | 13 / 4 / 2010
Composto por once temas, Barlovento (Do Fol, 2010) recolle o mundo da construción e o uso renovado das embarcacións tradicionais como metáfora da viaxe das melodías tradicionais a un mar sonoro salferido de contemporaneidade. A carón da enerxía que caracteriza a interpretación dos 40 músicos que compoñen SondeSeu, neste disco atopamos as colaboracións de Rosa Cedrón, Rodrigo Romaní, Xaquín Xesteira, Javier Feijoo (Chisco), e Xosé Liz. Conta con oito creacións de Rodrigo Romaní, dúas de Anxo Pintos e unha de Xaquín Xesteira, baseadas na música de tradición oral galega. O disco foi gravado no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo co obxecto de captar o ambiente e a enerxía que caracterizan os concertos de SondeSeu. A partires da publicación de Barlovento, SondeSeu comezará a xira de concertos para 2010 que se iniciará en Madrid o vindeiro 1º de maio no Teatro Circo Price dentro do Ciclo Cantigas do Camiño - Xacobeo Raíces. Na actualidade, en colaboración co Concello de Vigo, SondeSeu lidera o proxecto ENFO (European Network of Folk Orchestras) no que se está a impulsar a creación de novas orquestras por toda Europa para consolidar unha rede estable de participación e intercambio.
A polo Ghit perde o apoio da Radio Galega
Xénero: | 13 / 4 / 2010
Vieiros presentaba onte a edición 2010 do certema A polo Ghit, o xa clásico certame co que se busca a canción do verán galega e que está aberto á participación de todos os grupos interesados. Nesta quinta edición, no entanto, dáse a novidade de que é a primeira vez que o proxecto non conta co apoio da Radio Galega, que ata o de agora participaba no mesmo e programa os temas a concurso. No entanto, a emisora pública anunciaba hoxe a posta en marcha do seu propio certame para buscar a canción do verán. Co nome de Vasacarnota o concurto artellarase arredor do programa Somos quen, que se emite nas mañás dos sábados. A emisora fará públicas proximamente as bases.
Xil Ríos presenta o seu novo disco, Son da alma
Xénero: | 9 / 4 / 2010
Despois de cinco anos sen entrar a gravar novas cancións Xil Ríos presentan en directo na TVG os temas do seu novo traballo producido por AiraPro. O artista moañés presentará os temas de Son da alma, no programa Luar da TVG. O escenario perfecto para a posta de longo do seu novo traballo, unha mestura de ritmos caribeños, sons acústicos e retranca galega. Xil Ríos interpretará varios temas do disco, incluído o primeiro sinxelo, Xa Caerá, do que ten gravado un videoclip. Xil Ríos leva case 40 anos no mundo da música, desde que en 1971 participou no festival Bahía de Vigo até hoxe, pasando polo seu maior éxito, Xirarei, un tema que gravou xunto a Juan Pardo en Londres a principios dos 80 e que se converteu nun dos grandes clásicos da música popular galega. Son da alma foi gravado no estudo Casa de Tolos, en Gondomar, e producido por Segundo Grandío.
Berrogüetto busca o cosmos
Xénero: | 7 / 4 / 2010 + AUDIO
A incorporación de Xabier Díaz como voz solista. Unha maior presenza de temas tradicionais. Colaboracións escritas de Manuel Rivas e Rosa Aneiros. Unha videocreación de Olaia Sendón. Todos estes elementos fan parte de Kosmogonías, o último traballo de Berrogüetto, que se presentaba publicamente onte no CGAC. Quim Farinha, un dos membros do grupo, explícanos as novidades dun disco que se centra nas relacións do ser humano co seu contorno. Os interesados en coñecer a obra, ademais de Internet, teñen a primeira cita o vindeiro 9 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde o grupo dará un concerto de presentación.
Unha unión moi sonora
Xénero: | 6 / 4 / 2010
Non é exactamente un xénero musical, senón que parte da unión de diferentes instrumentos para ofrecer unha nova proposta musical. O ensemble cobra forza en Galicia da man de numerosas formación como Fonos21, o Taller Atlántico Contemporáneo, Ensemble Século XXI…. Composición e interpretación para achegar novos camiños que hibridan percusión, corda, voz e outros xéneros como a danza ou o vídeo.
Agadic convoca as axudas ás industrias culturais por importe de 2.290.000 euros
Xénero: | 31 / 3 / 2010
Incrementar máis público, consolidar as industrias culturais e a busca da excelencia dos produtos culturais galegos. Son os obxectivos que persegue a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) cunha nova convocatoria de axuda por importe de 2.290.000 euros a repartir entre a actividade escénica (que antes distinguía entre teatro, danza e maxia e agora entre o tamaño do espectáculos), o crédito cultura, a promoción dos traballos discográficos, a distribución de espectáculos, a salas de teatro e artes escénicas privadas, o asociacionismo profesional e, como novidade, a mellora técnica de estudos de gravación. A parte central da convocatoria recae na produción de espectáculos que contará con 1.450.000 euros.
Comeza o Festival de Músicas Contemplativas máis internacional
Xénero: | 25 / 3 / 2010
Comezou sendo un programa para abrir, a golpe de concertos, igrexas e edificios rehabilitados polo Consorcio de Santiago. Co tempo, o festival de músicas contemplativas foi atopando o seu sitio na necesidade de achegar un diálogo musical con repertorio que conservaba a esencia das tradicións orais. O programa desta quinta edición é máis internacional que nunca, con quince concertos con músicos de Inglaterra, Vietnam, Frania, Mongolia, Azerbaixán, Irán ou Ouzbekistan, entre outras procedencias. Musica antiga e medieval que se desenvolve en diferentes edificios históricos de Santiago do luns 29 ao sábado 3 de abril.
A Barrié celebra os XV anos do Ciclo de Jazz percorrendo a historia deste xénero
Xénero: | 24 / 3 / 2010
Cando o jazz era practicamente un descoñecido no noso país, a Fundación Barrié apostou por crear un ciclo para dalo a coñecer e fomentar unha programación estable. Quince anos despois, e cun panorama ben diferente con seminarios, locais específicos e músicos galegos de recoñecido prestixio, a Fundación Barrié celebra a súa aposta cunha programación especial. Con motivo da celebración, a Barrié organizará dez concertos cos que convida a percorrer a historia do jazz nas súas catro grandes épocas. Ademais, como novidade, Santiago e Ferrol incorpóranse ao ciclo que se desenvolve na Coruña e Vigo. A cita co jazz terá lugar entre o 10 de abril e o 28 de maio.


