Noticias
Músicos da provincia lucense presentan a big band Murajazz
Xénero: | 24 / 3 / 2010
Unha vintena de profesores e alumnos de distintos centros de formación musical de toda a provincia de Lugo conforman Murajazz. Trátase dunha orquestra de jazz que pretende potenciar este xénero na provincia e se presentará formalmente o venres cun concerto no auditorio do Centro de Interpretación das Insuas en Rábade. O grupo conta cun repertorio do jazz dos anos 40 e 50, aínda que tamén contará cun oco para a bossa nova e os sons latinos. Os integrantes de Murajzz impulsaron tamén a creación da asociación Sons do Miño, coa que queren achegar este xénero musical ao máis cativos, para crear unha canteira de músicos de jazz.
Kathaarsys sube á furgalla
Xénero: | 24 / 3 / 2010 + AUDIO
Son un exemplo deses grupos que son máis coñecidos fóra do que na casa. Kathaarsys inicia este mes de marzo unha xira europea de presentación do seu novo disco Intuition que ten xa fechados preto de 50 bolos e que está aínda a ampliar as súas citas. Ademais, por vez primeira, os membros do grupo van achegar as súas impresións sobre este periplo mediante un blog en culturagalega.org. Desde a estrada escura permitiranos coñecer a experiencia única destes músicos galegos no continente.
A Coruña Son 2010 non contará con Santiago Auserón
Xénero: | 23 / 3 / 2010
Por terceiro ano consecutivo, o Concello Herculino convoca o certame A Coruña Son. A convocatoria, á que os interesados xa poden enviar as súas propostas, pretende achegarlles oportunidades aos novos grupos musicais do país. Nese sentido, o premio principal consiste nun curso de formación dunha semana para os conxuntos seleccionados por votación popular vía web. Ademais, os seleccionados gravarán un disco conxunto e farán un concerto na cidade. Esta é a primeira edición que o certame non contará coa presenza de Santiago Auserón como mestre. Segundo explicaron os organizadores, a redución de apoio ao proxecto por parte da Xunta de Galicia levounos a optar por profesionais galegos como Bieito Romero ou Xabier Díaz.
Chegar e tocar
Xénero: | 22 / 3 / 2010
A improvisación no campo da música está a se espallar por Galicia. Para alén dos seráns e foliadas que se celebran habitualmente polo noso país a partir da música tradicional, nos últimos tempos están a se multiplicar as jam sessions, aplicadas a estilos cada vez máis diversos e con cotas de calidade crecentes.
Linho do Cuco presenta nun concerto o seu novo álbum
Xénero: | 18 / 3 / 2010
Aínda que é o seu segundo traballo, Linho do Cuco decidiu chamarlle III ao seu novo disco. A obra achega unha selección de temas tradicionais pasados pola peneira da banda, cun estilo bailable e festeiro. A gravación do proxecto comezou o pasado 5 decembro, e inclúe instrumentos como o acordeón diatónico ou a zanfona. O Salón Teatro de Compostela acolle esta noite, dentro do ciclo ST Música Presente, un concerto que servirá para que a banda dea a coñecer os temas incluídos neste traballo.
Ruxe Ruxe presenta con Buratos o seu sétimo disco
Xénero: | 16 / 3 / 2010
Sete discos despois, Ruxe Ruxe continúa ao pé do canón. Esta veterana formación acaba de presentar Na fura de diante, un álbum que, segundo os membros do grupo, quere achegarse ao son do grupo en directo. O disco gravouse nos estudios Océano da man do produtor Javier Abreu e a masterización levouse a cabo en California. Como primeiro lanzamento, Buratos, un tema sobre a memoria histórica que conta cun video a cargo de Jairo Iglesias. O seu bo facer valeulle a esta produción unha candidatura aos premios Mestre Mateo. Vituco, vocalista de Ruxe Ruxe, fálanos do disco, do video e mais da evolución do grupo.
O Festival Mozart inicia unha nova etapa con Oriol Ponsa como director
Xénero: | 15 / 3 / 2010
Paolo Pinamonti chegou ao Festival Mozart no ano 2008 para imprimirlle un novo aire ao certame máis centrado na dirección de escena. Sen embargou, esa filosofía ten os seus días contados. O certame, que comeza o vindeiro 8 de maio co Réquiem de Verdi, será o último baixo o mandato do director peruano xa que o actual xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Oriol Ponsa, será tamén o futuro director do certame. Alén destes cambios estruturais, esta edición do festival estreará unha versión inédita de O soño dunha noite de verán de Mendelssohn, representará o Don Giovanni (producción do Teatro di Tradizione de Macerata) e levará actividades puntuais do festival a diferentes localidades coruñesas (Rianxo, Ferrol, Carballo, Vimianzo e Betanzos, entre outras).
Los Justicieros loitan contra La Araña Blanca no seu primeiro disco
Xénero: | 10 / 3 / 2010
Se nos fiamos do seu perfil no MySpace o grupo Los Justicieros son das soleadas praias de MALIBÚ, pero fiando un pouco máis fino veremos que en realidade ese lugar sitúase máis ben como un acrónimo de Malpica e Buño. A banda está formada por catro músicos “fans da Serie B, o Spaghetti Western e a cervexa máis barata” levan desde o ano 2007 soltando racións de rock surfeiro e garaxe dos sesenta por diversos escenarios. O seu debut discográfico foi no 2009 coa edición dun EP en vinilo de 7 pulgadas chamado ¡¡¡Waka Wakaaa!!! editado co selo Freeky Dicky Records. Agora veñen de recoller eses temas e engadirlle outros novos temas ata os dez que conforman o CD Los Justicieros contra La Araña Blanca un álbum cheo de enerxía, diversión e sons evocadores das décadas nas que a Serie B e o surf estaban no seu máximo apoxeo. O disco foi gravado nos estudios Circo Perrotti de Gijón.
Un ciclo de concertos achegarálle a música galega aos programadores
Xénero: | 9 / 3 / 2010
A Axencia Galega das Industrias Culturais, en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais e a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono) iniciará o vindeiro 18 de marzo o ciclo ST Música Presente. Esta iniciativa, que se desenvolverá no Salón Teatro de Compostela, quere servir para dar a coñecer grupos e solistas do país entre "programadores culturais, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais". Nunha primeira xeira poderán seguirse ata finais de abril seis actuacións, a cargo de Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa e Bellón Maceiras Quinteto.
Vigo será a sede da Rede Europea de Orquestras Folk
Xénero: | 9 / 3 / 2010
A escola de música tradicional E-Trad de Vigo será a base permanente da Rede Europea de Orquestras Folk. Este proxecto, do que fai parte esta entidade coa Orquestra Sondeseu e mais a orquestra homónima, pretende potenciar este tipo de formacións e desenvolver un circuíto estable de actuacións. Organismo como a Academia Sibeliys de Helsinki e mais a asociación Artemotiva de Turín anunciaron xa a súa intención de tomar com modelo a orquestra viguesa para desenvolver formacións semellantes. Para o vindeiro ano, Vigo acollerá o primeiro encontro da rede.


