Noticias
O Encontro Galego de Música Xove reúne mañá cen grupos
Xénero: | 5 / 3 / 2010
Actuacións ao vivo, obradoiros, concursos e contactos profesionais entre grupos e axentes. Esta é a proposta do Encontro Galego de Música Xove que se celebra mañá sábado no Instituto Rosalía de Castro de Compostela. O evento, que pretende achegar oportunidades aos novos artistas do país, fechará con concertos de pequeno formato a cargo de Elanor, O Leo i Arremecaghona, Jane Joyd, Baldosa Amarilla e Silvia Penide. Segundo anunciou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, o encontro inicia unha liña de traballo deste departamento encol da mocidade e a música. O pasado ano celebrárase, co nome de Nsaio Xeral. I Encontro Galego de Música Emerxente, unha primeira edición deste evento no mesmo lugar.
Donatore di Groove publican o seu primeiro disco Dios es sixty
Xénero: | 4 / 3 / 2010 + VIDEO
Tras un primeiro EP de catro temas en 2005 e a súa exitosa colaboración con Juan Rivas co disco Un mundo feliz e a xira correspondente desde o 2007, a banda de acid-jazz Donatore di Groove ven de seacar ao mercado o que é o seu primeiro disco de longa duración. Dios es sixty (SUL Producciones, 2009) esta xa desde onte á venda en tendas e na rede e ofrece doce temas de composición propia e unha versión do tema central da película francesa Un hombre y una mujer (Un homme et une femme, 1966), icona da época á que se refiren no título do álbum. Os Donatore di Groove fórmanse como grupo en Vigo no 2002, en base a integrantes da banda Cinnamon Gum, o cuarteto está actualmente formado por Iván Salgado, órgano Hammond; Isaac Garabatos, guitarra; Jean Marc Van Loo, baixo e David Outumuro, batería. A súa pouco común proposta musical baséase nun son “retro” de tintes jazz-funk, de tendencias sixties e con groove enérxico apoiado no característico órgano Hammond.
Martirio, Carmen Paris ou Berrogüetto participan no Música con Raíces da Coruña
Xénero: | 4 / 3 / 2010
As voces de Mercedes Peón, Uxía e Guadi Gallego entre outras cantantes do país, abren o vindeiro domingo do ciclo Música con Raíces no teatro Rosalía de Castro da Coruña. O espectáculo Sereas, unha homenaxe ás pioneiras da música galega inicia un programa que contará con nomes tan destacados como Carmen Paris (o vindeiro día 25), Martirio, Luar na Lubre, Simphine Dana, Berrogüetto e mais Carlos Núñez.
Anxo Lorenzo pasa do eléctrico ao hindú
Xénero: | 3 / 3 / 2010 + AUDIO
Tirán a parroquia de Moaña da que é orixinario, sérvelle a Anxo Lorenzo de título para o seu debut discográfico en solitario. O ex-membro do grupo vigués Spíritu 986 abandona nesta nova andaina a fusión da gaita coa música electrónica e presenta once temas completamente acústicos. No entanto, e segundo explica o autor non renuncia a "buscar sons diferentes e a experimentar coas posibilidades da gaita, empregándoa en novas escalas ou con recursos pouco empregados". Dentro desta vontade experimental, no seu primeiro disco atopamos desde un vals venezolano ata temas nos que a gaita se mestura cos sons hindús. Entre os colabores, nomes como Pancho Álvarez, Kathryn Tickell, Luís Peixoto ou o colectivo Om/Off acubillan este lanzamento.
Arrinca a temporada de festivais en Galicia
Xénero: | 2 / 3 / 2010
O Festival do Norte deu a onte o cartel completo das actuacións que se poderán ver en Vilagarcía entre o 30 de abril e o 1 de maio. Los Planetas, Nada Surf, ou We are standard son algúns dos 16 grupos que pasarán polo escenario desta consolidada cita. Antes, os interesados no rock sinfónico teñen unha cita no Coliseum da Coruña. Entre os días 1 e 3 de abril, o Finisterrae Festival achegará dez conxuntos especializados en Rock Sinfónico, con nomes coma Premiata Forneria Marconi, Pendragon ou Steve Hackett Band entre outros. E dez días antes, na mesma cidade, a primeira edición do Endland Experience achegará a Expocoruña unha selección do mellor hardcore, punk e metal internacional. Strung Out, Caliban, ou No Children son algúns dos conxuntos que participarán no evento o vindeiro 20 de marzo.
O debú en solitario de Guadi Galego gaña os IX Premios Opinión de música folk
Xénero: | 1 / 3 / 2010 + AUDIO
Gañouno co grupo Berrogüetto, o trío Nordestin@s, o dúo Espido e agora coa súa nova aposta en solitario. O traballo Benzón de Guadi Galego acaba de gañar o IX Premio Opinión. A artista obtivo na votación do xurado 18 puntos, cos que se impuxo a Cuarteto Caramuxo e a Nova Galega de Danza, que conseguiron un empate (11 puntos). O premio do xurado, formado por críticos musicais, é puramente honorífico, xa que non ten dotación económica.
O Sónar Galicia contará con tres escenarios en ExpoCoruña
Xénero: | 25 / 2 / 2010
A anunciada edición do Sónar que se desenvolverá en Coruña os vindeiros días 17, 18 e 19 de xuño xa ten programación. Segundo se anunciou esta mañá en rolda de prensa, visitarán o recinto de Expocoruña artistas internacionais coma Lcd Soundsystem, Air, Laurent Garnier, Hot Chip, Flying Lotus, The Slew ou Booka Shad e, pola banda galega, David M., Fluzo, 6PM, Cora Novoa, MwesLee Vs BFlecha, Viktor Flores ou Fat Fish. As actividades do evento desenvolveranse en tres escenarios, e de xeito paralelo transcorrerá SonarMática, unha exposición de arte multimedia de diferentes artistas galegos. Ao tempo, presentarase no festival o filme Finisterrae: unha viaxe fantástica de Barcelona a Galicia, que narra a peregrinación de dúas pantasmas.
O ciclo de concertos Xacobeo Raíces 2010 ofrece unha escolma da música folk contemporánea
Xénero: | 23 / 2 / 2010
Xacobeo 2010 ven de presentar o ciclo de concertos Xacobeo Raíces, unha escolma da música galega contemporánea no que participan artistas e grupos galegos. Xacobeo Raíces preséntase como unha mostra do que está a acontecer hoxendía na nosa cultura musical, “propostas que beben da tradición, que evolucionan cos tempos que nos toca vivir e que se experimentan na creatividade vital do contemporáneo.” O ciclo, que dará comezo o vindeiro sábado 6 de marzo na Coruña coa actuación de Fuxan os ventos, comprende un total de 13 concertos diferentes ao longo de tres meses con nomes tan consolidados como Luar na Lubre, Mercedes Peón, Bonovo, Leilía Cristina ato, Mutenrohi, Berrogüetto, Fía Na Roca e ata un total de 25 artistas ou grupos. Só un dos concertos, o que dará a Orquestra Sondeseu no Circo Price de Madrid o 1 de maio, terá lugar fóra da comunidade, rematando o ciclo o 6 de xuño en Santiago.
Sons do Leste
Xénero: | 23 / 2 / 2010 + AUDIO
Conceyo de cantares é un disco que recompila traballos dunha serie de grupos que cantan en galego. Se isto en por si xa resulta unha iniciativa interesante, gaña relevancia se temos en conta que tanto os grupos como o disco xorden da comarca de Navia, en Asturias. A Oficina de Coordinación Cultural y Llingüística do Parque Histórico do Navia é a responsable deste proxecto, que nos amosa a vitalidade da nosa lingua nesta área. Folk, pop, ou fusión son algúns dos estilos que nos descobre este interesante proxecto. Iván Iglesias, responsable da iniciativa, explícanos como xurdiu e como está a música en galego na comarca.
Os ourensáns Ergom presentan o seu primeiro disco Fronkiria
Xénero: | 19 / 2 / 2010 + AUDIO
Folk, Rock e Funky mesturados en temas instrumentais son os sinais de identidade musical do ourensáns Ergom, que levan ao que o grupo ven de chamar “Estilo Fronky” e de aí ao seu primeiro CD recentemente presentado Fronkiria (autoeditado). A banda gravou este traballo durante varios meses nos estudios Mafia Records de Carballiño baixo a batuta de dirección de Oscar Fernández “Chichi”, Ergom naceu como banda no ano 2002 e gravou unha primeira demo en 2003, no ano 2004 participaron no Festival Internacional do Mundo celta en Ortigueira. O grupo está integrado por David Nóvoa (guitarra), Alberto Godoy (baixo), Santi Rodríguez (gaita), Lorena Negreira (batería) e David Blanco (teclados). Na actualidade, Ergom prepara a xira de presentación de Fronkiria.


