Noticias
A OSG fusiona entre a composición de Juan Vara e a poética de Antonio Colinas
Xénero: | 19 / 2 / 2010
Antonio Colinas recibiu o Premio Nacional de Literatura o mesmo ano que estribiu Noite máis alá da noite. Tres cantos de Antonio Colinas. Unha peza que o compositor galego Juan Vara leva anos pasando a unha particura para orquestra e soprano. O resultado deste traballo estreouse onte no Auditorio de Galicia e repíteo hoxe na Coruña a Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a batuta de Pablo González, considerado un dos mellores talendos do panorama estatal, e a soprano Ana Ibarra.
O Xacobeo Classics levará a música de Groba a oito vilas galegas
Xénero: | 17 / 2 / 2010
A coincidir co oitenta aniversario de Roxelio Groba, o programa Xacobeo Classics dedicaralle un ciclo ao decano dos compositores galegos. Os oitenta de Groba levará a oito vilas do país, da man da Orquestra de Cámara Galega, algunhas das pezas máis sonadas do músico canda a temas de coñecidos compositores internacionais. Ao tempo, no marco deste programa estrearanse os ciclos Na suaviña e Na barxa, a cargo da soprano Cecilia Lavilla Berganza. As sesións, que serán libres e de balde, arrincan o vindeiro sábado en Vilalba e continuarán por Lalín, Viveiro, A Estrada, Vilagarcía, Ortigueira, Mondariz e Betanzos.
Luar na Lubre e Carlos Bau son os únicos galegos nos XIV Premios da Música
Xénero: | 17 / 2 / 2010
Só dúas das 28 categorías dos Premios da Música 2010 teñen nome galego. O álbum Ao vivo de Luar na Lubre fíxose co galardón ao mellor disco de música tradicional. Pola súa banda, Nada de Carlos Bau, impúxose aos outros candidatos como mellor canción en galego. A Academia das Artes e das Ciencias da Música facía pública esta mañá a lista de gañadores, mentres a gala de entrega celebrarase o vindeiro 4 de marzo no Teatro Häagen-Dazs Calderón de Madrid.
Niño y Pistola disfrázanse para o seu terceiro disco
Xénero: | 16 / 2 / 2010 + VIDEO
Sae á venda desde hoxe o novo CD da banda Niño y Pistola e sendo Entroido poderíamos dicir que sae disfrazado como Arthur & the Writers dándolle aos novos temas do grupo unha “historia” de contexto. Neste traballo autoeditado pola banda a través do selo Ernie Records – o primeiro saíu con Mulberry e o segundo con Astro- a banda créase alter-egos e mesmo unha historia sobre un poeta falecido, así como toda unha narración na que sitúan os seus principios en Iowa. O disco terá, ademais da tirada inicial de 1000 copias en Cd, unha distribución dixital e prevén sacalo en vinilo na primavera. A gravación fíxose nos estudios Casa de Tolos de Val Miñor coa produción de Segundo Grandío e Niño y Pistola. O vindeiro concerto de presentación será en Baiona, no Marrucho, o 26 de febreiro.
Cultura recupera o proxecto Rosalía 21 para o aniversario da poeta
Xénero: | 16 / 2 / 2010
O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 173 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Para o conmemorar, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura organizou, ás 20 horas, un concerto no Salón de Teatro de Compostela co título Homenaxe a Rosalía. O evento contará coa presenza do Abe Rábade Quartet, Anxo Angueira, Guadi Galego e a participación especial de Uxía Senlle, que interpretarán os temas do disco Rosalía 21, editado por Falcatruada, e que recupera en clave de jazz textos clásicos desta autora. A obra xurdiu como un proxecto multimedia que fixo parte da representación galega na Feira do Libro da Habana en 2008.
Virxilio da Silva ponse á fronte dun quinteto e asina o traballo Odysseia
Xénero: | 11 / 2 / 2010
Formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra o guitarrista Virxilio da Silva presenta o primeiro disco asinado baixo o seu nome con título Odysseia. Da Silva, que con vintecinco anos é unha das actuais promesas do jazz, lidera nesta gravación a un conxunto de músicos estadounidenses e galegos conformando un quinteto no que, ademais do guitarrista, participan Walter Smith III (saxo tenor), Derek Nievergelt (contrabaixo), Marcus Gilmore (batería), e Xan Campos (Fender Rhodes). O disco ofrece seis temas orixinais de Virxilio da Silva e dous arranxos de estándares do jazz, foi gravado o 19 de xullo de 2008 no Teatro Principal de Pontevedra e está editado polo selo Free Code JazzRecords, de Paco Charlín. Virxilio da Silva participa tamén de outros proxectos musicais nacidos ao abeiro do Seminario Permanente de Jazz como o S.O.S. Trío.
Do conto á canción, e volta
Xénero: | 11 / 2 / 2010
OQO editora acaba de presentar A nena e o grilo un proxecto que integra música e literatura da man de Magín Blanco. O libro-disco, dirixido aos máis novos, inclúe unha serie de contos deste autor e cancións que van do folk ao reggae pasando pola rumba ou o pop. Acompañan a Magín no apartado musical figuras coñecidas coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Uxía ou Fred Martins. As ilustracións do volume corren a cargo de Iván Prieto. O lanzamento terá continuidade nos vindeiros meses da man dun espectáculo ao vivo que percorrerá o país.
O Salón Teatro ábrese á música para presentar os últimos proxectos discográficos
Xénero: | 10 / 2 / 2010
Linho do cuco, Emilio Rúa, Ophiusa e Diego Bellón son as catro formacións que inaugurarán unha nova liña de programación do Salón Teatro. Un formato que pretende dar a coñecer os últimos traballos dos artistas galegos cun pequeno concerto. Agás esta novidade, o espazo xestionado por AGADIC seguirá fiel aos mesmos criterios de “combinar traballos feitos aquí como fóra”, segundo apuntou o seu director, Juan Carlos Fasero. Teatro, novo circo e danza serán os xéneros programados ata o mes de abril e que arrinca esta fin de semana con Saltimbanquis, o primeiro musical galego pensado para público infantil.
Ferrol crea unha asociación para promover espectáculos líricos de pequeno formato
Xénero: | 10 / 2 / 2010
Tiña teatro da ópera antes que Milán inaugurase a súa sonada Scala (1778) pero esa tradición perdeuse en Ferrol co paso dos anos. Recuperala é o que pretende a Asociación de Amigos da Lírica que se constituíu o pasado 26 de xaneiro na cidade departamental. Unha entidade que pretende promover espectáculos de lírica (ópera e zarzuela) con concertos, conferencias, conversas e a crítica. O presidente desta entidade é José Manuel Grande Morlán e o seu vicepresidente e José Castro Luaces.
Cristina Pato presenta o seu novo traballo The Galician Connection
Xénero: | 10 / 2 / 2010 + IMAXES
Nove anos despois do seu anterior disco en solitario, a gaiteira e pianista Cristina Pato lanza un novo traballo coa súa discográfica habitual, Zouma Records. The Galician Connection é o titulo deste álbum que desde o selo ourensán presentan como “ un disco íntimo, maduro e introspectivo” que segundo eles mostra “a madurez dunha artista que soubo evolucionar”. Pato ven ademais de ser parte galardoada na cerimonia dos Grammy por ter participado no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que acaba de obter un destes galardóns como "Best Classical Crossover Album". Para The Galician Connection a gaiteira contou coas colaboracións de Rosa Cedrón, Victor Prieto Trío, a mezzosoprano canadense Patrice Jegou, o violín de Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, o bouzouki de Carlos Beceiro e unha longa lista. de amigos e artistas, incluíndo aos membros habituais da súa banda Laura Amado (voz) ou David G. Outumuro (percusión), Raquel Pato e Xan Padrón. O disco, gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, é unha produción íntegra da propia Cristina Pato que ofrece 12 temas de autor compostos por Cristina Pato, Victor Prieto, Xan Padrón, Rosa Cedrón e Raquel Pato entre outros. Os temas teñen o seu título en galego tamén traducido ao inglés.


