Noticias
O reino da gaita
Xénero: | 10 / 2 / 2010
O mundo dos instrumentos tradicionais non é monolítico. Nel conviven desde clásicos instroducidos en pleno século XIX ata restos do paleolítico. Pablo Carpintero presentaba recentemente Os instrumentos musicais na tradición galega, unha obra que cataloga e analiza tanto os aparellos cos que se facía música e ruído como mesmo a propia idea de música da sociedade tradicional.
Sumrrá xa está a mover o seu cuarto disco polos escenarios
Xénero: | 3 / 2 / 2010
Como xa fixeran no seu disco “2” Sumrrá presentou un disco gravado en directo con tres días de concertos na Sala Nasa, un dos seus hábitats naturais. O trío formado por Xacobe martínez Antelo, Lar Egido e Manuel Gutiérrez presentou “Sumrrá 4.0” (Freecode Jazz Records)oficialmente o pasado 23 de xaneiro abrindo do ciclo Sons da Diversidade no Auditorio de Galicia en Santiago, onde tocaron pezas tamén dos seus anteriores traballos. Sinxelo no seu deseño gráfico -feito por Andrea López- as seis pezas do disco noméanse tamén segundo o título, indo da 4.1 á 4.6. O seu vindeiro concerto de presentación de “4.0” será no club coruñés Garufa o vindeiro día 12 de febreiro.
A soprano Emma Kirkbym abre a terceira edición do festival Pórtico do Paraíso
Xénero: | 2 / 2 / 2010
Para os iniciados, contar con Emma Kirkbym é todo un luxo para calquera festival de música antiga que se precie. Por iso, a súa presenza no cartel do festival Pórtico do Paraíso destaca a importancia desta cita que terá lugar en Ourense do 5 ao 14 de marzo. Pero non estará soa, canda ela o contratenor Robin Blaze e o excelente ensemble Florilegium abrirán na catedral a terceira edición dun certame no que hai outras sorpresas como o grupo un dos máis destacados cuartetos de corda europeos, The Carducci String Quartet coa clarinetista Sarah Williamson.
Cristina Pato participa nun disco premiado co Grammy
Xénero: | 1 / 2 / 2010
O disco que levou Grammy ao Mellor Álbum Clásico de Colaboracións (Best Classical Crossover Album) conta este ano cunha pequena achega galega. A gaiteira e pianista Cristina Pato participa no tema Panxoliña: A Galician Carol do álbum Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace, gravado polo violinista Yo-yo Ma.
Comeza o SINSAL 8
Xénero: | 1 / 2 / 2010
O Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo acolle esta noite o concerto de Sunn O))) co que arrinca a oitava estación do Festival SINSAL. Canda ao grupo de black metal, actuarán a partir das 20:30 Eagle Twin. O programa do festival continúa con Bill Callahan o 18 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 19 no Auditorio Caixanova de Vigo.
Arrinca na Coruña o Festiclass, o programa para popularizar a música clásica
Xénero: | 29 / 1 / 2010
Concertos a prezo reducido (entre 4 e 13 euros), facilidades de transporte (autobuses gratuitos para a área metropolitana da Coruña) e con explicación para non iniciados na música clásica. Estes son as características dunha nova edición do Festiclass, que organiza anualmente a Orquestra Sinfónica de Galicia, para conseguir captar novos públicos. A edición deste ano arrinca esta fin de semana con obras de Claude Debussy e Jesús Guridi e prolongarase (a ritmo dun concerto mensual) ata abril.
A produción galega é finalista en catro categorías dos Premios da Música
Xénero: | 26 / 1 / 2010
Álbum de música tradicional -Alborada do brasil de Carlos Núñez e ao vivo de Luar na lubre-, mellor intérprete de música clásica -a Real Filharmonía de Galicia-, mellor canción en galego -A nosa estrela de Juan Carlos Fernández Fasero-, máis coñecido actualmente polo seu traballo como director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Madama de Guadi Galego e Nada de Carlos Bau e mellores arranxos -Carlos Núñez por Alborada do brasil- son as categorías ás que optan varios músicos galegos. Ademais, a produción galega Cela 211 está presente nos premios da música grazas á candidatura a mellor álbum de banda sonora cinematoráfica -composta polo andaluz Roque Baños-. Os gañadores da 14 edición dos premios da música daranse a coñecer o vindeiro 17 de febreiro nunha rolda de prensa.
Carlos López presenta en concerto The Last Minute Experience
Xénero: | 20 / 1 / 2010 + VIDEO
O percusionista coruñés Carlos López inicia hoxe en Santiago (Borriquita de Belén) a xira de concertos de presentación do seu segundo disco The Last Minute Experience (K Industria) sacado a finais do pasado ano. Para a súa gravación López ten contado cun total de quince músicos de diferentes procedencias dos cales cabe destacar as colaboracións do DJ Panko, Ojos de Brujo e os cantantes londinienses Radhika e MC Stormy. A nova dirección musical tomada nos oitos temas e case 60 minutos de The Last Minute Experience fusiona estilos como o drum’n bass, chillout, rock e funk co jazz de vangarda. Nos seguintes días López presentará este traballo dentro do programa de Iberojazz na Coruña- venres 22- e posteriormente en Vigo o sábado 23. En maio volverá a traer este traballo en xira por distintas salas de Galicia. López forma parte tamén do grupo de jazz Organic Collective.
O jazz tende unha ponte sobre o océano con Atlantic Bridge
Xénero: | 19 / 1 / 2010
Nas portas da quinta edición do festival Iberojazz da Coruña preséntase hoxe ás 21 horas no Forum Metropolitano da cidade herculina o proxecto musical Atlantic Bridge conformado por músicos das dúas beiras do Atlántico e o disco homónimo. Así por Galicia están Alberto Conde, Kin García, Roberto Somoza e Miguel Cabana; mentres da outra beira achéganse os estadounidenses Steve Brown e Walter White. O disco deste sexteto de jazz foi gravado, mesturado e producido en Ithaca College (New York), masterizado en Nashville, e editado polo selo Karonte. O proxecto celebra os 30 anos do primeiro Seminario de Jazz de Banyoles, (Girona), primeiro contacto directo en España de mestres desta especialidade con músicos internacionais vencellados a este estilo de música. A este encontro asistiu Alberto Conde como alumno e Steve Brown como mestre. No ano 2008, pasados 28 anos do pioneiro encontro, Steve Brown realiza unha xira de concertos e master class con músicos europeos de jazz en cidades como Edimburgo, Ámsterdam, Paris, Zurich, Madrid e A Coruña; nesta última, despois de actuar con Alberto Conde, Kin García, Roberto Somoza e Miguel Cabana, é onde decide fundar o grupo e proxecto Atlantic Bridge cos músicos galegos.
Sons miúdos
Xénero: | 12 / 1 / 2010
Moito se ten falado nos últimos anos do bo momento que vive a música galega, cunha grande cantidade de grupos e variedade de estilos. Ao carón dos nomes máis coñecidos, existe toda unha serie de producións que sobreviven centradas nun sector de público que a miúdo pasa desapercibido no panorama musical: os máis novos. Aínda que poida semellar o contrario, no noso país contamos cunha boa lista de propostas musicais pensadas especificamente para nenos e nenas.


