Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Kathaarsys sube á furgalla

O GRUPO GALEGO NARRARá EN CULTURAGALEGA.ORG O SEU MáIS AMPLO TOUR POR EUROPA

Kathaarsys sube á furgalla

ROCK | marzo 24, 2010

not_16546.jpg

Son un exemplo deses grupos que son máis coñecidos fóra do que na casa. Kathaarsys inicia este mes de marzo unha xira europea de presentación do seu novo disco Intuition que ten xa fechados preto de 50 bolos e que está aínda a ampliar as súas citas. Ademais, por vez primeira, os membros do grupo van achegar as súas impresións sobre este periplo mediante un blog en culturagalega.org. Desde a estrada escura permitiranos coñecer a experiencia única destes músicos galegos no continente.

Vaia por diante, para os que non coñezan tan internacional grupo, que o traballo de Kathaarsys está inserido nas coordenadas do metal escuro, e que boa parte das súas actuacións se dan dentro deste circuíto. Pero, de calquera xeito, debemos preguntarnos como se consegue tal número de actuacións. Malia á obvia importancia de Internet neste sentido, Marta Barcia, baixista do grupo, explícanos que os sistemas clásicos que manteñen a súa importancia. “É certo que grazas a Internet todo o mundo che coñece, pero o fundamental é o boca a boca. Nós comezamos a ir a Europa con 14 datas, e agora chegamos case ás 50. A base de tocar, aos poucos vaste dando a coñecer entre os promotores e van contando contigo para os seguintes anos”.

Lugares
Desde logo, a Kathaarsys o sistema funciónalle. O seu periplo vainos achegar a lugares coma Viena, Estambul, Novi Sad, Timisoara, Vichy, Praga, Munich, Toulouse ou Aberdeen entre moitos outros lugares. Tamén haberá ocasión de os ver máis preto de nós, xa que a xira os vai achegar á Sala Capitol de Compostela o vindeiro 5 de maio, ademais de Aveiro, Coimbra ou Valladolid en diferentes datas. O ritmo da xira promete ser forte. A partir deste 25 de marzo e ata o vindeiro 20 de abril, o programa contempla practicamente un concerto ao día. Se ben a partir de maio as citas contan polo de agora con algúns días de descanso entremedias, as contratacións que, segundo o grupo, se están a fechar, prometen apretar a axenda e mesmo alongar a xira ata o mes de xullo.

Públicos
Do mesmo xeito, e malia a non traballar un estilo masivo, o grupo recoñece que están a saír dos locais máis específicos. “Adóitase pensar que estes estilos son para determinados sectores de xente, pero ímonos abrindo a outros circuítos. Fixemos unha xira cun grupo de homenaxe a Queen, e vemos que a nosa música gusta fóra do público habitual”, lembra Barcia. Na realidade, o concepto “minoritario” non se pode aplicar exactamente aos espectáculos de Kathaarsys. “Actuamos en festivais bastante grandes, e salas que chegan a ter un aforo de preto de 1.500 persoas. En xeral, en Centroeuropa hai máis público, máis apoios e un circuíto máis profesionalizado”. A experiencia internacional do conxunto da pé a situacións curiosas como que o conxunto sinta que ten seguidores máis fieis no exterior do que na casa. “A nosa é unha música moi particular, non é un estilo definido. Semella que o público de Centroeuropa está máis habituado a este tipo de música e ollan a nosa proposta con outra perspectiva. En España notas que ao público lle custa un pouco máis entendela”, explica a baixista.

Seguidores
O grupo conseguiu xa, de feito, contar con grupos de seguidores fieis repartidos en diferentes lugares do continente. “Algo que nos anima moito é comprobar que hai xente a quen lle entusiasma o que facemos e que vai aos concertos cada vez que voltamos a un lugar. Acabamos por ter amigos, como Eric, en Bélxica, que é alguén de cincuenta e moitos anos a quen lle gusta esta música e a apoia, e isto por aquí non se ve”. Canda a Eric, o grupo conta en Bélxica cun bo feixe de seguidores, o que os motiva moito a voltar polo país. De xeito semellante, tamén Romanía é un dos destinos que os membros de Kathaarsys encaran con máis ganas. “Tocamos varias veces con Negura Bunget, que é un dos principais grupos deste país, e tivemos moi boas experiencias”. Como novos destinos de interese, a banda ten curiosidade por coñecer o panorama musical de Serbia e mais o de Bulgaria.

Novo disco
O tour servirá para dar a coñecer no continente Intuition o flamante cuarto disco da banda, que xa está dispoñible de xeito íntegro en Internet. Segundo explica Marta Barcia, “é un traballo moi experimental, mesturamos partes que soan máis a jazz ou algo de blues, mantendo o mesmo feeling da banda pero tentando integrar todas a influencias destes anos”. Polo momento, a aceptación que está a ter o disco na rede e mais a cantidade de reservas que hai xa feitas para obter o disco, pendente aínda de chegar ás tendas, fanlles ser optimistas sobre o seu percorrido.

A viaxe
Á hora de enfrontar esta xira, Kathaarsys vai co básico. Unha furgoneta, (a “Paqui”), e os tres membros do grupo facendo quendas para conducir. “A verdade é que é unha tolemia, pero para min cando menos é unha experiencia xenial, non só polos concertos senón por toda a viaxe. É toda unha aventura e pasámolo ben”, lembra Barcia. “Sempre hai moitas anécdotas. Algo que é moi habitual é que nos pare a policia e se poñan a buscar drogas na furgoneta. Unha vez en Francia tivéronnos unha hora, baleiraron todo, meteron o can, e ollaban para nós e non crían que non levásemos nada. Tamén nos paran moito en Alemaña, mesmo policía de incógnito, e dálles o mesmo se imos cun faro mal, só buscan droga, e nunca atopan nada”. Obviamente, unha empresa como esta ten tamén os seus elementos negativos. Segundo explica Marta Barcia, “houbo algunhas malas experiencias, sobre todo casos de traballar con xente que non cumpre os seus compromisos, iso é algo que tira para atrás”. No entanto, o balance é nidiamente positivo para os membros do grupo, que sinalan que “logo, cando chegamos a casa, pasan dúas semanas e xa comezamos a subir polas paredes e a pensar en marchar de novo”. Agora, o grupo permítenos compartir a experiencia da xira no blog Na estrada escura.

AUDIO | CANCIóN COMPLETA
Preconsciencia, Ciclo Iniciatico Vital Licenza Creative Commons
AUDIO | CANCIóN COMPLETA
Pesadelo, Transicion, Evolucion, Constacion Reiterada Licenza Creative Commons
AUDIO | CANCIóN COMPLETA
Consciencia, Duda, Apatia, Duda, Depresion Licenza Creative Commons
datos do disco