Ti estás aquí > Inicio / / Picadiscos Creative Commons
Picadiscos Creative Commons
abril 21, 2010
Grupos que buscan gravar e se promocionar. Locais que queren contar cunha ambientación musical propia e libre de pagos a entidades de xestión de dereitos. O proxecto A Casa de Música une estes dous elos da cadea nun proxecto que integra a difusión de novos conxuntos con alternativas culturais con licenzas abertas.
“Hai grupos de aquí con moitísima calidade que levan anos a tocar e non teñen a posibilidade de ir a bos estudios e facer boas gravacións”, explica Paco Alvarellos, un dos fundadores da Casa de Música. O interese por promover grupos locais fóra dos circuítos masivos é unha das bases que deron na creación desta iniciativa. Tungsteno, Midiam, Noz, Mala Herva, Otrabanda, Dous ou Tonhito de Poi son algúns dos que xa participaron deste proxecto. A grande peculiaridade do proxecto é que, para alén de facilitar a gravación, a Casa tamén xestiona o rexistro con licenzas libres das obras. “Fas o traballo nunha notaría virtual e daslle á xente un certificado de que teñen unha licenza legal e que poden reclamarlle a quen sexa e manexar a súa obra como autores, e iso é impresionante para moitos. Gravamos e licencamos ou só algunha das dúas cousas”, explica. A mestura de experiencias dos fundadores da Casa de Música explica en boa medida a orixinalidade do proxecto. “Eu veño de traballar con licenzas libres na informática, e o meu compañeiro, Xaquín Riera, é técnico de son. Comezamos como estudio de gravación e dando cursos de informática e de son, e ocorréusenos combinar as dúas cousas”. Logo de varios meses centrádos nestas actividades, foi a comezos de 2010 cando a Casa adquiriu a súa actual configuración.
Traballar co consumo
No outro estremo da cadea, a Casa da Música traballa cos consumidores da música. Comercios, pubs e locais que teñen que pagar a sociedades de xestión como a SGAE para programar música teñen neste proxecto unha alternativa. Integrándose na Casa como aliados, reciben produtos exclusivos, privilexios á hora de empregar o estudio de gravación e outras vantaxes a cambio dunha cota. “Non somos outra SGAE, empregamos os cartos dos aliados para financiar actividades como gravar os discos”, lembra Alvarellos. Segundo recoñece, o seu traballo de cara aos locais comerciais “é un pouco como ser picadiscos de música con licenza Creative Commons. Non todo o mundo pode ter alguén que poña a música no propio local, pero si poden contar cunha selección feita por nós coa que lle dar ao play e se esquecer de todo”. Deste xeito, boa parte do traballo neste proxecto consiste en botar horas seleccionando música axeitada para cada un dos lugares adheridos. “Unha tenda ou un pub teñen necesidades musicais específicas”, lembra Alvarellos. “Tamén podemos achegar curtametraxes e filmes con este tipo de licenzas”. Un exemplo do traballo neste campo pode verse no recén aberto pub Nosferatu, en Compostela, que basea a súa programación neste tipo de contidos.
Incorporacións
Entre as últimas incorporacións ao proxecto atopamos o grupo Dios ke te crew, “precisaban asesoría coas licenzas, coñeceron o proxecto, e incorporáronse encantados. Canda a eles, tamén se integrou no proxecto o Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura. "Recibirá todas as gravacións que fagamos no estudio e conservaraas para a posteridade. Para nós que apoien isto é un orgullo", explica Alvarellos. Están xa avisando outros grupos que, como aliados, terán privilexios á hora de empregar o estudio de gravación”. Canda a eles, preto dunha ducia de locais, entidades e persoas están xa a participar da Casa, cada un co nome dun corpo celeste para se identificar. “Temos xa pendentes dúas ou tres incorporacións máis, pero tampouco me interesa que veñan todos á vez, porque ao mellor non sería quen de o xestionar. Agardo que nun par de meses a estrutura conseguirá sosterse só coas contribucións dos aliados”.
Proxectos
Como proxectos inmediatos, en breve verá a luz un coleccionable de gravacións de grupos locais. “En maio sairá o primeiro número e temos preparados oito máis, ao ritmo dunha edición cada mes. Será unha edición específica de músicos que pasaron polo estudio para os membros da alianza”, explica este informático. De cara ao futuro, na vindeira fin de semana arrinca a primeira da que quere ser unha serie de gravacións centrada na música tradicional. “Interésanme moito as foliadas e a tradición sen reinterpretar, e imos gravar pezas deste tipo con licenzas libres”, sinala. Tamén barallan introducirse no campo audiovisual con este tipo de permisos. “Queremos ver se nos coordinamos con algunha produtora pequena de por aquí, tamén para seguir coa promoción de creadores locais, e tentar desenvolver videoclips ou curtametraxes. Hai poucos videoclips con licenzas libres e é complicado facelos”.
A cultura libre en Galicia
Encol da aceptación da cultura con lizenzas Creative Commons no noso país, Alvarellos sinala que “non creo que sexa cousa de futuro, é xa o presente. A xente está a ver a posibilidade real de crear e ter algo físico na man con este tipo de licenzas”. Deste xeito, proxectos como Ediciós da Rotonda, Urco, distintos grupos musicais xa levan varios anos a traballar neste campo, e o propio Consello da Cultura traduciu para a nosa lingua a licenza en 2005 e liberou moitos dos contidos que ten dispoñibles na rede. Ao seu ver, non tardaremos moito en ver novas propostas no ronsel da Casa de Música. “Non dubido que xurdirán outras iniciativas deste tipo, e iso é bo. Aínda que todo o mundo pode xestionar desde a súa casa obras con estas licenzas, está ben facer esforzos comúns para levar proxectos grandes. O Creative Commons é o que ten futuro, o actual estado das cousas é o que non o ten”.