Noticias
Milesios continúa Indoevindo no seu novo traballo
Xénero:
| 22 / 2 / 2017Catro anos despois daquel Alén mar, Milesios publica o seu segundo traballo discográfico. Indoevindo continúa a senda de mestura entre a música galega e irlandesa en once temas que beben das dúas tradicións e que integran sons tradicionais con composicións propias. O septeto formado por Maite Veiga, Marta Portela, Manuel María Veiga, Manuel do Moucheiro, Noelia Fersán, Paula Veiga e Senén Montero integra percusións, baixos, guitarra, batería, violíns gaitas, bouzouki, mandolina, acordeóns, bodhran e mesmo gadañas nuns arranxos complexos e coidados. Arturo Vaquero foi o responsable da gravación do álbum nos estudios Abrigueiro. O proxecto, autoeditado, ve a luz en formato libro-CD, nun volume con 52 páxinas e fotos orixinais de Daniel Díaz Trigo e que inclúe ademais unha paisaxe sonora e dúas músicas extras. A Casa do Saber en Lugo acolle este venres 24 de febreiro o concerto de presentacion.
Xan Campos saca o seu cuarto disco
Xénero:
| 20 / 2 / 2017O selo pontevedrés Free Code Jazz Records ven de presentar o cuarto traballo do pianista Xan Campos. No disco ESD o músico conta coas guitarras de Virxilio Da Silva, Yoel Molina e Wilfried Wilde; a batería de Iago Fernández; os sintetizadores e o Rhodes a cargo do propio Campos. Nos seus nove temas ESD marca diferenza cos seus tres anteriores traballos (Ida e volta, 2007; Orixe Cero, 2011; Ectopía, 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz rock e á psicodelia progresiva do anos 70. Grazas a unha campaña de achegas económicas pola rede Verkami o disco puido saír, ademais de en CD, nunha edición en vinilo. O disco gravouse en Copenhague en xuño de 2015 e trátase dun traballo autoproducido e autofinanciado. O traballo pode escoitarse a través da plataforma Bandcamp.
Antón de Santiago presenta cun recital Cantigas líricas galegas
Xénero:
| 16 / 2 / 2017Un recital no Auditorio da Sede Afundación da Coruña serviu onte como presentación para o volume Cantigas Líricas Galegas para canto e piano e pezas corais. Antón de Santiago asina as composicións deste libro de partituras que adapta poemas de autores clásicos do noso país. Textos de Curros Enríquez, García Lorca, Bouza Brey, Cabanillas, Pimentel, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro entre outros, fan parte do proxecto que editou Fervenza co apoio da Consellaría de Cultura. Segundo explicou na presentación o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o volume quere ser "unha ferramenta útil para difundir e traballar nos nosos conservatorios e escolas de música a canción na lingua propia de Galicia".
Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos
Xénero:
| 15 / 2 / 2017Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.
Todas as redes de espectáculos da AGADIC aumentaron en público no 2016
Xénero:
| 10 / 2 / 2017Na súa comparecencia ante a Comisión de Cultura do parlamento, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, expuxo este xoves o balance das redes dependentes do seu organismo no pasado 2016 e que no pasado mes xa foron presentando publicamente as súas novas programacións para 2017. Os datos presentados por Sutil ante os representantes políticos sobre as redes de Música ao Vivo, Teatros e Auditorios, rede de Salas e ciclo Cultura no Camiño, amosan un significativo aumento do público asistente ao conxunto destas programacións. Así ocorreu na Rede Galega de Salas, que malia a desenvolver en 2016 tres funcións menos que o ano anterior nos cinco espazos membros, medrou porén un 22 por cento na súa afluencia de asistentes, chegando ás 4.202 entradas, segundo Sutil. Tamén na Rede Galega de Música ao Vivo, o director da Agadic comunicou que o número de espectadores incrementouse nun 16 por cento, ata conseguir a cifra de 12.645. No caso da rede Galega de Teatros e Auditorios tamén hai unha evolución á alza no número de espectadores que gozan desta carteleira, xa que dos 55.650 de 2013 se pasou os 84.193 en 2016, o que, tomando só como referencia o incremento interanual 15-16 supón un aumento do 13 por cento. No tocante ao ciclo Cultura no Camiño o director da axencia recordou que hoxe, día 10 de febreiro, abre o prazo para que tanto as formacións de calquera modalidade artística (teatro, danza, maxia, novo circo, narración oral, música de todos os estilos...), así como os concellos interesados poidan inscribirse na que será a edición de 2017 de ‘Cultura no Camiño’, a desenvolver entre o 15 de abril e o 30 de setembro.
Os festivais de música comezan a avanzar carteis e confirmar datas
Xénero:
| 9 / 2 / 2017Cando un dos festivais de música más multitudinarios da península, o MadCool ven de presentar o seu cartel pechado, moitas das citas galegas do panorama festivaleiro comezan a avanzar os seus carteis artísticos, espreguizándose do inverno e amosándonos as posibilidades dunha primavera e un verán de eventos musicais sen afastarse moito. Co Festival Candeloria a punto de abrir a tempada e os carteis do Resurrecion Fest xa coñecido desde hai semanas e co do Portamérica moi avanzado, outras citas máis "pequenas" comezan a dar noticias. Esta mesma semana, o sábado once no Pub Saint Ettiene , terá lugar en Lugo a presentación do Esmorga Fest de Sarria, a celebrarse no 11 de marzo e do que xa tiñamos noticia de gran parte da súa oferta musical á que engadiron agora ás bandas Los Bengal e Voltem. O Atlantic Fest da Illa de Arousa tamén celebra estes días concertos de promoción, os Atlantic days, traendo a Alex Cooper a Vigo e Santiago e proximamante a Sr.Chinarro a Santiago na Sala Riquela. O festival celebrarase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo e polo de agora só coñecemos do seu cartel o nome da banda australiana The Temper Trap e hoxe mesmo confirmaron tamén a actuación de Los Planetas. Os abonos para o festival xa están dispoñibles por 43 €. Aínda sen pechar cartel pero xa con nomes importantes o FIV de Vilalba, a celebrarse 28 e 29 de abril, xa confirmou as actuacións de Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Rinôcérôse, Sidonie, Varry Brava, Sexy Zebras e Amatria.Os abonos xa están á venda a 22€.
Cine mudo e música en directo no ciclo Cineconcertos do Teatro Jofre
Xénero:
| 8 / 2 / 2017O teatro Jofre de Ferrol acollerá un novo ciclo no que mesturará o cine e a música dun xeito pouco habitual. Os Cineconcertos, que comezarán o vindeiro sábado 11 de febreiro, ofrecerán tres proxeccións de clásicos do cine mudo con música interpretada en directo polos seus propios compositores, músicos experimentados e de sona nas súas respectivas escenas musicais moi vencelladas ao jazz. A banda de jazz-rock e rock progresivo Pegasus serán os que abran o ciclo coa banda sonora creada para o filme Berlín, sinfonía dunha gran cidade (Walter Ruttman, 1927) a mítica banda formada orixinariamente en 1981, replantexaron técnica e artisticamente esta banda sonora en directo, que xa presentaran orixinariamente en 1986 por encarga dos directores da Setmana Internacional de Cinema de Barcelona. Haberá que agardar un mes ata a seguinte xornada do ciclo, e o 11 de marzo, cando o pianista e compositor Jordi Sabatés interpretará en directo a banda musical que creou para a película Sherlock Jr. (1924) de Buster Keaton, título que se coñeceu en España como O moderno Sherlock Holmes. Sabatés conta cunha carreira de máis de corenta anos ás súas costas na que combinou propostas musicais de todos os tipos de xéneros e estilos, do jazz ao rock pasando pola canción, o lied, cancións sobre textos dos trobadores provenzais, a música de cámara e a sinfónica. O ciclo terminará o 28 de abril coa proxección da película The kid, de Charles Chaplin, 1921) co acompañamento musical agrupación instrumental formada en Vigo en 2013, Caspervek Trio. A formación clásica dos compoñentes do grupo e a utilización de recursos do jazz, o minimalismo, a música electrónica ou o folk, conforman a paisaxe sonora deste trío.
Adán Jorge continúa carreira con Nada queda
Xénero:
| 8 / 2 / 2017A sala Belmont da Coruña acollía o pasado día 4 o concerto de presentación de Nada queda. O cantautor lucense Adán Jorge segue a súa carreira cun novo álbum autoeditado no que engade toques funk ás influencias brasileiras do seu primeiro traballo. Tres anos despois daquel Abundancia, Jorge rodeouse de Adrián Solla, ao teclado e o piano, Paulo Silva, á percusión, e Alberto Rodríguez a se encargar do baixo para gravar ao vivo os oito novos temas.
Urdime leva os sons galegos para crianzas á FETEN de Xixón
Xénero:
| 8 / 2 / 2017Un único espectáculo representará a produción escénica galega para crianzas na Feria Europea de Artes Escénicas para Nenas e Nenos (FETEN). Xixón acollerá entre o 12 e o 17 de febreiro a vixésimo sexta xeira deste evento, no que participan 77 compañías estatais e internacionais escolleitas entre máis de 700 propostas. A cooperativa Urdime é a responsable de levar ao encontro Sueños de música, un espectáculo musical para os máis novos nado a partir do éxito de Sons Miúdos. Segundo explica a compañía "trátase de dar a coñecer fóra de Galicia os traballos de artistas tan consolidados como Magín Blanco, Paco Nogueiras, Gloria Mosquera, Xoán Curiel e Teatro Ghazafelhos, entre outros. Unha aposta por abrir novos públicos e presentar un formato de gran calidade como é 'Sueños de Música' cun elenco de artistas cunha ampla traxectoria nas artes escénicas e musicais dirixidas ao público infantil e familiar". Os asistentes á feira poderán ver a montaxe o 16 de febreiro ás 19:30 horas no Teatro Jovellanos.
Villanueva abre o seu Zoo para dos
Xénero:
| 7 / 2 / 2017Desde o pasado 27 de xaneiro está á venda Zoo para dos, o segundo traballo do vigués Villanueva. Sony Music Spain presenta dez novos temas gravados nos madrileños Reno Estudios. Pop electrónico, melodías coidadas e un importante traballo vocal son as características dun álbum no que predomina un matiz hedonista. Na nómina de colaboradores, nomes como Ramiro Nieto (Zahara) Martí Perarnau (Mucho) Martiño Toro (Iván Ferreiro) Iago Reigosa, Maryan Frutos (Kuve) e Lola García Garrido (Xoel López). O artista volve así ao formato álbum logo dunha exitosa xira de dous anos co que fora o seu primeiro traballo, Viajes de Ida, de 2014. O Costello Club, en Madrid, acollerá o concerto de presentación do álbum.