Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Todas as redes de espectáculos da AGADIC aumentaron en público no 2016
Todas as redes de espectáculos da AGADIC aumentaron en público no 2016
febreiro 10, 2017
Na súa comparecencia ante a Comisión de Cultura do parlamento, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, expuxo este xoves o balance das redes dependentes do seu organismo no pasado 2016 e que no pasado mes xa foron presentando publicamente as súas novas programacións para 2017. Os datos presentados por Sutil ante os representantes políticos sobre as redes de Música ao Vivo, Teatros e Auditorios, rede de Salas e ciclo Cultura no Camiño, amosan un significativo aumento do público asistente ao conxunto destas programacións. Así ocorreu na Rede Galega de Salas, que malia a desenvolver en 2016 tres funcións menos que o ano anterior nos cinco espazos membros, medrou porén un 22 por cento na súa afluencia de asistentes, chegando ás 4.202 entradas, segundo Sutil. Tamén na Rede Galega de Música ao Vivo, o director da Agadic comunicou que o número de espectadores incrementouse nun 16 por cento, ata conseguir a cifra de 12.645. No caso da rede Galega de Teatros e Auditorios tamén hai unha evolución á alza no número de espectadores que gozan desta carteleira, xa que dos 55.650 de 2013 se pasou os 84.193 en 2016, o que, tomando só como referencia o incremento interanual 15-16 supón un aumento do 13 por cento. No tocante ao ciclo Cultura no Camiño o director da axencia recordou que hoxe, día 10 de febreiro, abre o prazo para que tanto as formacións de calquera modalidade artística (teatro, danza, maxia, novo circo, narración oral, música de todos os estilos...), así como os concellos interesados poidan inscribirse na que será a edición de 2017 de ‘Cultura no Camiño’, a desenvolver entre o 15 de abril e o 30 de setembro.