Ti estás aquí > Inicio / / Os festivais de música comezan a avanzar carteis e confirmar datas
Os festivais de música comezan a avanzar carteis e confirmar datas
febreiro 9, 2017
Cando un dos festivais de música más multitudinarios da península, o MadCool ven de presentar o seu cartel pechado, moitas das citas galegas do panorama festivaleiro comezan a avanzar os seus carteis artísticos, espreguizándose do inverno e amosándonos as posibilidades dunha primavera e un verán de eventos musicais sen afastarse moito. Co Festival Candeloria a punto de abrir a tempada e os carteis do Resurrecion Fest xa coñecido desde hai semanas e co do Portamérica moi avanzado, outras citas máis "pequenas" comezan a dar noticias. Esta mesma semana, o sábado once no Pub Saint Ettiene , terá lugar en Lugo a presentación do Esmorga Fest de Sarria, a celebrarse no 11 de marzo e do que xa tiñamos noticia de gran parte da súa oferta musical á que engadiron agora ás bandas Los Bengal e Voltem. O Atlantic Fest da Illa de Arousa tamén celebra estes días concertos de promoción, os Atlantic days, traendo a Alex Cooper a Vigo e Santiago e proximamante a Sr.Chinarro a Santiago na Sala Riquela. O festival celebrarase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo e polo de agora só coñecemos do seu cartel o nome da banda australiana The Temper Trap e hoxe mesmo confirmaron tamén a actuación de Los Planetas. Os abonos para o festival xa están dispoñibles por 43 €. Aínda sen pechar cartel pero xa con nomes importantes o FIV de Vilalba, a celebrarse 28 e 29 de abril, xa confirmou as actuacións de Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Rinôcérôse, Sidonie, Varry Brava, Sexy Zebras e Amatria.Os abonos xa están á venda a 22€.
Máis metido no verán e con recentes confirmacións están tamén o Surfing The Lérez, Son Rías Baixas, V de Valarés e Osa do Mar. O festival pontevedrés, tras da súa exitosa edición de inverno, ofrecerá 17 de xullo unha nova edición da que polo de agora só se coñece o nome do grupo Pájaro. Na XV edición de SonRías Baixas de Bueu na primeira fin de semana de agosto xa sabemos das actuacións previstas de Sés e Amparanoia. No caso do festival da praia de Ponteceso, o V de Valarés, pola localidade da Costa da Morta xa temos confirmadas as actuacións entre o 18 e 119 de agosto das bandas The New Raemon &McEnroe, Él mató a un policía motorizado e White Bats. O bono á venda para os dous días custa 30€. Na mesma fin de semana, en Burela, celebrarase o festival Osa do Mar que anunciou xa parte do seu cartel tamén cos nomes de Ángel Stanich, Rufus T Firefly, Cala vento, Viva Belgrado e Banana Bahía Music. Neste caso o bono é de 12 €.