Ir ao contido directamente.


Noticias

Novas confirmacións para a axenda de festivais musicais

Xénero: Miscelánea | 9 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

A medida que nos afastamos do inverno os festivais de música van poñendo nomes nos seus carteis para ir atraendo xa público e mesmo para recordarnos a súa permanencia nas axendas. Nas últimas semanas puidemos coñecer as novidades arredor dalgunhas destas citas como o Ourenrock , o Festival Noroeste, o Arteficial ou o máis achegado Melona Fest. A confirmación das datas do Festival Noroeste Estrella Galicia e o primeiro nome do cartel viñeron xuntas. Os británicos Kaiser Chefs estarán no multitudinario e gratuíto festival organizado desde o Concello da Coruña do 8 ao 13 de agosto e que contará con máis de 90 bandas e artistas de diferentes estilos. A banda de Leeds será un dos pratos fortes e actuará na Praia de Riazor o venres 11 de agosto no que será o seu único concerto en España este verán. Nese mesmo mes, aínda que previamente, entre oos días 3 e 5, o festival de Bueu SonRías Baixas ven de engadir no seu cartel a NARCO, TodosTus Muertos, Arco e Estopa. Tamén no agosto se celebrará o Osa do mar en Burela que aos seis nomes que xa confirmara previamente ven de engadir agora o da banda León Benavente para o venres 18. Catro nomes xa están tamén confirmados do cartel do festival Arteficial, festival de arte, música alternativa e cultura de Ribadavia. Soledad Vélez, First after breath, MOW e os ourensans The Phantom Dragsters estarán o 2 de setembro en Ribadavia.

Jazz e folk irmandados pola tristura ante dous pasamentos

Xénero: Miscelánea | 8 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

Dúas desaparicións veñen de golpear o ánimo na escena musical. Gonzalo Villar, onte e Mingos Lorenzo, o pasado domingo, falecían, ambos en Vigo, deixando atrás unha pegada de vida na música en cadanseu eido xenérico e o agradecemento e lembranza de todos aqueles cos que coincidiron polas súas características persoais. Unha complicación cardíaca acabou aos 58 anos coa vida de Gonzalo Villar Sanjurjo, hostaleiro promotor de emblemáticos locais de música en directo en Vigo. El Malecón, La Negra Tomasa e Manteca Jazz son os nomes dos establecementos que foi abrindo e levando ao longo dos anos e polos que pasaron músicos consagrados, como Chucho Valdéz ou Compay Segundo e outros que aínda estaban dando os seus primeiros pasos tanto da música latina como do jazz . No derradeiro local que rexentou, o Xancarajazz, a dinámica era a mesma e a mantivo ata o peche o pasado ano. A súa pegada nas noites de música en directo en Vigo caracterizouse sempre polo exquisito trato que daba aos artistas e o seu profundo gusto e coñecemento musicais.

Un total de 449 proxectos compiten nos IV Premios Martín Códax da Música

Xénero: Miscelánea | 6 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

A estabilidade marca a participación da cuarta xeira dos Premios Martín Códax da Música. A Asociación Músicos ao Vivo, que coordina anualmente estes galardóns, recibiu un total de 449 inscricións, unha máis que no pasado ano, para optar ás dezaseis categorias existentes na convocatoria. Ramón Bermejo, voceiro do colectivo, valorou moi positivamente a cifra a sinalar que amosa "o indiscutible potencial e diversidade musical de Galicia", afianza a asociación "como a casa común d@s músic@s galeg@s" e fai desta "a edición do asentamento" dos premios. Ademais, lembrou que nesta ocasión non se poden presentar ao certame proxectos premiados na última edición. En total son 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 medios de comunicación os que optan a facer con algún dos galardóns. Ábrese agora o prazo de votación para que os membros de Músicos ao Vivo seleccionen os traballos finalistas, entre os que un xurado escollerá os gañadores. Os premios entregaranse o vindeiro 3 de maio nunha gala no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ouvirmos recupera a compositora Eugenia Osterberger

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 3 / 2017

Eugenia_Osterberger_Ouvirmos.jpg

Quince composicións para voz e piano é o legado sonoro da compositora Eugenia Osterberger que recupera a editora Ouvirmos no seu último lanzamento. Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) é o título do libro-CD no que reivindica unha creadora que contribuíu "de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación". Para alén das pezas que agora se recuperan, a autora tamén realizou composicións para piano. Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo asinan unha obra na que se fai un repaso pola vida e o traballo de Osterberger. Un concerto no Círculo Recreativo Cultural do Porriño acollerá o concerto de presentación deste traballo, no que Susana de Lorenzo e Beatriz López-Suevos, voz e piano, interpretarán todo o contido do disco.

Esquíos voltan con Nunca choveu que non escampara

Xénero: Rock | 1 / 3 / 2017

nunca_choveu_que_non_esquios.jpg

O Pub Invictus da estrada acollerá este sábado a presentación do novo disco da banda Esquíos. Nunca choveu que non escampara será o noveno álbum desta prolífica banda de punk rock na súa década longa de existencia. Para a gravación do disco a banda repetiu nos estudios Bonhan da Coruña, onde xa fixeran o anterior traballo, e o proceso fíxose ao vivo. Aínda que manténdose fieis nas letras ao seu espírito de crítica social e combativa a banda asegura que este LP e o "máis variado e posiblemente máis melódico e psicodélico" dos seus traballos e que con entran nun novo estilo que dan en chamar "rock psicotrónico". Tras desta presentación Esquíos actuarán o vindeiro 8 de marzo na Sala Malatesta de Santiago, como parte do programa do festival Desafogha.

Bala abre Lume a discreción

Xénero: Rock | 28 / 2 / 2017

not_27196.jpg

Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) fan do ruído virtude e están resultar mención imprescindible á hora de falar da escena do rock alternativo e independente sen concesións. Hoxe estréase en redes o seu novo disco Lume, gravado en Catalunya en Ultramarinos Costa Brava e Cal Pau Recordings e editado polo selo Matapadre. Nove temas de contundencia indiscutible dan boa continuidade e relevo a aquel primeiro disco Human Flesh (2015) que xa as levou por escenarios de salas e festivais. Para este ano xa se confirmou a súa aparición cun previsiblemente potente directo no cartel do Resurrection Fest e no Woodrocks e agora veñen de poñer sobre a mesa unha longa lista de concertos que comezarán este mesmo xoves, 2 de marzo, en El Pueblo café Cultural de Ourense e que incluirá ata maio 16 concertos na península ademais dun importante salto internacional con catro concertos en Tokyo e seis en Australia, catro deles en Melbourne. O tema que abre o disco, Colmillos, xa ten videoclip de fasquía dura e escura, como corresponde ao dúo que fascina a indies, heavys e punks por igual.

Novos proxectos en Compostela e Oleiros apostan polas músicas locais

Xénero: Miscelánea | 27 / 2 / 2017

imaxe non dispoñible

Co obxectivo de promover e axudar os grupos novos naceu Musicoleiros, unha asociación que se presentou oficialmente cun concerto o pasado 18 de febreiro no teatro municipal As Torres. O colectivo, que reúne unha corentena de bandas do Concello de Oleiros, naceu arredor dos locais municipais de ensaio que levan tres anos en marcha no centro cultural A Fábrica. Entre os compoñentes desta iniciativa están formacións como Psychoducks, Undercover, Theta Waves, ou Engraved. Entre os vindeiros obxectivos da asociación está montar un concerto importante na localidade este verán e conseguir un circuíto de música ao vivo no concello.

Sensacional volve Desde el limbo

Xénero: Indie | 27 / 2 / 2017

desde_el_limbo_sensacional.jpg

Logo do éxito do seu primeiro traballo, que os levou a tocar en festivais como Portamérica, Gijón Sound, Contempopránea ou Noroeste, a banda coruñesa Sensacional apostou polo crowdfunding para lanzar o seu segundo traballo. O pasado 21 de febreiro vía a luz Desde el limbo, dez novos temas nos que o pop guitarreiro do grupo acada novas cotas de calidade. Sons intensos e arreglos moi coidados crean atmósferas complexas para acompañar letras cunha importante carga poética. Os estudios Bonham da Coruña acolleron a gravación do traballo, que conta con produción de Sensacional e José Martínez. A xira de presentación comezará o vindeiro 7 de abril na Sala Mardi Gras da Coruña no marco do ciclo Son Estrella Galicia.

Ezetaerre desembarca con Aspiracións mínimas e urxentes

Xénero: Hip-Hop | 24 / 2 / 2017

aspiracions_minimas_urxentes_ezetaerre.jpg

Oito videoclips en simultáneo. Este é o espectacular xeito co que a banda Ezetaerre optou por presentar o seu primeiro disco Aspiracións mínimas e urxentes. Versións audiovisuais de todos os temas do álbum están xa dispoñibles na canle de Youtube deste trío de rap combativo en galego formado por Garchu, Pirola e Petrowski. A colonización de Latinoamérica, a audiencia nacional, a situación de Palestina ou a precariedade laboral danse cita nas temáticas duns temas que se acompañan de samplers de Yann Tiersen, Los Panchos, José González, temas árabes ou influencias folk. O proxecto, gravado por Iago Pico en Pousada Son Studios sae á luz baixo o selo Santa Guerrilla. A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 3 de marzo a presentación do proxecto nun concerto con Nao.

A OSG e Quico Cadaval levarán o mar ao Palacio da Opera

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 2 / 2017

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Diego García Rodríguez presenta unha nova proposta didáctica dentro do seu programa educativo Son Futuro baseada nun dos pilares da vida do noso país: O Mar. Coa colaboración do actor Quico Cadaval a OSG perseguirá a creación de públicos para á música lírica e clásica usando para iso a obertura de O holandés errante de Richard Wagner e os Catro interludios mariños de Benjamin Britten, unha obra do século XX na que se describe o mar en diferentes situacións. Varias representacións didácticas para escolares e unha de Concertos para a familia este venres ás 18 horas no Palacio da Ópera da Coruña ofrecerán este programa de temática mariña . Quico Cadaval fará a narrativa dramática da interesante lenda do buque pantasma de O Holandés errante e tamén, despois de cada un dos interludios, trasladará ao público á beira do mar partindo das imaxes mitolóxicas e as aventuras de piratas ata chegar a unha descrición de situacións cotiás das xentes do mar. A OSG elaborou unha guía didáctica para estas representacións orientada ao público máis cativo.

<< Inicio / Anterior . 1331 a 1340 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR