Ouvirmos recupera a compositora Eugenia Osterberger
marzo 3, 2017
Quince composicións para voz e piano é o legado sonoro da compositora Eugenia Osterberger que recupera a editora Ouvirmos no seu último lanzamento. Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) é o título do libro-CD no que reivindica unha creadora que contribuíu "de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación". Para alén das pezas que agora se recuperan, a autora tamén realizou composicións para piano. Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo asinan unha obra na que se fai un repaso pola vida e o traballo de Osterberger. Un concerto no Círculo Recreativo Cultural do Porriño acollerá o concerto de presentación deste traballo, no que Susana de Lorenzo e Beatriz López-Suevos, voz e piano, interpretarán todo o contido do disco.