Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Novos proxectos en Compostela e Oleiros apostan polas músicas locais
Novos proxectos en Compostela e Oleiros apostan polas músicas locais
febreiro 27, 2017
Co obxectivo de promover e axudar os grupos novos naceu Musicoleiros, unha asociación que se presentou oficialmente cun concerto o pasado 18 de febreiro no teatro municipal As Torres. O colectivo, que reúne unha corentena de bandas do Concello de Oleiros, naceu arredor dos locais municipais de ensaio que levan tres anos en marcha no centro cultural A Fábrica. Entre os compoñentes desta iniciativa están formacións como Psychoducks, Undercover, Theta Waves, ou Engraved. Entre os vindeiros obxectivos da asociación está montar un concerto importante na localidade este verán e conseguir un circuíto de música ao vivo no concello.
De xeito similar, a comezos de mes presentabase na capital galega Compostela é Música, un proxecto da asociación Músicos ao Vivo Sección Compostela que conta co apoio municipal. A iniciativa busca "visibilizar e dar a coñecer de maneira oficial o enorme talento dos proxectos musicais activos" na cidade. Como primeiro paso, creouse un censo en liña de músicos e proxectos que servirá para contribuír ao traballo dos programadores, ademais de actuar como espazo de encontro entre os propios músicos. Segundo asegura a presentación do proxecto, este censo "utilizarase como fonte de programación cultural en Compostela, tanto nas canles habituais como en novas iniciativas que exploren a descentralización cultural e a busca de novos usos, públicos e espazos".