Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos
febreiro 15, 2017
Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.