Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Unha foliada para recuperar a festa furtada
Xénero:
| 6 / 6 / 2022Recuperar a festa furtada pola represión fascista e homenaxear a artistas de todo o país que a padeceron son os obxectivos da 'Foliada da Memoria' que vai facer a Deputación de Pontevedra sábado 2 de xullo en Moneixas (Lalín). A entidade provincial organiza este evento a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica, coa colaboración da agrupación Os Dezas de Moneixas e do Concello de Lalín. A xornada será de memoria festiva e durará todo o día, con actividades para todos os públicos e homenaxes non só á xeración arrebatada senón tamén á quen tomou o relevo e non deixou que a música cesase de sonar. Xurxo Souto conducirá este acto. A actual agrupación dos Dezas de Moneixas e a súa escola farán vibrar as gaitas e a percusión en honor de quen xa non están.
A pandeireta como eixo do Serán '03
Xénero:
| 1 / 6 / 2022A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.
Trinta anos de pasos no 'Camiño longo' de Treixadura
Xénero:
| 30 / 5 / 2022Trinta anos leva a formación tradicional Treixadura camiñando polos escenarios do país e con esa celebración presentan un novo traballo discográfico, 'Camiño longo', co que tamén seguen a andar por auditorios e eventos. Como xa fixeran en anteriores aniversarios "redondos", celebrando os vinte anos con "Esa si que é muiñada" (2011) e os 25 co álbum gravado en directo "Vendima tarda" (2014) agora os de Cambados celebran o trinta aniversario cunha forte aposta que en forma dun libro - disco no que fan un percorrido pola súa propia traxectoria. Este oitavo disco, 'Camiño longo' é un documento de 17 temas musicais e 104 páxinas que amosa o propio percorrido da formación a nivel musical e histórico, un intento de deixar rexistro de 30 anos de emoción compartidos con moitos seguidores, que grazas as cancións os datos e as fotografías poderán revivir moitos momentos de Treixadura, achegándose á traxectoria desta importante formación. O disco, autoeditado, foi gravado nos estudios Casa de tolos, en Mañufe, Gondomar, e Edisco, A Estrada, durante os meses de xaneiro a marzo de 2020 e conta coas colaboracións da Banda Municipal de Música de A Coruña e do Coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela ademais da de Rodrígo Romaní. Treixadura xa está a presentar este traballo en diferentes escenarios cunha axenda cuxa seguinte parada será o vindeiro día 3 en Crecente (Albeos) no marco das Festas das Dores e o Santo Cristo.
Quiosco: Sons da Galiza 1
Xénero:
| 10 / 5 / 2022A revista Sons da Galiza pon na rede en formato de pdf interactivo o seu número 1, correspondente ao mes de abril. A publicación de Óscar Martínez ofrece, ademáis dunha benvida editoria do responsable, tres entrevistas co dúa Caamaño & Ameixeiras, Budiño e Xisco Feijoo. Ademais a publicaciópn sobre a música tradicional inclúe tamén unha reportaxe sobre o legado do musicólogo Alna Lomax. O segundo número desta publicación está a piques de saír co Día das Letras Galegas.
O que non se escribe achega formación, música e debate Compostela
Xénero:
| 3 / 5 / 2022"Unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo". Así se presenta a segunda edición de O que non se escribe, o encontro sobre arquivos sonoros e creación contemporánea que desenvolve o groso da súa actividade en Compostela entre o 12 e o 15 de maio.
Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira
Xénero:
| 2 / 3 / 2022A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.
Pancho Álvarez e o dúo Caamaño & Ameixeiras parten como favoritos nos XXI Premios Opinión
Xénero:
| 22 / 2 / 2022Mellor disco (Cordas históricas), mellor tema orixinal (Versos na pedra) e mellor artista. Estas son as tres candidaturas que Pancho Álvarez acumula na vixésimo primeira edición dos Premios Opinión da Música de Raíz. Comparte ese número co dúo Caamaño & Ameixeiras, que optan tamén a mellor disco (Aire!), mellor tema orixinal (Mercedes y dolores) e mellor adaptación dun tema tradicional (Maneo de Cambre).
Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume
Xénero:
| 16 / 2 / 2022Vagalume, terceiro disco en solitario de Álvaro Iglesias, continúa a aproximación á música tradicional galega desde o contrabaixo solista. A seguir a liña que iniciou con Alma en 2018, desta volta o intérprete dálle un especial protagonismo aos nomes convidados nestes dez novos temas tirados da tradición.
O Cuarteto Caramuxo fai Reviravoltas
Xénero:
| 9 / 2 / 2022Este catro de febreiro chegaba ás plataformas dixitais Reviravoltas o novo traballo do Cuarteto Caramuxo. A formación composta por Xulia Feixoo, Marcos Padrón, Felipe Agell, Xoan Carlos Vázquez, Oscar Prieto e Fernando Abreu avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica nos once temas que compoñen o seu cuarto lanzamento
As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo
Xénero:
| 3 / 2 / 2022Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos