Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O que non se escribe achega formación, música e debate Compostela

O FESTIVAL PON O FOCO NA CREACIóN DE VANGARDA DESDE A TRADICIóN ENTRE O 12 E O 29 DE MAIO

O que non se escribe achega formación, música e debate Compostela

FOLK | maio 3, 2022

imaxe non dispoñible

"Unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo". Así se presenta a segunda edición de O que non se escribe, o encontro sobre arquivos sonoros e creación contemporánea que desenvolve o groso da súa actividade en Compostela entre o 12 e o 15 de maio.

O Concello de Santiago acollía este 2 de maio a presentación do proxecto, que comprende música ao vivo, espazos de debate, divulgación, activismo cultural e aprendizaxe. Dirixido por Aitana Cuétara e realizado por Luneda Producións, o encontro comezará cunha clase maxistral na que o zanfonista e graller catalán Adrià Grandia, amosará as posibilidades de combinar instrumentos tradicionais coa tecnoloxía. Un encontro a amosar diferentes perspectivas sobre música tradicional e creación da man de Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina continúa as actividades da xornada, que rematará cun concerto de das artistas baleares Joana Gomila e Laia Vallès.

A tarde do día 13 estará centrada no debate, cunha mesa redonda sobre "Autoría, privacidade e protección de datos nas gravacións dos arquivos de música tradicional" e outra que abordará "as posibilidades de crear un arquivo único con todo o material compilado durante todas estas décadas" da tradición sonora galega. O espectáculo SO (Son) de Los Sara Fontán & Amorante fechará este segundo día do encontro. No 14, un monográfico de formación sobre zanfona a cargo de aCentral Folque súmase aos concertos de Anna Ferrer, de Baleares, e do dúo occitano Cocanha, a amosar reinterpretacións das súas respectivas tradicións como últimos recitais desta xeira.

De xeito paralelo, o encontro inclúe un paseo sonoro, que se poderá realizar ata o vindeiro 29 de maio, con roteiros guiados entre os días 14 e 15 deste mes. A experiencia permitirá escoitar fragmentos de recollidas de música tradicional identificados coa súa orixe e os nomes das persoas informantes. Canda a isto, o percorrido achega sete arquivos recollidos da tradición oral de sete lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago.