O Cuarteto Caramuxo fai Reviravoltas
febreiro 9, 2022
Este catro de febreiro chegaba ás plataformas dixitais Reviravoltas o novo traballo do Cuarteto Caramuxo. A formación composta por Xulia Feixoo, Marcos Padrón, Felipe Agell, Xoan Carlos Vázquez, Oscar Prieto e Fernando Abreu avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica nos once temas que compoñen o seu cuarto lanzamento
Con catro clarinetes á fronte, a formación continúa a súa experimentación a empregar en case todos os temas o Cancioneiro de Casto Sampedro como base. "Con liberdade. Con identidade. Con orgullo de seren elos na historia dun instrumento aínda por reivindicar dentro da nosa tradición oral", segundo explica Guillerme Inácio no texto de presentación do álbum.
Ademais deste instrumento de vento, a banda completa a súa instrumentación coa percusión tradicional de Xulia Feixóo e o acordeón de Marcos Padrón para propor "alalás que son rumbas, canteiros no Caribe, trance trad acústico… reviravoltas con selo de seu, de música galega da boa", continúa Inácio. Alén das pezas adaptadas do cancioneiro de Sampedro, o álbum inclúe tamén un tema da autoría de Mercedes Peón coa participación da propia música.