Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo

AS CIFRAS DE VOTACIóNS REVELADAS POR RTVE CONFIRMAN QUE OBTIVERON UN APOIO POPULAR MASIVO NO BENIDORM FEST

As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo

FOLK | febreiro 3, 2022

imaxe non dispoñible

Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.

Case 200.000 euros recadou a compañía de televisión pública española (RTVE) grazas aos votos emitidos pola cidadanía desde todo o Estado en apoio das Tanxugueiras. En total, 41.620 chamadas e máis de 94.000 mensaxes de apoio dirixíronse ás galegas, o que representa que do total, obtiveron máis do 70 por cento do apoio popular, mentres que a intérprete gañadora obtivo por baixo do 4 por cento, unha distancia que só o voto estratexicamente pensado do xurado profesional foi quen de darlle volta. Ante o clamor existente tras o festival a dirección de TVE decidiu dar a coñecer os datos detallados das votacións, incluíndo os do xurado malia preservar o anonimato de cada un deles. Destes últimos datos, de ser certos, despréndese un apoio total á candidata gañadora por parte de tres membros do xurado, dous dos cales colocan a valoración do 'Terra' entre as dúas peores, con 4 e 2 puntos, nunha toma de posición o máis afastada posible das votacións populares. No relativo ao voto demoscópico, de representantes seleccionados por TVE da sociedade, as cantareiras acadaron tamén o maior apoio, con 2.658 puntos (14,59%), por diante da Chanel, que obtivo 2.624 puntos (13,88%). As disparidades son tan grandes con estes datos diante que son moitas aínda as preguntas que seguen no ar sobre os criterios usados por algúns membros do xurado profesional.