Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O dúo BellónMaceiras publica un disco-libro infantil
Xénero:
| 13 / 1 / 2022O dúo de música tradicional BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) ven de presentar o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.
Os d'Abaixo voltan con Somos a pedra
Xénero:
| 5 / 1 / 2022Logo dunha exitosa campaña de Verkami, a banda Os d'Abaixo presentaba este mes de decembro Somos a pedra. O terceiro traballo do grupo recupera pezas populares, entre elas algunha das gravadas por Alan Lomax, e incorpora composicións propias para sumar un total de once temas. As traballadas melodías integran arranxos inéditos na traxectoria da banda e ritmos vivos para deconstruír formas tradicionais. O sexteto propón sonoridades nas que o baile se mestura coa escoita pausada, cunha percusión máis variada que en anteriores traballos.
Brath continúa a súa experimentación con Clan Atlante
Xénero:
| 4 / 1 / 2022En marcha desde 1980, o veterano grupo de folk e fusión Brath acaba de tirar do prelo o seu duodécimo traballo, no que continúa a apostar pola experimentación a partir da música de raíz. O que fora o primeiro grupo galego en integrar instrumentación eléctrica na tradición lanza o libro-CD Clan Atlante. O novo álbum mestura "composicións de fondo raigame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons do jarocho mexicano, dando como resultado un traballo ecléctico e diferente", segundo indica a banda no seu texto de presentación. Unha colección de temas no que se percibe a vontade de experimentar e que se atreve mesmo a fundir ska con pasodobre.
O falecemento de José Antonio Viñas deixa orfa a agrupación Queixumes dos Pinos
Xénero:
| 3 / 1 / 2022O folclore galego lamenta, nesta pasaxe de ano, o falecemento de José Antonio Viñas Mira, destacado divulgador da nosa tradición. Viña fundou hai 25 anos a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos en Pereiro de Aguiar, Ourense, e viña dirixindo o grupo desde aquela. Ademais, na actualidade ostentaba a vicepresidencia da International Union of Folclore Association. No seu haber están recoñecementos como o Oscar Folclore Award en 2012, o premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2019 ou a medalla de ouro da Medalla de oro da IGF (World Folklore Union).
Un libro-CD recolle a historia e sons das pioneiras Pandereteiras de Mens
Xénero:
| 27 / 12 / 2021Cinco mulleres labregas da comarca de Bergantiños que foron as pioneiras en levar o formato feminino das pandereteiras aos palcos e escenarios do espazo público nos anos 70 e 80. Elas foron as Pandereteiras de Mens e un novo libro-CD publicado por aCentral Folque recupera a súa historia elgado, grazas ao estudo da etnomusicóloga e doutora en Antropoloxía Beatriz Busto. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas desde que, no ano 1972 e por primeira vez, se subiron ao palco do Teatro Colón da Coruña. O traballo é unha achega a unha parte indispensábel do patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha compilación de músicas de diversos arquivos, incluídas aparicións televisivas, e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.
Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión
Xénero:
| 21 / 12 / 2021Tanxugueiras son hoxe "Trending topic" en España. Na súa participación na carreira cara ao festival de Eurovisión, as de Teo presentaban na medianoite o tema co que aspiran a representar ao país nese certame internacional de televisións estatais. 'Terra' ten arestora máis de 100.000 reproducións, tras doce horas de presentación oficial na canle de YouTube (houbo unha filtración previa por mor da hora neocelandesa) e a proposta non deixou indiferente a ninguén, sobre todo no que ten que ver coa presenza das linguas oficiais do territorio estatal. "Non hai fronteiras. Ez dago mugarik. No hi ha fronteres. Nun hai fronteres. No hay fronteras ", así repite en galego, euskera, bable, catalán e castelán un dos retrousos deste alalá de Novo Trad das Tanxugueiras. O resto do tema cántase enteiro en galego e fai unha reivindicación da tradición e das raíces coa rotunda afirmación dunhas gorxas que cantan en voces que "veñen para quedar". De saír adiante sería a primeira vez que un tema nunha lingua oficial do Estado diferente ao castelán representaría a España nos 60 anos de certame. Polo festival europeo pasou en 2011 outra artista galega, Lucía Pérez, que contou en castelán a canción "Que me quiten lo bailao".
Mercedes Peón lidera en Carballo o proxecto Somos pandeireteiras
Xénero:
| 22 / 11 / 2021Obradoiros de formación e un encontro aberto son os pasos cos que bota a andar Somos pandeireteiras en Carballo. A artista multidisciplinar Mercedes Peón lidera este proxecto en colaboración coa Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene) e co apoio do Concello e mais da Deputación da Coruña. A iniciativa, que se presentaba na mañá deste 22 de novembro, pretende "impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro da transmisión musical e da palabra no eido musical tradicional contemporáneo" e propón crear unha rede provincial que conecte as tocadoras deste instrumento.
Cantigas e Agarimos celebra cen anos en Compostela
Xénero:
| 28 / 10 / 2021Hai cen anos nacía en Compostela o coro Cantigas e Agarimos. Este 30 de outubro o Auditorio de Galicia acolle na capital galega os actos de celebración deste centenario. Baixo o lema 100 anos de Agarimos a histórica formación achega á xornada un obradoiro de baile e outro de pandeireta, unha charla sobre o traxe tradicional galego e as actuacións do coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Ademais, unha exposición fotográfica repasará a historia da formación e realizarase ao vivo un mural conmemorativo do aniversario.
Luar na Lubre recollerá o Premio Ramón Piñeiro, Facer País
Xénero:
| 14 / 10 / 2021Despois dun ano de pausa por mor da pandemia de Covid-19, a Asociación Cultural Val de Láncara deu a coñecer este 11 de outubro o fallo do XIX Premio Ramón Piñeiro, Facer País. O galardón que recoñece "o labor realizado ao longo do tempo por persoas ou entidades a prol da lingua e da cultura galega" foi nesta xeira para o grupo musical Luar na Lubre. Segundo apuntou a organización, a banda que lidera Bieito Romero foi escolleita polo súa longa traxectoria e o seu traballo de difusión a nosa lingua e tradición musical entre 15 candidaturas propostas por persoas e colectivos da zona de Láncara.
Soa Bonaval convida a reinterpretar o son tradicional
Xénero:
| 4 / 10 / 2021Concertos, conversas e itinerarios sonoros compoñen o programa da primeira xeira do festival Soa Bonaval. O Museo do Pobo Galego organiza este evento que entre os vindeiros 22 e 24 de outubro achegará a Compostela os concertos da asturiana Lorena Álvarez, os pontevedreses Peña, ou o compostelán Libredón, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital. Ademais, o programa achega a estrea do proxecto Exvba, que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font e que foi creado de xeito específico para a igrexa de San Domingos de Bonaval.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos