Brath continúa a súa experimentación con Clan Atlante
xaneiro 4, 2022
En marcha desde 1980, o veterano grupo de folk e fusión Brath acaba de tirar do prelo o seu duodécimo traballo, no que continúa a apostar pola experimentación a partir da música de raíz. O que fora o primeiro grupo galego en integrar instrumentación eléctrica na tradición lanza o libro-CD Clan Atlante. O novo álbum mestura "composicións de fondo raigame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons do jarocho mexicano, dando como resultado un traballo ecléctico e diferente", segundo indica a banda no seu texto de presentación. Unha colección de temas no que se percibe a vontade de experimentar e que se atreve mesmo a fundir ska con pasodobre.
Eloi Caldeiro corre coa composición da letra e a música dos temas, agás tres cortes tirados do cancioneiro tradicional. Os arranxos son de Alberto Gambino, outro dos compoñentes do grupo. O disco gravouse e mesturouse nos estudios de Miguel Barrero e está a se distribuír co xornal La Voz de Galicia.