Cantigas e Agarimos celebra cen anos en Compostela
outubro 28, 2021
Hai cen anos nacía en Compostela o coro Cantigas e Agarimos. Este 30 de outubro o Auditorio de Galicia acolle na capital galega os actos de celebración deste centenario. Baixo o lema 100 anos de Agarimos a histórica formación achega á xornada un obradoiro de baile e outro de pandeireta, unha charla sobre o traxe tradicional galego e as actuacións do coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Ademais, unha exposición fotográfica repasará a historia da formación e realizarase ao vivo un mural conmemorativo do aniversario.
O nacemento da agrupación folclórica deuse por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique Sánchez Guerra e Camilo Díaz Baliño, e é unha das máis antigas en activo dedicadas á nosa tradición coreográfica e musical. Nos seus primeiros 50 anos de historia, a formación desenvolveu diferentes xiras internacionais e mesmo puxo en escena obras teatrais como A lenda de Montelongo ou Os vellos non deben de namorarse, ademais de gravar varios discos. A partir dos anos 70 iniciou a súa actividade o grupo de baile, que se mantén na actualidade canda ao coro, o grupo instrumental, e o de pandeiretas.
A celebración, que se desenvolve co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten entrada de balde con reserva previa. A formación agrupa na actualidade oitenta persoas e achega diferentes propostas formativas arredor do baile e a música tradicional.