Mercedes Peón lidera en Carballo o proxecto Somos pandeireteiras
novembro 22, 2021
Obradoiros de formación e un encontro aberto son os pasos cos que bota a andar Somos pandeireteiras en Carballo. A artista multidisciplinar Mercedes Peón lidera este proxecto en colaboración coa Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene) e co apoio do Concello e mais da Deputación da Coruña. A iniciativa, que se presentaba na mañá deste 22 de novembro, pretende "impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro da transmisión musical e da palabra no eido musical tradicional contemporáneo" e propón crear unha rede provincial que conecte as tocadoras deste instrumento.
Ao longo do mes de novembro, obradoiros en centros de ensino de Fene, Padrón e Malpica achegarán este instrumento ao alumnado, que "vivirá unha experiencia sonora e performativa do que é unha tocada das pandeireteiras e poderán participarán activamente na mesma". Para o 19 de decembro está prevista en Carballo unha xornada pública na que a propia Peón presentará o proxecto.
No programa ademais abordaranse en cadansúa mesa de traballo as cuestións do afastamento da centralidade das tocadoras no imaxinario actual, da man de Andrea Nunes; a función social das tocadoras, a cargo de Susana Sanches Aríns; O rol da pandeireta e da voz no eido musical contemporáneo por Ana Romaní e mais o papel dos grupos de das asociacións na transmisión da pandeireta e do canto tradicional, que tratará María Reimóndez. As catro relatoras "collerán in situ o imaxinario e perspectivas das participantes" e presentarán as súas conclusións ao longo da propia xornada.
No encontro, ademais, a xornalista e tocadora Selina Otero desenvolverá un encontro de tocadoras con Ermitas de Ánxelo, Carmen de Lema e Icía do Manso. Esta xornada, aberta e interxeracional, pretende "reflexionar arredor da situación das tocadoras e comezar a construír, entre todas as asistentes unha rede que vincule e articule as relacións das pandeireteiras da provincia da Coruña".
Tamén che pode interesar:
- 11/ 2/ 2014 | Sés lidera Desaramar, un proxecto musical reivindicativo
- 4/ 1/ 2012 | SÓS de Mercedes Peón está entre os mellores discos de raíz de 2011
- 12/ 4/ 2007 | Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón
- 26/ 12/ 2003 | A revista británica Folk Roots considera o disco "Ajrú" de Mercedes Peón como mellor disco do mundo
- 7/ 10/ 2003 | Mercedes Peón presenta en Ajrú un novo traballo máis independente