Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Gabriel Peso presenta un proceso de percorrido vital en 'Travesía'
Xénero:
| 4 / 12 / 2018Cinco anos transcorreron desde o primeiro disco de Gabriel Peso (Sinapsis, Estudios Mans 2013) e o pianista pontevedrés aproveitou ese tempo para traballar acompañando a outros artistas nas súas xiras, en obras de teatro e musicais, para a televisión e viaxar. Desa viaxe de cinco anos xurde agora este novo traballo Travesía (Xingra, 2018) para o que elixe un formato de trío acompañado por Miguel Asensio á batería e David Ruíz ao contrabaixo. Dez temas de jazz e fusión nos que, segundo Peso, se deixa ver claramente a influencia da súa orixe galega “na esencia e no aroma” así como nunha rítmica característica das nosas músicas, incluíndo especificamente no disco unha xota ( Jota de Peso)creada como homenaxe aos seus avó e pai e na que participa este último colaborando á gaita. O disco foi obxecto de mestura e masterización en Nova York da man do enxeñeiro Dave Arlington, que ten traballado con grandes nomes da música mundial. O músico comeza hoxe unha mini xira galega con este traballo no club Dado Dada Jazz, de Santiago, ás 22 horas. Mañá mércores o trío estará no Vitruvia Café de Vigo e o xoves estarán no Café Latino de Ourense. Outor local indispensable do circuíto do jazz den Galicia, o Jazz Filloa da Coruña pechará esta xira o sábado ás 22 horas.
O festival de Jazz de Lugo ofrecerá 25 concertos
Xénero:
| 5 / 11 / 2018O jazz galego, estará presente nesta 28ª edición con artistas como Nani García, Pablo Castanho, Marcos Pin, Natasia Zürcher, David Regueiro ou Juyma Estévez. O Club Clavicémbalo é un dos cinco espazos que acollerá as actividades deste ano xunto á Casa do Saber, o pub Ho! Gruf, o Centro Cultural Vello Cárcere e o Círculo das Artes, escenario este último que volverá recibir a visita de recoñecidos grupos e artistas do panorama jazzístico internacional. Entre eles, o David Murray Infinity Quartet; o Charles McPherson Quartet co pianista Bruce Barth; Sara McKenzie; o trío Zuperoctave que integran Gilad Hekselman, Aaron Parks e Kendrick Scott; Yellowjackets; Antonio Lizana Group, e Fabrizio Bosso & Special Quintet co saxofonista Max Ionata.
Unha homenaxe a Aretha Franklin pechará en Nadal o 8º Outono Códax Festival
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Hoxe presentouse a oitava edición do Outono Códax Festival de Santiago, unha cita musical que seguie a crecer cada ano e que goza dunha saúde de ferro a xulgar polo feito de que os seus organizadores xa están a pensar na décima edición e que o seu principal patrocinador, Martín Códax, xa aposta por chegar moito máis alá. Así se desprendía das comparecencias hoxe de uns e outros co gallo da presentación na que estaban María Garrido (Bodegas Martín Códax); Fran Villasenín, Martín Calviño e Javier Freire (organización do festival). O vindeiro 19 de outubro abrirase esta quenda da cita outonas co blues, o soul e o Rhythm & Blues, que se prolongará, en datas salteadas ata o 27 de decembro, xa en inverno. Un ano máis co apoio de varios patrocinios privados como as Bodegas Martín Códax e Pousadas de Compostela, o festival ofrece concertos de pago e outros de balde nos que xunta figuras e grupos que están a despuntar no panorama internacional con outro xa consolidados como referencias.
Sumrrá dedica o seu sexto traballo a '6 mulleres'
Xénero:
| 12 / 9 / 2018A inauguración hoxe do WOS Festival de Santiago acolle o concerto de presentación do novo disco da formación de jazz Sumrrá. Co seu sexto álbum SUMRRÁ 6 MULLERES (Clermont Music, 2018), o trío rende tributo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks de America, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafzai de Pakistán, e Nawal El-Saadawi de Exipto. A cada unha delas dedica un tema titulado co propio nome o trío integrado por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Gutiérrez e L.A.R. Legido. Editado polo selo neoiorquino Clermont Music, gravado por primeira vez en estudio, e cun corte manifestamente feminista, o disco conta cun deseño de portada e de interior do álbum para o CD realizado pola artista María Meijide e para a actuación de hoxe de posta en escena do traballo contarán coa colaboración da artista visual Laura Iturralde. O disco xa está dispoñible en plataformas dixitais. O cocerto terá lugar hoxe ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago.
O CourelSon leva o blues e o jazz á serra
Xénero:
| 17 / 7 / 2018Catro localidades do Courel acollerán unha serie de concertos de Jazz e Blues no que será a primeira edición do CourelSon. Catro concertos ao longo do verán dirixidos tanto á veciñanza coma ó turismo impulsados pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel. Os concertos, de balde, reúnen a catro propostas musicais dentro destes xéneros e terán lugar á tardiña nas Airas e prazas das distintas localidades caurelás o que permitirá gozar, non só da música senón tamén da contorna. Esta primeira edición do CourelSon comezará o vindeiro 26 de Xullo en Seoane do courel coa actuación da banda madrileña de blues Edu Manazas & Whiskey Tren. O 2 de Agosto, en Seceda*, será o momento do dúo belga Tiny Legs Tim. O cuarteto vigués de jazz FoureJazz estarán no serán do 9 de agosto e Parada de Courel e o ciclo terminará por todo o alto coa actuación de Sumrrá en Paderne o 23 de agosto. * Por cambios de derradeira hora desenvolveráse en FROXÁN a partires das 20:00h.
Eva Fernández, Puerta Sur, Raynald Colom ou Miguel Lamas protagonizan o II Jazz de Ría
Xénero:
| 2 / 7 / 2018A lancha que fai o traxecto Mugardos-Ferrol serviu o pasado venres para presentar a segunda edición de Jazz de Ría. Este festival que coorganizan as dúas localidades conta no seu novo cartel con nomes como Eva Fernández, Puerta Sur, Raynald Colom, Miguel Lamas & Jorge Vera, Low Bay Hot Band ou Abe Rábade, que actuarán entre os días 13 e 19 de agosto. Un obradoiro de jazz para crianzas, outro de improvisación para voces e outro de Lindy Hop a cargo do grupo de baile Swing On Vigo, fan parte dun programa no que todas as actividades son abertas e de balde. Como novidade, o evento incorpora este ano o Castelo de San Felipe aos seus escenarios, e mantén ademais a lancha, os peiraos das dúas cidades, o Cantón de Cora de Mugardos e a Praza Vella e o Baluarte de Ferrol.
A quinta edición de +QueJazz da Coruña ofrece 14 actuacións
Xénero:
| 27 / 6 / 2018O quinto festival +QueJazz da Coruña terá lugar do 4 ao 27 de xullo en dous dos lugares emblemáticos do jazz desta cidade, o Garufa Club e no Jazz Filloa. Esta edición do evento ofrecerá 14 concertos de jazz, swing e R&B. +QueJazz arrancará o 4 de xullo no Garufa co Andrea Alvergue Trío e concluirá o 27 dese mesmo mes coa Garufa Blue Devils Big Band. Entre as 14 actuacións que compoñen o cartel desta quinta edición, destacan así mesmo dúas das voces femininas máis interesantes do panorama actual: o 13 de xullo Trudy Lynn, unha das grandes divas do blues, actuará por primeira vez na Coruña no Garufa Club, que acollerá a La Negra o 21 de xullo. Pola súa banda, o Jazz Filloa ofrecerá os directos do Alejandro Vargas Trío ou do Roberto Somoza Quartet, entre outros. As entradas para os concertos nesta sala poderán adquirirse de xeito anticipado mediante reserva por correo electrónico, mentres que para os do Garufa estarán dispoñibles a través da plataforma Notikumi.
Pablo Castaño Quartet achégase ás fontes tradicionais desde o jazz con 'A-la-láa'
Xénero:
| 25 / 6 / 2018Músico de enorme experiencia e curtido ao longo de 20 discos nos que interveu na súa carreira, o saxofonista Pablo Castaño formou un cuarteto á volta da súa estadía neoiorquina de 6 anos. É con esta formación, Pablo Castaño Quartet, coa que saca o primeiro disco co seu nome á fronte. A-la-láa (aCentral Folque, 2018) foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova York polo produtor Kastuhko Naito. Castaño está acompañado na gravación de dous nomes relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova York, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o contrabaixista arxentino Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco: Alalá do vento e Alalá da estrela e da Lúa. Dez temas conforman este traballo que desde o jazz aproxímase á música tradicional galega toma e como punto de partida os cantos libres como os alalás e as coplas. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart. O disco xa está dispoñible para a venda e en plataformas dixitais.
O 14º ImaxinaSons presenta programa con gran presenza de jazz americano e galego
Xénero:
| 19 / 6 / 2018O Festival de Jazz de Vigo ImaxinaSons inicia a súa nova etapa baixo a dirección artística dos músicos Yago Vázquez e Felipe Villar e coa presentación onte a cargo do alcalde da cidade Abel Caballero manifestando o obxectivo de "fabricar" nunha década "un certame de ámbito europeo". Así o dixo na presentación da 14ª xeira desta iniciativa cultural que o Concello dota para esta edición con 150.000 euros. O festival, que nas anteriores etapas servía de xa de centro da difusión da creación jazzística europea contemporánea, ofrece este ano un programa máis achegado á fonte americana do jazz. Formacións galegas como Manolo Gutiérrez Trío, The Alley Stompers ou Comando Radar comparten un importante cartel de actuación coas propostas de reputados artistas estadounidenses como o Kenny Garrett Quintet, Charenée Wade, Glenn Zaleski Trío, Kurt Rosenwinkel Caipi Band ou o espectáculo Equality de Drewes, Lee & Hirshfield no peche desta edición. O Concerto de Apertura o próximo venres, 29 de xuño, no Auditorio Municipal vén da man do británico Soweto Kinch en trío, saxofonista, MC e compositor multipremiado que se especializa nun estilo de marca rexistrada de jazz, rap e spoken word, a diferenza de calquera outro intérprete no mundo. O 14 ImaxinaSons contará con 19 formacións e solistas internacionais, nacionais e galegos Os espazos nos que se vai desenvolver esta edición, que tamén ten un importante número de jam sessións, son o Auditorio Municipal de Vigo, A Casa das Artes, o Conservatorio Superior de Música ou lugares ao aire como a rúa Londres ou a Praza da Princesa.
Veteranos artistas da beira do Mississippi no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Xénero:
| 13 / 6 / 2018A vixésima sexta cita da cidade de Pontevedra co seu afamado festival Internacional de Jazz e Blues xa ten datase programa completo. Entre o luns 16 e o sábado 21 de xullo a nova edición deste evento encherá a capital provincial de música en diversos formatos. Ademais do jazz de rúa en movemento o programa ofrece seis concertos nas prazas e outras tantas jam sessións nocturnas. O Alfonso Calvo Septet, do contrabaixista compostelán Alfonso Calvo, será quen abra o programa o luns 16 na Praza do Teucro. O jazz galego de novo terá nutrida representación no cartel mentres que desde a beira do Mississippi, Memphis e Nova Orleáns, chegan á beira do Lérez dúas das propostas internacionais que suscitarán grande interese nesta edición. O peche corresponderá tamén a un combo internacional de músicos de jazz brasileño. Cada noite a sala A Gramola acollerá unha jam session a partir da medianoite.
REPORTAXE

Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical