Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival
Xénero:
| 3 / 11 / 2021Os estadounidenses Kenny Garrett e o Julian Lage Trio encabezan o cartel do Festival de Jazz de Lugo, que celebra este mes de novembro a súa trixésimo primeira edición. Entre os días 5 e 21 de novembro, a Cidade da Muralla acollerá ao amparo deste programa un total de vinte e cinco concertos, con nomes como Dave Weckl & Tom Kennedy Project, Black Art Jazz Collective, Ghost-Note, Huntertones, os británicos Ray Gelato & The Giants, ou o galego Abe Rábade co seu trío. Canda a el, Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Aló Django Quartet, d’A Trío, Viruxe e Alfonso Calvo Septeto completan a presenza galega nesta xeira.
O Outono Códax tende unha ponte entre Santiago e Nova Orleans
Xénero:
| 22 / 10 / 2021Este ano o Outono Códax festival coida que pode dar o nivel que busca, coas circunstancias sanitarias a favor, e a organización (Raíña Productions e A Reixa) así o ven de demostrar coa presentación dun impresionante cartel que coloca á cita coma un dos fitos musicais do ano. Para esta XI edición o festival de música negra de Santiago de Compostela pon a súa ollada na cidade de Nova Orleans e nas súas músicas a través das bandas e artistas presentes no cartel así coma dos diversos eventos temáticos programados. Co número 11 por diante, o evento subirá aos escenarios 11 propostas musicais entre o 11 de novembro e o 11 de decembro xuntando baixo a súa marca os sons máis selectos do soul, jazz, swing ou blues a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algúns dos músicos galegos máis relevantes do panorama actual. As entradas saen á venda hoxe mesmo.
Dúas citas co blues florecen na costa
Xénero:
| 17 / 9 / 2021Establecer unha relación natural entre o xénero musical americano do blues e o mar semellaba unha tarefa ao aLcance dun feixe de lugares, entre eles Galicia dado o especial xeito de sentir o mar que nestas costas existe. Dúas citas deixan ver o adecuado desta relación no noso territorio. Mañá sábado e o domingo terá lugar unha nova edición do Fisterra Blues Experience, que este ano engade algo máis de potencia roqueira á súa habitual selección artística de blues. Esta é a quinta edición do evento organizado por Nordesía Producción, consolidando a relación entre esta localización costeira e un xénero especializado, que funciona como polo de atracción. O grupo Los Enemigos e o combo internacional formado arredor de Marcos Coll (Will Jacobs, Dorrey Lyles, Javier Vacas & Julian Vaughn) encabezan un cartel no que tamén están Sés e a Fisterra House Band, estes últimos actuando desde unha embarcación.
Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra
Xénero:
| 13 / 8 / 2021O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.
Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz
Xénero:
| 30 / 4 / 2021Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.
Sumrrá presenta hoxe '7 visións' o seu disco máis existencial
Xénero:
| 16 / 4 / 2021O Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a presentación oficial en concerto do novo álbum do trío de jazz Sumrrá. SUMRRÁ 7 VISIÓNS (Clermont MUsic) é o sétimo disco desta formación que leva xa 21 anos sendo a punta de lanza do jazz en Galicia e unha das formacións máis coñecidas do xénero fóra da comunidade. O pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo. O disco estará dispoñible en todas as plataformas a partires do 30 de abril.Marcado polo confinamento, unha das diferenzas con respecto aos anteriores traballos é ser o primeiro traballo da formación que se levou a gravar sen ter tocado os temas previamente ente público.
Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum
Xénero:
| 22 / 1 / 2021Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".
Turnes e Casquero apostan polo son ao vivo en Fidelio 85
Xénero:
| 15 / 1 / 2021Javier Turnes, voz e guitarra da Bakin Blues Band e Alejandro Casquero, piano da mesma formación, estréanse como dúo con Fidelio 85. A partir dos seus instrumentos, Turnes e Casquero amplían repertorio e integran, a partir do blues versións de temas de soul, gospel e baladas, nunha aposta que gravaron ao vivo no pub compostelám Borriquita de Belém en decembro de 2019 logo de cinco anos de recitais por salas de todo o país. Unha aposta que xorde "da nudez e da intimidade dun pequeno formato" mais que "propón a potencia do directo dunha banda" para "pór sobre a mesa, sen adornos, aquilo que consideran máis verdadeiro e excitante do blues". O dúo anuncia a súa intención de continuar percorrido a desenvolver un novo álbum de temas propios.
Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
Xénero:
| 12 / 1 / 2021Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.
O festival de jazz e blues de Ribadeo comeza esta semana a súa sexta edición
Xénero:
| 1 / 12 / 2020Cunha exposición fotográfica de Cris Andina, profesional ribadense moi coñecida no mundo da música en vivo e os festivais, dará comezo este 4 de decembro o VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo que aínda que se fixo agardar finalmente terá lugar. A oficina de turismo da localidade lucense acolle esta exposición ata o día 19 de decembro. No auditorio municipal Hernán Naval terán lugar tres concertos os día 6, 8 e 12 de decembro. A banda bilbaína Travellin’ Brothers abre este ano o apartado musical ás 20 horas do domingo coa súa música americana de raíz. A presenza da escena musical galega correrá a cargo dos Sumrrá, o trío compostelán de jazz estará o martes 8 no auditorio de Ribadeo. O peche desta edición será o sábado 12 coa actuación de Zenet, que traerá o seu latin-jazz ao festival do norte galego.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical