Dúas citas co blues florecen na costa
setembro 17, 2021
Establecer unha relación natural entre o xénero musical americano do blues e o mar semellaba unha tarefa ao aLcance dun feixe de lugares, entre eles Galicia dado o especial xeito de sentir o mar que nestas costas existe. Dúas citas deixan ver o adecuado desta relación no noso territorio. Mañá sábado e o domingo terá lugar unha nova edición do Fisterra Blues Experience, que este ano engade algo máis de potencia roqueira á súa habitual selección artística de blues. Esta é a quinta edición do evento organizado por Nordesía Producción, consolidando a relación entre esta localización costeira e un xénero especializado, que funciona como polo de atracción. O grupo Los Enemigos e o combo internacional formado arredor de Marcos Coll (Will Jacobs, Dorrey Lyles, Javier Vacas & Julian Vaughn) encabezan un cartel no que tamén están Sés e a Fisterra House Band, estes últimos actuando desde unha embarcación.
Noia repite blues
Algo máis abaixo na costa a vila de Noia repite por segundo ano como anfitrioa do Vilablues Festival, o evento que buscou novo porto tras o seu nacemento en Vilagarcía de Arousa. Os tres primeiros días de outubro a vila noiesa reunirá unha impresionante oferta especializada, pensada para atraer a coñecedores e espallar entre curiosos do xénero. Nesta ocasión o Vliablues ademais reforza o seu cartel con importantes nomes do xénero internacionais. O veterano artista xamaicano Roy Ellis encabeza esta edición xunto á impresionante Shirley Davis, acompañada de The Silverbacks. No cartel están tamén outros artistas da escena blues internacional coma J.P. Bimeni & The Black Belts, Tail Dragger, Shanna Waterstown sen desmerecer as achegas galegas como Adrián Costa, Blues do país, Mallou, Espiño, Jay Doe & The Blues Preachers Feat. Figui ou El Combo Batanga. Un cartel para tres días, que de ofrecer o mesmo nivel de organización que o pasado ano será unha das citas musicais galegas de outubro máis sonadas. Os abonos xa están á venda.