Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Máis de vinte concertos no 34 Festival de jazz de Lugo
Xénero:
| 28 / 10 / 2024A 34ª edición do Festival de Jazz de Lugo, dará comezo este venres e ofrecerá 24 concertos ata o vindeiro 17 de novembro. O Festival está organizado desde 1991 pola Asociación de Amigos do Jazz "Escobijazz", un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música. A edición deste ano contará con 24 citas, acollendo tanto estrelas e grandes figuras internacionais como novos valores do mundo do Jazz e, por suposto, representantes do mellor jazz estatal e galego. De feito este ano case a metade dos proxectos son galegos como as actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz. A participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.
O Festival Jazz de Ría amplíase a cinco días
Xénero:
| 9 / 8 / 2024Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano contará con un cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz. No seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz o festival amplía a cinco días o seu cartel de concertos e actividades en escenarios privilexiados afondando nas novas sonoridades do jazz a través de nove sorprendentes propostas que abrazan o xénero desde diferentes sensibilidades.
A imaxinación musical do Baldo Martínez Sexteto
Xénero:
| 7 / 8 / 2024"Danza imaginaria" é o tema de presentación de 'Música Imaginaria' (karonte Dsitribución, 2024), novo traballo do sexteto liderado polo contrabaixista Baldo Martínez e que comparte con Julián Sanchez (trompeta e fiscorno), Juan Saiz (saxos e frauta), Joâo Barradas (acordeón), Andrés Coll (vibráfono e marimba) ea tamén galega Lucía Martínez (batería e percusión). Este disco, xurdido dun proxecto producido polo Festival de Jazz de Vitoria 2023 como encarga a Baldo Martínez, deu neste traballo discográfico que tivo a presentación oficial na edición deste ano do festival. Vencellado directa e explicitamente cos sons do folclore galego, o disco ofrece mostras da calidade dos seis artistas que nel conflúen e a súa capacidade para o "free jazz", improvisando a partires das composicións de Martínez e sesións de estudio ou directos. Unha mostra do poder da imaxinación musical que dá nome ao álbum en claves contemporáneas.
Martins Aneiros Band debuta con Rain
Xénero:
| 15 / 11 / 2023A voz de Paula Martins e a guitarra de Víctor Aneiros compoñen a base de Martins Aneiros Band, unha formación que acaba de debutar no mercado discográfico con Rain. Dez cortes que combinan grandes referentes do blues con composicións propias, con letras da vocalista e música do guitarra, conforman a carta de presentación deste proxecto.
O festival de Jazz de Lugo comeza este venres a súa XXXIIIª edición
Xénero:
| 2 / 11 / 2023O Festival de Jazz de Lugo, organizado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, comeza este venres a súa 33ª edición. A veterana cita lucense fará pasar pola cidade a grandes nomes internacionais e artistas destacados de Galicia e o resto do estado, nunha mestura sempre programada desde a excelencia e o bo facer. Ata día 19 o festival ofrecerá ata 24 concertos, que aínda que enmarcados a grandes rasgos no xénero do jazz, ofrecen unha enorme variedade de sons e orixes. O Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes e a Casa do Saber serán as sedes das actuacións deste ano.
O festival de Jazz de Pontevedra comeza hoxe a súa 29ª edición
Xénero:
| 7 / 8 / 2023A Praza da Ferraría de Pontevedra acollerá hoxe co concerto de Gisele Jackson and The Shu Shu’s o comezo da 29ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra que terá lugar ata o 11 de agosto. A edición deste ano, que se moveu das súas datas tradicionais de xullo a agosto, porá o foco no blues e no soul, sen esquecer o jazz que quedará nas mans dos músicos galegos presentes nesta edición. Estas músicas terán representación a través das artistas internacionais Gisele Jackson, Acantha Lang e Vanessa Collier, namentres a parte máis "jazzera" do cartel recaerá nos pontevedreses Pablo Patiño e Mr. River. Todos os concertos serán de balde e tamén a Street Band Chivinjazz percorrerá as rúas da cidade todos os días que dure o festival ás 12.30 e ás 20 horas. O concerto de hoxe supón un cambio de última hora ao caer do cartel a artista Carolyn Wonderland por razóns de saúde. A organización, nun movemento áxil e a contrarreloxo, logrou confiar este día a Gisele Jackson and The Shu Shu’s.
Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria
Xénero:
| 18 / 7 / 2023"Zugunruhe" é un termo alemán que se usa para describir un comportamento animal de ansiedade visible nas especies de costumes migratorias, especialmente nas aves, cando lles chega o momento de iniciar o seu periplo. Pódese traducir como "inquietude migratoria" e así co termo alemán e a súa tradución serve de título ao terceiro disco de estudio do compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed. O concepto mesmo do que fala ese título motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia des necesidade de movemento. Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta este álbum acompañado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, habituais do seu trío, aos que se engade nesta ocasión o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.
O Jazz de Ría crece ata Valdoviño na costa Ártabra
Xénero:
| 12 / 7 / 2023A sétima edición de Jazz de Ría ven de presentar o seu programa, que se celebrará do 18 ao 21 de agosto en escenarios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño, que este ano se incorpora ao festival. Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da costa ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. A sétima edición do festival abarca todas as cores do jazz, transitando desde propostas flamencas ao dixieland de Nova Orleáns, o gypsy ou a música swing, para recuncar na diversidade de interesantes proxectos galegos que pintan o jazz con trazos de neosoul, funk ou experimentación contemporánea, na procura de novas sonoridades. Completan o programa aulas de baile, un obradoiro para crianzas, e un roteiro pola costa que rematará cunha sesión de contos musicados dedicados ás mulleres do mar. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde. As inscricións abriranse o 1 de agosto na web do festival.
Mallou gañan o XIV Premio Narf de música
Xénero:
| 12 / 12 / 2022O dúo Mallou, conformado por Sabela Rey e Benxamín Vázquez, acadaron o favor do xurado do XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. A gala da final, celebrada no Teatro Colón da Coruña servíu para tomar a decisión entre as propostas que chegaron a ela entre máis das trinta propostas recibidas, o grupo Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira.
O festival de Jazz e Blues de Ribadeo presenta a VIIIª edición
Xénero:
| 23 / 11 / 2022Ribadeo acolle desde este venres unha nova edición do seu Festival de Jazz e Blues, a oitava en dez anos e que volve celebrarse tras do parón pandémico. Un cartel de artistas no que hai primeiras figuras do xénero da escena internacional, estatal e galega conforman unha oferta que se estenderá ata o vindeiro 11 de decembro e forma de concertos, ceas con concerto, masterclass, gastronomía e unha exposición que repasará a primeira década deste festival da Mariña lucense. Pablo Sanmamed Trío abrirá a programación este venres cunha cea-concerto no restaurante Javier Montero, tras o acto de apertura do festival e da exposición na Oficina de Turismo da localidade. Bandas da escena internacional como Gisele Jackson & The Shu Shu´s, Red Beans & The Pepper Sauce e Noa Lur, pasarán por Ribadeo ao igual que os cubanos Trio Mejunje, Pablo Castanho / Marcos Pin Jazz Orchestra e Los Deltonos. Carmen rey e Matabuena Trío serán os encargados de outras das ceas-concerto.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical