Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Outono Códax tende unha ponte entre Santiago e Nova Orleans

O FESTIVAL DE MúSICA NEGRA VOLTA CUN CARTEL INTERNACIONAL NA XIª EDICIóN

O Outono Códax tende unha ponte entre Santiago e Nova Orleans

JAZZ/BLUES | outubro 22, 2021

imaxe non dispoñible

Este ano o Outono Códax festival coida que pode dar o nivel que busca, coas circunstancias sanitarias a favor, e a organización (Raíña Productions e A Reixa) así o ven de demostrar coa presentación dun impresionante cartel que coloca á cita coma un dos fitos musicais do ano. Para esta XI edición o festival de música negra de Santiago de Compostela pon a súa ollada na cidade de Nova Orleans e nas súas músicas a través das bandas e artistas presentes no cartel así coma dos diversos eventos temáticos programados. Co número 11 por diante, o evento subirá aos escenarios 11 propostas musicais entre o 11 de novembro e o 11 de decembro xuntando baixo a súa marca os sons máis selectos do soul, jazz, swing ou blues a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algúns dos músicos galegos máis relevantes do panorama actual. As entradas saen á venda hoxe mesmo.

O Auditorio de Galicia acollerá o concerto inaugural do evento e un dos pratos fortes do programa: a actuación da cantante estadounidenses Judith Hill, corista de Prince, de Stevie Wonder e unha das voces seleccionadas para a xira This is it de Michael Jackson e unha das grandes voces do soul de Estados Unidos. Tras diso as actuacións volverán aos seus lugares habituais nas edicións pasadas, da Sala Capitol e o Riquela Club. Buscando o fío de conexión que transporte a esencia de Nova Orleans a Santiago, o Outono Códax 2021 trae desde a capital do blues, en exclusiva para o festival, á banda Aurora Nealand & The Royal Roses, formación liderada por unha das saxofonistas máis aclamadas da escena musical da cidade, e o seu convidado: o clarinetista e escritor Tom Sancton, que tamén participará nunha das actividades paralelas do festival. Nova Orleans é xustamente a fonte primixenia e fundamental de inspiración do combo madrileño Nola Brass Band ou de Theo Lawrence, un músico, cantante e compositor independiente que representa como poucos o cruzamento de culturas e sonoridades que representa a cidade de Luisiana. A programación do Outono Códax 2021 completarase cunha charla temática en torno á escena musical de Nova Orleans na que intervirán expertos da talla de Aurora Nealand, Carlos Childe, Jacobo Rivero ou Tom Sancton, unhas xornadas gastronómicas de cociña cajún ( a propia desa zona dos EEUU), a presentación de dous libros, cinco sesións pinchadas e tres catas de viño coa maridaxe de outono.

Outros xéneros como o soul ou o blues tamén terán destacada presenza no Outono Códax 2021 da man do carismático bluesman Big Daddy Wilson, músico procedente de Carolina do Norte, e da londiniense Izo Fitzroy, unha das voces máis significativas do soul contemporáneo europeo. A presenza galega no festival confórmana The Carlos Childe Band (con estreitos vínculos con Nova Orleans), Martins Aneiros Band, Pardo e The Allnight Workers, que se reúnen para esta ocasión, nove anos despois da súa disolución, para facer un repertorio que mesturará os seus éxitos con temas escollidos especialmente para esta edición. En total serán sete citas (11, 19 e 26 de novembro e 3, 9, 10 e 11 de decembro) as que presentará o festival, un ano máis baixo o patrocinio de Bodegas Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela e Gadis.