Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum

O PIANISTA PRESENTA TAMéN O PROXECTO AUDIOVISUAL PIANO SOLO ENTRE áRBORES

Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum

JAZZ/BLUES | xaneiro 22, 2021

portada-Sorte-Abe-Rabade-Trio.jpg

Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".

En paralelo a este lanzamento, Rábade presentaba tamén este 21 de xaneiro Piano solo entre árbores, un recital en vídeo de catro temas gravados ao vivo e ao aire libre na parroquia de Asados, en Rianxo o pasado mes de novembro. O músico interpreta en solitario temas creados durante o confinamento, improvisa e fala sobre a música neste proxecto audiovisual da cooperativa Miraxe que fai parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, impulsado pola Secretaría de Política Lingüística.

Por se fose pouco, xa hai na rede un adianto do que será o vindeiro proxecto discográfico do pianista. Freixo é a primeira entrega de Botánica. Un vídeo da canción gravado na Casa do Río amosa unha mestura de jazz con ritmos tradicionais na que colabora Davide Salvado e que acompaña as danzas do proxecto Emerxencia de Daniel Pardo.

Abe Rábade fala sobre o seu novo disco en Youtube


Amencida, do álbum Sorte


Piano solo entre árbores


Emerxencia: Freixo

datos do disco