Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Rafael Quintía e João Bieites presentan A Pedra do Fundamento
Xénero:
| 7 / 4 / 2017Unha escolma de dez anos de traballos musicais compoñen A Pedra do Fundamento, o álbum que acaban de presentar o antropólogo Rafa Quintía e o músico João Bieites. En total son vinte e nove temas inspirados na mitoloxía galega nos que se combinan pezas compostas para documentais con traballos inéditos. O proxecto, audoeditado, mestura sons folk e tradicionais e contou con colaboracións como as de Francisco Sutil, Antonio Vázquez, Alexandre Leiro, Xosé Feijoo, Rosalía Rodríguez ou César Martínez. Guitarras e outros instrumentos de corda mestúranse con gaitas, teclados e diferentes percusións no álbum, cuxos temas fan referencias a lugares como A cruz do Seixo ou A fonte da prata e a elementos e lendas como Labirintos, O Alicornio ou O demo asubiador, que fan parte da nosa cultura tradicional.
Muxicas leva o X premio Andaina Senlleira
Xénero:
| 27 / 3 / 2017A piques de cumprir catro décadas de traballo, a banda viguesa Muxicas acaba de ver recoñecido o seu traballo co premio Andaina Senlleira. O galardón honorífico dos Premios Opinión de Música Folk valoran a traxectoria deste grupo, que ten sete discos ás costas nos que foron explorando diferentes camiños dentro da tradición. Entre os títulos que marcaron este percurso, destacan de xeito especial o álbum duplo Muxicas e Naturalmente, de 1998. O galardón entregarase o vindeiro 12 de maio na Gala dos Premios Opinión, na Coruña, un evento que contará coa actuación de TRIM, do dúo Anxo Lorenzo e Germán Díaz e mais das cantareiras de Algarada.
Oscar Ibáñez presenta un disco de homenaxe a Ricardo Portela o Gaiteiro de Viascón
Xénero:
| 23 / 3 / 2017Co gallo dos 25 anos do pasamento do gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra-1992) Oscar Ibáñez presenta un novo disco baixo o título Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Anos Pasamento no que homenaxea ao Gaiteiro de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. A efeméride incluirá ademais diversos actos este venres nos concellos de Cerdedo-Cotobade, cunha ofrenda floral ante o busto dedicado ao músico, e en Pontevedra co descubrimento dunha placa na rúa Laranxo e unha posterior gala musical no Teatro Principal. No disco colaboran na percusión destacados artistas que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estevez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas "Polo" (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López "Toniño" (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesus Corral Fernandez (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega). O álbum foi gravado, mesturado e masterizado en Chispún! Estudio (Vigo) por Rubén Troitiño, edita e distribúe Inquedanzas Sonoras baixo licenza de Oscar Ibáñez. Non é a primeira vez que Ibáñez rende tributo a este mestre da gaita, xa en 2008 impulsou unha homenaxe en forma de dobre CD editado por Edicións do Cumio baixo o título Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre.
Talabarte fai pleno en todas as candidaturas aos Premios Opinión
Xénero:
| 10 / 3 / 2017A XVIª edición dos Premios Opinión da Música de Raíz, vencellados ao xornal La Opinión de Coruña, ven de desvelar as candidaturas finalistas que optarán a galardón. Sete discos lograron obter un lugar entre algunha das candidaturas elaboradas polo xurado, composto por oito persoas que falan sobre música de raíz en diferentes medios de comunicación. O disco Fake de Talabarte conseguiu ser o único presente nas tres categorías dos premios por mellor álbum, mellor tema orixinal e lograr Pedro Pascual os votos necesarios para ser finalista na categoría de mellor artista. Ademais dalgúns nomes que xa concorreron en edicións anteriores cos seus proxectos musicais outros artistas, mesmo con anos de carreira logran por vez primeira entrar nas candidaturas, é o caso de Rosa Cedrón e Xoán Curiel. Caxade consegue dous nomeamentos entre a lista de finalistas, pola canción Nábia e como artista. Nesta última categoría é a terceira vez que aparece na historia dos galardóns, dos que xa resultou gañador na décimo terceira edición.
Milesios continúa Indoevindo no seu novo traballo
Xénero:
| 22 / 2 / 2017Catro anos despois daquel Alén mar, Milesios publica o seu segundo traballo discográfico. Indoevindo continúa a senda de mestura entre a música galega e irlandesa en once temas que beben das dúas tradicións e que integran sons tradicionais con composicións propias. O septeto formado por Maite Veiga, Marta Portela, Manuel María Veiga, Manuel do Moucheiro, Noelia Fersán, Paula Veiga e Senén Montero integra percusións, baixos, guitarra, batería, violíns gaitas, bouzouki, mandolina, acordeóns, bodhran e mesmo gadañas nuns arranxos complexos e coidados. Arturo Vaquero foi o responsable da gravación do álbum nos estudios Abrigueiro. O proxecto, autoeditado, ve a luz en formato libro-CD, nun volume con 52 páxinas e fotos orixinais de Daniel Díaz Trigo e que inclúe ademais unha paisaxe sonora e dúas músicas extras. A Casa do Saber en Lugo acolle este venres 24 de febreiro o concerto de presentacion.
Pesdelán pon a bailar o Entroido
Xénero:
| 6 / 2 / 2017A agrupación Pesdelán presenta estes días o seu segundo traballo editado, o DVD Entroidanzas . Mantendo o seu obxecto de espectáculo e proxecto didáctico Pesdelán pretende con este traballo achegar os xeitos en que distintas zonas do mundo celebran con música e danza os seus entroidos. Tras unha pesquisa global e un traballo de documentación importante a agrupación seleccionou once temas con músicas e danzas que se puidesen reproducir nos seus espectáculo e sempre cos parámetros de poder ser bailadas por xentes de todas as idades. Italia, Grecia, Colombia, Arxentina, Perú Brasil e Venezuela están representadas nesta compilación de celebracións do carnaval tradicional deses países. Do folclore galego Pesdelán seleccionou dúas pezas: a Mazurca-Valse de Meira (Moaña) e os Folións de Ourense. No DVD, xa a venda en puntos de venda físicos e a través de Internet, Pesdelán amosa cada danza explicando didacticamente o xeito no que se leva a cabo, contando co aparticipación de máis de 50 persoas que tomaron parte nestas gravacións. Para aqueles interesados só na parte musical o grupo tamén pon á venda as pistas en MP3 do DVD a través do correo electrónico. Con este traballo Pesdelán estará presente este ano no Entroido ofrecendo obradoiros e actuacións en vivo, en Lugo e Compostela inicialmente.
Luar na Lubre inicia a xira de 30 aniversario con nova vocalista
Xénero:
| 31 / 1 / 2017O concerto co que comezou da xira de trinta aniversario de Luar na Lubre, este 28 de xaneiro en Compostela, foi tamén o de despedida de Paula Rey como vocalista logo de seis anos. O conxunto que capitanea Bieiro Romero acaba de anunciar a remuda do cantante. A coruñesa Belém Tajes será a quinta voz no conxunto folk, e estrearase de xeito oficial no concerto que a banda ten previsto para este venres 3 de xaneiro en Almería. Sevilla, Granada, Madrid, Ponferrada e Porto serán as seguintes etapas dun tour que prevé recalar na Coruña a coincidir coas vindeiras festas de María Pita e en Pontevedra o vindeiro mes de xullo. Guanajuato, Miranda de Ebro, Valladolid, Barcelona, Lisboa,Barakaldo, Cáceres, Albacete, Castelló e Logroño son outras paradas xa confirmadas nesta xira. Tajes, especialista en musicoterapia, ten participado en formacións como Voodoo e Sisters in the House, e o pasado ano participou no proxecto de intercambio entre músicos en linguas minorizadas Tosta Cultural Cargo.
Primordiais dá a coñecer o seu primeiro álbum
Xénero:
| 26 / 1 / 2017A promoción de Droguería Moderna, o seu primeiro álbum, está a mobilizar o dúo Primordiais. Acaban de subir á rede o vídeo do seu single Por ti moreno e preparan concerto para o vindeiro 18 de febreiro no marco da Rede de Músicas Soltas de Redondela. Luis Martíns e Marcelo DoBode combinan arpa, voz e percusión nunha orixinal reinterpretación da tradición do país con aires improvisados, e toques jazz que denominan "músicas de OrTa" e "musicas en crecemento". O álbum ve a luz da man de Mada Producións
Fol Música reúne unha representación feminina da nosa música no disco 'Mujer Raíz- Root Woman'
Xénero:
| 20 / 1 / 2017O selo discográfico Fol Música ven de presentar un disco recompilatorio no que fai unha homenaxe ás mulleres da música de raíz. En Mujer Raíz – Root Woman reúnense voces femininas esenciais da música galega actual copando a maioría dos 14 temas do disco, complementadas con outras propostas de mulleres de Brasil ou África , por exemplo. No disco están presentes Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato, Rosa Cedrón e Sés. Tamén están como grupo Malvela, Doa e Fuxan os Ventes, estes últimos acompañados de Sabela Rodríguez. O músico ourensán Magín Blanco tamén aparece colaborando en dúas das cancións, nunha delas coa brasileira Luanda Cozzetti. A través dun comunicado o selo di querer comezar así o ano "porque -din- presentimos que vai ser un ano transcendental para os dereitos das mulleres. Van caer moitas barreiras e derrubar muros de prexuízos e inxustizas que aínda existen en todo o mundo. As mulleres van tomar conciencia da súa forza e a súa poder e sen renunciar aos seus valores, á feminidade, a intuición, a compaixón. A empatía e a non violencia, van dar un salto cuántico para lograr a igualdade e ocupar lugares e posicións relevantes en todos os ámbitos políticos e culturais." O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.
Sae á venda Enxebre, o último disco de Brath
Xénero:
| 12 / 1 / 2017Aínda que levan un anos presentándoo ao vivo, non foi ata este mes de decembro que saíu á venda Enxebre, o último disco de Brath. A veterana banda folk que capitanea Eloi Caldeiro presenta dez novos temas nos que os títulos remiten a elementos da tradición galega (A Santa Compaña, O Trasno, A Bruxa Meiga, As fogueiras de lume novo) que se mesturan con referencias celtas como Druídas, Samhaín, Lughnasadh ou Beltane das fachas. Fiel ao seu estilo, o proxecto continúa unha aposta de folk no que a batería e a percusión teñen unha grande importancia e onde non faltan tampouco guitarras eléctricas. Segundo asegura Caldeiro, o título supón un retorno aos comezos de Brath, que conmemora con este álbum 36 anos de traballo. Enxebre ve a luz nun formato de libro-CD con múltiplos contidos extras e unha edición a toda cor.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos